Galo/Gala
Antropónimo de etimoloxía discutida. Probablemente vén do sobrenome étnico latino Gallus ‘galo, natural da Galia’, que talvez se remonte ao címrico gallu ‘poder’, ao córnico gallos ‘potencia’, ao bretón gal ‘potencia’ ou a unha voz céltica que significa ‘potente’. Galo, Gao ou Gall (ou Cao ou Call) é un dos heroes míticos galegos, fillo de Brigo -o lendario primeiro poboador de Galicia- e neto de Tubal -o lendario primeiro poboador da Península Ibérica-, bisneto de Iafet e tataraneto de Noé. Casou coa súa sobriña Celt, filla do seu irmán Artai ou Arteigo, e tiveron catro fillos (Céltigo, Noé, Ar ou Arro e Brito), orixe da raza de gaos, galos ou brigaos, máis tarde céltigos, calaigos ou calaicos. Levaron este nome san Galo (ss VI-VII) e a princesa romana Gala (374-394?), que tivo co Emperador Teodosio unha filla, tamén chamada Gala Placidia (390-450?), que casaría co rei godo Ataúlfo e co futuro Constancio III. A súa festa celébrase o 16 de outubro.