Gaza
ou franxa de Gaza Territorio autorizado pola Autoridade Nacional Palestina (ANP; 378 km2; 1.120.000 h [estim 2000]). A capital é Gaza (57.000 h [1988]). Situada nunha pequena franxa chá no litoral mediterráneo, entre Israel e o Sinaí, a súa poboación é maioritariamente palestina aínda que existen numerosos colonos hebreos. Apareceu como unha entidade especial en 1949, cando despois de definirse as condicións do armisticio entre os exércitos árabes e israelís, se converteu nunha das partes de Palestina que quedou en mans dos árabes. Sometida á administración de Exipto (1948-1967), foi conquistada polo exército israelí durante a Guerra dos Seis Días e formou parte dos territorios ocupados por Israel. A OLP presentou una forte resistencia armada durante os primeiros anos do goberno israelí, polo que se emprenderon deportacións masivas de activistas políticos. No 1994, polos acordos de Oslo, acadaron unha autonomía dependente da Autoridade Nacional Palestina. Non obstante , unha gran parte do territorio permanece ocupada por colonos israelís e segue dependendo da administración de Israel. A cidade de Gaza apareceu como un centro comercial e, sobre todo, estratéxico cananeo ao final da ruta militar que unía con Exipto a través de Rafa. Ocupada polos filisteos no s XII a C, foi conquistada por Tiglath-Pileser III, polo faraón Nekao (608 a C - 605 a C), por Cambises (529 a C) e por Alexandre o Grande (322 a C). Formou parte do reino de Herodes (40 a C-4 a C) e, máis tarde, foi cidade independente. Formou parte do Imperio Bizantino e posteriormente foi conquistada polos árabes (632). No 1152 converteuse en praza forte dos templarios. Ocupada por Israel desde 1967, pasou a ser escenario dos ataques palestinos contra a presenza israelí, e foi un dos principais focos da intifada desde 1987. Tralos acordos asinados entre Israel e a OLP, en setembro de 1993, nos que outorgaban o autogoberno aos territorios ocupados, Gaza accedeu ao autogoberno dentro da autonomía palestina o 18 de maio de 1994.