Gerris

Gerris
[ANIMAL/ENTOM]

Xénero de percevellas acuáticas que viven na superficie da auga, en zonas calmas remando na superficie, contra corrente. Co segundo par de patas, á vez que co último, gobernan a dirección, mentres reservan o primeiro para a captura das presas. Detectan as presas, pequenos insectos que emerxen do seo da auga ou insectos alados que caen á auga, polas lixeiras vibracións que estas provocan na superficie da auga. Tamén poden utilizar as vibracións cunha especie de código morse para a receptibilidade sexual. As unllas non están xustamente no extremo das patas para non rozar coa superficie da auga e o abdome presenta unha cor prateada debido a uns peliños hidrófugos. No conxunto dunha poboación non todos os animais adultos teñen ás; os que as presentan poden voar durante a noite e colonizar novas masas de auga para logo reabsorber os músculos alares en caso de demanda enerxética, como pode ser o caso da reprodución. Pasan o inverno baixo pedras da beira do río.