garda

garda

(

  1. s f

    Acción de gardar ou vixiar.

  2. s f

    Conxunto de soldados ou xente armada que se encargan de defender ou vixiar persoas ou lugares.

    Ex: A garda do castelo avisou do perigo.

    1. s f

      Corpo armado que se encarga da vixilancia e defensa de algo ou de alguén. OBS: Adoita escribirse en maiúscula.

    2. Garda Civil [BÉL]

      Instituto civil armado integrado nas forzas e corpos de seguridade do Estado. Mantén unha estrutura xerárquica militar, malia que depende da dirección xeral de Seguridade do ministerio do Interior. Creouse por decreto do goberno moderado de L. González Bravo en 1844 e a súa organización confióuselle a Francisco Javier Girón, duque de Ahumanda, que a dirixiu ata 1854. Ocupábase inicialmente de manter a orde pública. O duque de Ahumada deseñou a distribución dos membros da Garda Civil en doce tercios peninsulares e un insular, posteriormente implantouse tamén nas colonias. A expansión territorial produciuse partindo do centro do Estado e seguindo as principais vías de comunicación, en etapas que abarcaron o ámbito provincial (1846), de partido (1851) e municipal, xa no s XX. A súa estrutura partía do posto como unidade básica e nun nivel superior situábanse as liñas, as compañías, comandancias, tercios e zonas. O servizo realizábase baixo a dependencia das autoridades civís, agás en caso de guerra ou de grave perigo da orde pública, nos que se sometían ás autoridades do exército. Esta dobre dependencia orixinou conflitos de competencia dende o momento da súa creación. A expansión territorial veu acompañada dun incremento dos efectivos, que pasaron de 3.250 en 1844 ata 19.000 a finais do s XIX. En agosto de 1936, tralo comezo da Guerra Civil, converteuse na Garda Nacional Republicana. Despois da guerra, absorbeu as funcións do Corpo de Carabineros (1940), ao mesmo tempo que se reforzou a influencia do exército na súa estrutura coa creación do Estado Maior. En 1986 dotouse dun novo ordenamento, máis acorde coa Constitución, e a dirección do corpo, ocupada ata o momento por un tenente xeneral, converteuse nun cargo político. Entre as súas funcións destacan: a custodia das comunicacións terrestres, as costas, as fronteiras e as instalacións de interese nacional, a prevención do contrabando, o control das armas e explosivos e o cumprimento das disposicións vixentes sobre a conservación da natureza e o medio ambiente. Ademais, a Garda Civil de Tráfico ocúpase da vixilancia do tránsito interurbano e constitúe unha agrupación dentro do corpo, dependente da Dirección Xeral de Tráfico. Comparten co Corpo Nacional de Policía diversas comisións relativas ao cumprimento das leis, a protección das persoas, bens e edificios públicos, a seguridade cidadá, a protección do libre exercicio dos dereitos e liberdades, o mantemento da orde pública e a colaboración cos servicios de Protección Civil. Dende 1991 entrou en funcionamento o servizo marítimo da Garda Civil.

    3. garda de asalto [BÉL]

      Forza de policía da Segunda República creada pola hostilidade popular contra a Garda Civil. En 1936 mantívose fiel á República e ao final da guerra foi substituída pola Policía Armada.

    4. garda de corps [HIST]

      Corpo adscrito á persoa do rei instituído en Francia no s XV e disolto en 1789. En España foi introducido por Filipe V e desapareceu baixo o reinado de Fernando VII.

    5. garda nacional [HIST]

      Milicia cívica francesa que se constituíu en París o 13 de xullo de 1789 co obxectivo de defender o país dunha posible volta á monarquía e dos intentos de insurrección das clases populares. Disolta por motivos políticos en 1827, foi reconstituída durante a Revolución de 1830. En 1852 Napoleón modificou o seu carácter para defender a figura do emperador dos ataques dos revolucionarios. En 1868 converteuse nun corpo para a ocupación de territorios e trala súa participación na Comuna de París suprimiuse en 1872.

    6. garda pretoriana [HIST]

      Corpo do exército romano que se ocupaba de custodiar os emperadores romanos. Tiveron a súa orixe durante a época republicana nas cohors praetoria, grupos de soldados seleccionados polos xenerais como gardacostas. No ano 13 a C Octavio Augusto regulamentouna como unha unidade especial permanente coa función de protexer a familia imperial. Estaba formada por nove cohortes pretorianas das que tres permaneceron en Roma e o resto repartíanse por Italia. Durante o goberno de Tiberio no 23, inaugurouse o campamento permanente deste corpo, a castra praetoria, fóra das murallas de Roma, no Viminal. Os seus comandantes denominábanse prefectos do pretorio e convertéronse nun elemento destacado na sucesión dos emperadores. Foron disoltos no 312 por Constantino I.

    7. garda real [HIST]

      Conxunto de varios corpos do exército destinados a protexer o soberano e a súa familia. As súas orixes atópanse na unificación que realizaron os Reis Católicos dos gardas vellos de Castela e da garda amarela, que constituíron a garda dos cen continuos. Durante o reinado de Carlos I uniuse a esta garda o corpo de arqueiros de Borgoña e durante a minoría de idade de Carlos II, creouse un rexemento especial, a chamberga, baixo as ordes do marqués de Aytona. A chegada de Filipe V supuxo a transformación deste corpo na garda de corps, organizada segundo o modelo francés. Trala súa desaparición no reinado de Fernando VII, no reinado de Isabel II transformouse no corpo de alabardeiros e no escuadrón de garda da raíña. Suprimida durante o reinado de Amadeo de Savoia e na Primeira República, converteuse durante a restauración de Afonso XII no corpo de gardas alabardeiros e na escolta real. A restauración da monarquía trala ditadura, deu lugar á constitución o 31 de decembro de 1975 do rexemento da garda real, sobre a base do rexemento de garda do xeneral Francisco Franco.

    8. garda valona [HIST]

      Rexemento, integrado na garda real, constituído por flamengos ou os seus descendentes.

    1. s

      Individuo que pertence a algún destes corpos. OBS: Adoita empregarse cun adxectivo ou complemento especificador que acompaña o nome do corpo

      Ex: garda civil.

    2. garda de honor [BÉL]

      Membro da garda asignado a unha persoa por razón da súa xerarquía ou do seu cargo.

    3. garda forestal

      Persoa que se encarga do coidado do monte, dun dominio, dunha propiedade estatal ou privada. Na zona da súa xurisdición ten atribucións de policía semellantes ás da administración pública.

    4. garda vermella [HIST]

      Membro do movemento das xuventudes comunistas chinesas, creado en 1964 para colaborar con Mao Zedong na Revolución Cultural. Desapareceron en 1969.

    5. garda xurado

      Persoa que se encarga de labores de vixilancia e que pode levar armas.

  3. s f

    Servicio especial que prestan certos establecementos ou profesionais fóra do horario habitual de traballo.

    Ex: Este é o médico de garda. Temos que ir á farmacia de garda.

  4. s f

    Cousa que reforza ou protexe, especialmente a folla de papel que se pon ao principio e ao final do libro.

  5. s f [DEP]

    Posición de defensa nalgúns deportes, como o boxeo e a esgrima.

  6. s f [HIST]

    Construción de defensa ou vixilancia dun núcleo de poboamento, especialmente nas zonas fronteirizas durante a Alta Idade Media.

  7. garda de feito [DER]

    Función tutelar exercida sen a previa formalización típica dentro da tutela, curadoría ou defensa xudicial.

  8. garda e custodia [DER]

    Conxunto de dereitos e deberes, dentro do dereito matrimonial, derivados da situación dos proxenitores con quen conviven os fillos menores de idade, en caso de separación, divorcio ou nulidade.

  9. garda mariña [BÉL]

    Oficial da mariña de guerra durante o seu período de formación.

Frases feitas

  • En garda. 1 En actitude de defensa. 2 En estado de alerta.

Refráns

  • O alguacil con andar e o muíño con moer, gañan para comer.

Palabras veciñas

garcio | Garcybarra | Gard | garda | Garda | gardaagullas | gardabarreira