Futebol Clube do Porto
Club deportivo portugués. Fundado no Porto o 28 de setembro de 1893, o seu uniforme consta de pantalón azul e camiseta de raias verticais azuis e brancas. O equipo de fútbol proclamouse campión da Copa de Europa na tempada 1986-1987, o que lle permitiu disputar a Supercopa de Europa e a Copa Intercontinental subseguintes, que tamén gañou. Obtivo ademais 18 títulos da liga portuguesa, 11 da Taça de Portugal, 4 campionatos nacionais e 12 supertaças de Portugal. O equipo de hóckey a patíns tamén foi campión de Europa, nas tempadas 1985-1986 e 1989-1990, ademais de vencedor da Recopa de Europa noutras dúas oportunidades (1981-1982 e 1982-1983) e da Supercopa de Europa na tempada 1986-1987. Mantén seccións de baloncesto, balonmán, halterofilia, karate, natación e ximnasia; historicamente tamén acolleu no seu seo disciplinas como atletismo, boxeo, ciclismo, tenis e water-polo. Dende 1995 o club emprendeu un proceso de expansión e diversificación das súas actividades que o levou a crear o Grupo FC Porto, con presenza nos sectores asegurador, clínico, comercial, financeiro e editorial a través de sociedades directamente vinculadas a el e identificadas coa súa imaxe de marca.