Gallaecia ou Callaecia
Unidade xeográfica definida dende o Alto Imperio Romano e integrada polos conventos xurídicos Astur e Bracarense. A orixe do termo está vinculada segundo algúns autores aos galaici, un pobo que habitaría ao N do Douro, e que, a partir das campañas de Décimo Xunio Bruto (137 a C), Craso (96 a C- 94 a C), Perpena (74 a C) e Xulio César (61 a C - 60 a C), se estendería e pasaría a designar a rexión que comprendía todo o NO da Península Ibérica, habitada por un conxunto de pobos dotados de trazos comúns. Ata as campañas de Augusto, no contexto das Guerras Cántabras (29 a C-19 a C), a conquista da Gallaecia non foi definitiva. O gran despregamento militar romano permite supoñer unha dura resistencia dos pobos indíxenas en conxunto, ou dalgúns dos populi en particular. Trala conquista emprendeuse a organización do territorio, que se articulou ao redor de tres novas cidades: Bracara Augusta (Braga), Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo). No s I produciuse a constitución dos conventos xurídicos Bracarense, Astur e Lucense, que se consolidaron durante o goberno de Vespasiano. A partir deste período a aparición nas fontes literarias e epigráficas de referencias á Gallaecia refírese só ao marco xeográfico no que se encadran as poboacións dos conventos xurídicos Lucense e Bracarense, pero non ten ningunha base xurídica, política ou administrativa. Segundo algúns autores, durante o goberno do Emperador Caracalla (212) produciuse unha escisión da provincia Citerior e creouse unha nova provincia, denominada Gallaecia, que quizais conservou os límites da unidade xeográfica de época flavia. Trala chegada de Diocleciano ao poder produciuse unha reestruturación das provincias do Imperio Romano e, entre o 284 e o 288, creouse a provincia de Gallaecia, que incluiría os territorios dos tres conventos xurídicos do NO e a maior parte do convento Cluniense, dende o Cantábrico ao Douro e do Atlántico ata as actuais provincias de Soria e Segovia. A súa capital situaríase posiblemente en Braga e estaría dirixida por un praesides. A decadencia da vida urbana no Imperio Romano ao longo dos ss III e IV non se documentou con claridade na Gallaecia, onde se produciu a fortificación da maioría das antigas cidades como Lugo, Astorga, León e Gijón, seguramente cunha función de prestixio. Durante o Baixo Imperio produciuse un incremento dos asentamentos rurais ou villae, froito do incremento demográfico, acompañado da masiva rehabitación dos asentamentos castrexos como Outeiro de Baltar, A Peneda do Viso, Monte Mozinho e Sanfins. Non participou nos conflitos dinásticos do Baixo Imperio Romano, que se sucederon trala abdicación de Diocleciano e o seu correxente (305), e foi promovida ao rango de provincia consular, sometida ao goberno dun cónsul (365). A presenza do exército romano na provincia da Gallaecia limitábase á Legio VII Gemina e ás súas unidades auxiliares, que se distribuíron para defender as vías, os núcleos urbanos e as explotacións mineiras.