galvanómetro

galvanómetro

(

s m [METROL]

Aparato para medir ou detectar correntes eléctricas. O galvanómetro de bovina ou de cadro móbil está constituído, esencialmente, por unha bovina cuadrangular colgada dun fío de torsión que lle proporciona o par recuperador. A bovina sitúase entre os polos dun imán permanente, de maneira que, ao pasar pola bovina a corrente que se vai medir, esta xira ata unha posición de equilibrio que depende da corrente. O fío de torsión leva solidaria unha agulla (ou un pequeno espello que reflicte un raio de luz) que indica a intensidade da corrente sobre unha escala graduada. Este galvanómetro, chamado tamén de Deprez e de Arsonval, é un dos máis empregados como amperímetro e serve tamén de voltímetro, de fluxómetro e de galvanómetro balístico. É un aparato para a corrente continua. O galvanómetro de imán móbil consiste nun imán permanente colgado dun fío de torsión no seo dunha bovina, que é excitada pola corrente que se quere medir. O imán xira ata a posición de equilibrio. No galvanómetro de lord Kelvin, empregado para correntes extremadamente débiles, o efecto perturbador do campo magnético terrestre sobre o imán elimínase utilizando outro imán situado sobre o primeiro; ambos os dous forman, así, un par astático. Na versión industrial, este galvanómetro, chamado de ferro móbil, leva unha peza de ferro que tende a xirar dentro da bovina coa oposición dun resorte. O galvanómetro balístico é un galvanómetro de cadro móbil destinado a medir cantidades de electricidade no caso de correntes de duración moi curta.