Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, Asociación de
Asociación que se creou oficialmente en 1984 coa intención de promover o uso do galego nas administracións públicas. Os seus membros fundacionais foron Xosé González Martínez, Xoaquín Monteagudo Romero, Xermán García Cancela e Carlos Díaz Abraira. En 1984 a AFNLG propúxolle a Xerardo Estévez, a convocatoria dunha xuntanza de rexedores municipais galegos para orientar a política lingüística nos concellos galegos. Posteriormente a AFNLG asinou con colectivos pertencentes ao ámbito do dereito convenios de colaboración para normalizar e estender o uso do galego. Coa Dirección Xeral de Política Lingüística editáronse por primeira vez textos xurídicos en lingua galega e creáronse gabinetes de asesoramento lingüístico nas audiencias provincias e no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Como consecuencia disto, maxistrados como Daniel García Ramos, Pablo Sande, Orencio Pérez González, Benito Montero, Carlos Varela, Xosé Xoán Barreiro Prado e Fernando Leiceaga, moitos xulgados e tribunais de Galicia empezaron a publicar sentencias e resolucións xudiciais en galego. No terreo laboral propúxoselle ao Consello Galego de Relacións Laborais a aprobación de medidas para incorporar o uso do galego na negociación colectiva. A colaboración co Instituto da Lingua Galega permitiu abrir neste centro unha Sección de Linguaxe Xurídica e Administrativa da que saíron vocabularios e formularios administrativos que facilitaban o uso do galego no procedemento administrativo. No terreo lexislativo, conseguiu que o Parlamento de Galicia aprobase iniciativas parlamentarias que serviron para impulsar accións gobernamentais e desenvolver os dereitos lingüísticos; entre todas elas, cómpre destacar a aprobación de editar o BOE nas catro linguas do Estado. Xa con anterioridade (1985), conseguira que o DOG se editase unicamente en galego. Na década dos 80, a colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela permitiu a creación do Servicio de Normalización Lingüística, que galeguizou boa parte da universidade compostelá, e a celebración dos Encontros Universidade-Concellos Galegos. A AFNLG iniciou en Galicia o labor de galeguizar o mundo empresarial e para iso creáronse dous servicios de normalización lingüística en Construcións Malvar e COVSA, e estimulouse a creación da Fundación Galicia Empresa. Editou as revistas Lingua e Administración e Revista de Administración Galega. Recibiu o Premio da Crítica Galicia (1985), o Premio Santiago da TVE (1987) e o Premio Pedrón de Ouro (1989).