Ghana

Ghana

Estado de África occidental situado entre a Costa de Marfil ao O, Burkina Faso ao N, Togo ao L e o Golfo de Guinea ao S (238.533 km2; 20.212.000 h [estim 2000]). Esténdese entre os 11° 5° de latitude N e os 3° O 1° L de lonxitude. A capital é Accra.
Xeografía física

Relevo, hidrografía e climatoloxía
O relevo é pouco elevado, a altitude media non supera os 150 m. O S está dominado por unha chaira drenada por numerosos ríos. Ao NL hai unha ampla chaira ocupada polo val do río Volta e os seus afluentes. Ao L está o lago Volta, un dos maiores do mundo. O clima é tropical, pero existen grandes variacións en temperatura e precipitacións. As chuvias prodúcense de abril a xuño e de setembro a novembro. As precipitacións anuais oscilan entre os 1.015 mm no N e os 2.030 mm no SL. O harmattan, vento seco do deserto, sopra de decembro a marzo, o que fai descender a humidade e dá lugar a días cálidos e noites frescas. No S os efectos do harmattan déixanse sentir en xaneiro. A temperatura media anual é de 26,1°C.
Medio Ambiente
O bosque tropical esténdese dende a costa, baixa e pantanosa, ata o altiplano central. O N e a parte setentrional están cubertos por bosque e sabana.
Economía
A economía de Ghana baséase na obtención duns poucos produtos agrícolas e minerais. A principios da década de 1980 a mala administración fiscal levou ao colapso económico e a unha hiperinflación. Posteriormente, acadouse un crecemento económico sostido grazas a medidas económicas moi drásticas entre as que están as desvalorizacións sucesivas da moeda, os programas de privatización, o aumento dos prezos dos produtos agrícolas e o recorte dos gastos do goberno. Pero a constante caída na cotización do ouro e o cacao, os principais produtos de exportación, provocou un déficit de 567 millóns $ USA (1999), feito polo que acadou unhas débedas externas de 6.900 millóns $ USA. En 2000 a inflación acadaba o 37%, polo que a moeda experimentaba   unha forte caída con respecto ao dolar. O Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial continuaron co apoio a economía de Ghana mediante diversas axudas e préstamos. A poboación activa en 1999 era de 9.350.000 persoas. En febreiro de 2001 Bruxelas deu a súa aprobación para unha axuda de 34 millóns de euros, destinados a favorecer o déficit presupuestario. A moeda oficial é o cedi.
Recursos e sectores de actividade
En 1999 a agricultura supoñía arredor do 36% do PNB e daba emprego ao 59% da poboación activa. O principal produto de exportación é o cacao que se cultiva na rexión de Ashar. A produción caeu en 1970 debido á antigüidade das árbores produtoras e dos baixos prezos dos países compradores. Nas décadas seguintes o prezo aumentou grazas ás subidas dos mercados internacionais. O goberno iniciou programas para promocionar outros cultivos, ademais do cacao. Os principais cultivos, xunto ao cacao, son o café, o algodón, a cana de azucre e o millo. A industria, na que participa o 13% da poboación activa, está ben desenvolvida, a diferenza da maioría dos países africanos. As fábricas son pequenas, e delas destacan imprentas e editoriais. Tamén existe certa cantidade de fábricas de mobles e serradoiros. As industrias máis grandes producen cigarros, aceites e láminas de aluminio. A zona industrial de Tema, unha cidade portuaria ao L de Accra, conta cunha refinería de petróleo. A produción de ouro incrementouse durante a década de 1980 e en 1997 acadou os 52.000 kg. Ese mesmo ano a produción de diamantes foi de 160.000 quilates, na súa maioría de calidade industrial. Tamén se produce bauxita, magnesio e sal. Os bosques cobren o 28% da superficie de Ghana. A maior parte da produción madeireira provén das áreas situadas fóra das reservas forestais, aínda que estas últimas están aumentando. A industria pesqueira creceu rapidamente na década de 1960. En 1998 as capturas acadaron as 442.692 t; algunhas delas proviñan de zonas interiores como o lago Volta.
Comercio exterior
O comercio exterior presenta un claro balance negativo. O valor das importacións no ano 2000 foi de 3.116 millóns $ USA, co petróleo e a maquinaria entre os principais produtos. As exportacións no mesmo ano acadaron un valor de 1.941 millóns $ USA e entre os principais produtos destacan o cacao, o aluminio, a bauxita e os diamantes. Os principais socios comerciais son Italia, Alemaña, España, Francia e Nixeria.
Transportes e comunicacións
Ghana conta con 38.940 km de estradas, das que o 28% están asfaltadas. En 1993 contaba con 953 km de vías férreas e a liña principal é o triángulo Sekondi-Takoradi-Kumasi. O principal aeroporto está en Kotoka, preto de Accra.
Xeografía humana

Demografía

O crecemento na poboación non é moi elevado (2,3% [1999]), malia a elevada natalidade (36‰ [1997]) que se contrarresta cunha alta mortalidade infantil (67‰ [1998]). A estrutura por idades presenta un 40,4% da poboación entre 0-14 anos; o 56,1% entre 15-64 anos e o 3,5% con máis de 65 anos.
Poboamento
A densidade de poboación é de 83 h/km2, pero as áreas máis densamente poboadas están na costa. O 70% da poboación vive na metade meridional do país. As principais cidades son a capital Accra (949.100 h [1998]), Tema (109.975 h [1998]) e Asamankese (101.144 h [1970]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
En Ghana coexisten ao redor de 50 grupos étnicos, os máis importantes son os akan (52,4%), dagbani (15,8%), ewe (11,9%), dangme (7,8%), gurma (3,3%) e yoruba (1,3%). A lingua oficial é o inglés, pero fálanse ao redor de 45 linguas indíxenas do phylum níxer-congo. Entre elas, as máis faladas son o akan (falada pola metade da poboación como primeira lingua), o ewe, o ga, o dagbani, o konkomba, o dagari, o gurma, o dangme, o frafra, o kusaal e o brong. A educación é gratuíta desde os 6 aos 14 anos. No curso 1991-1992 había 2 millóns de alumnos que acudían a 11.165 escolas primarias. En 1996 a taxa de escolarización en secundaria foi do 31%. A finais da década de 1980 había máis de 130 escolas de capacitación profesional e de formación do profesorado que contaba con 40.000 estudiantes. O inglés é unha das disciplinas da educación primaria e da secundaria. Doce linguas indíxenas e os seus dialectos están oficialmente recoñecidos como vehículos na educación. A School of Ghana Languages prepara profesores especialistas en linguas ghanianas e dúas universidades teñen departamentos desta especialidade. A poboación católica supón o 13%, os animistas o 38%, os musulmáns o 30% e os protestantes o 11%.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Ghana entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 119º posto cun índice do 0,542). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 56,6 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 70,3% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 42%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 1.881 $ USA.
Goberno e política
Colonia británica, accedeu á independencia o 6 de marzo de 1957 no ámbito da Conmomwealth. Converteuse en república o 1 de xullo de 1960 e pola Constitución multipartidista que se aprobou o 28 de abril de 1992 estableceuse como forma de goberno a democracia constitucional. O poder executivo reside no presidente, elixido para un período de catro anos por sufraxio universal directo. Nomea o vicepresidente e os membros do goberno pero dependen da aprobación parlamentaria. O poder lexislativo reside nun Parliament unicameral, formado por 200 membros que se elixen por sufraxio universal directo para un período de catro anos. O poder xudicial está presidido pola Supreme Court. O sistema legal baséase na common law inglesa e no dereito consuetudinario. Non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza e a pena de morte permanece en vigor. Os partidos políticos máis importantes son: New Patriotic Party (NPP), de centro dereita, dirixido por John Agyekum Kufuor; National Democratic Congress (NDC), liderado por John Evans Atta Mills; People’s National Convention (PNC), de centro esquerda, liderado por Edward Mahama; e Convention People’s Party (CPP). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: CEDEAO, Commonwealth, ONU, OUA e é membro asociado da UE.
Historia

Os primeiros contactos cos europeos

A comezos do s XIV chegaron dende o N ao territorio da actual Ghana os axantis, que se estableceron nos territorios do interior e constituíron unha serie de pequenos reinos que pagaron tributo ao reino fanti de Denkiera. Os axantis integráronse nos circuítos comerciais do Sudán intercambiando escravos e ouro por teas e outros produtos. Dende o s XV as potencias europeas buscaron acceder a este comercio sen depender dos intermediarios árabes e en 1471 os portugueses chegaron á rexión na expedición de Álvaro de Esteves, que a denominou Costa de Ouro. O primeiro enclave europeo foi o forte de Elmina (1482), e posteriormente establecéronse outros postos comerciais e defensivos na rexión. En 1598 os portugueses foron desprazados fronte á chegada dos holandeses e, cara a mediados do s XVII, perderon a maior parte das súas posicións fronte aos ingleses; con posterioridade, introducíronse os comerciantes franceses, daneses e suecos. Durante o s XVII os estados axanti tiveron que enfrontarse coas incursións marroquís e os ataques dos fulani, pero derrotáronos e despois de impoñerse sobre Denkiera organizaron un estado centralizado e dotado dun exército poderoso. Dende comezos do s XVIII os axantis dominaron o tráfico de escravos cara á costa e o de produtos europeos cara ao interior, pero cando os ingleses emprenderon a represión do comercio de escravos a comezos do s XIX, os axantis enfrontáronse cos fantis polo dominio do litoral e do tráfico. A alianza entre os ingleses e os fantis levou a sucesivos enfrontamentos anglo-axanti entre 1806 e 1816 e de novo entre 1825 e 1828. Despois de expulsar os daneses (1850) e os holandeses (1870), os ingleses someteron o territorio fanti e convertérono nunha colonia (1872).
O goberno colonial
A partir de 1874 emprenderon o sometemento do territorio axanti, proclamaron o seu protectorado sobre os territorios do N (1895) e incorporárono como parte da colonia de Costa de Ouro (1901). Durante o s XX a explotación económica centrouse no monocultivo do cacao. Na década de 1920 iniciouse a participación da poboación autóctona no goberno do país, formouse un consello lexislativo e aprobouse unha Constitución. Trala Segunda Guerra Mundial incrementouse a participación da poboación local no goberno e xurdiu un movemento nacionalista e anticolonialista apoiado nunha clase de profesionais occidentalizados e vinculados aos xefes tradicionais, que constituíron en 1947 a United Gold Coast Convention (UGCC). Kwame Nkrumah fundou o CPP en 1949 e adoptou unha posición extrema que incluía a reclamación do autogoberno. K. Nkrumah acadou o triunfo nas eleccións xerais de 1951 e á fronte do CPP dirixiu o proceso de independencia no marco da Commonwealth (1957) despois da súa fusión co mandato británico de Togoland.
A independencia e os gobernos militares
En 1960 Ghana converteuse en república e K. Nkrumah, líder do CPP, asumiu a presidencia. Adoptou unha política personalista e autoritaria ao tempo que aproximou as súas posicións aos países socialistas. Emprendeu a nacionalización das principais fontes de riqueza (cacao e bauxita) e grandes obras públicas, como a gran presa de Akosombo, para acadar un desenvolvemento autónomo. En 1964 creou un réxime de partido único e autoproclamouse presidente vitalicio, mentres os elevados gastos provocaron un forte endebedamento. Trala caída do prezo do cacao no mercado internacional, o malestar desembocou nun pronunciamento militar en febreiro de 1966. O golpe de estado militar deulle o poder aos xenerais Ankrah, Kotoka e Afrifa, que suspenderon a Constitución de 1960 e o Parlamento, e disolveron o CPP. En agosto de 1969 formouse unha comisión presidencial dirixida por Afrifa, que promulgou a constitución da Segunda República e restableceu os partidos políticos. En setembro de 1969 constituíuse un goberno civil con Kofi Busia como primeiro ministro, pero tutelado polos militares. Nas eleccións que se celebraron posteriormente gañou o Progress Party (PP) de K. Busia e formouse un novo goberno civil baixo a presidencia de E. Akuffo-Addo. A ineficacia do goberno de K. Busia e a intervención do exército na política ocasionaron un novo golpe de estado en 1972 dirixido polo tenente coronel Ignatius K. Acheampong; este suspendeu a Constitución, prohibiu a actividade política, a liberdade de prensa e as actividades dos sindicatos. O control militar moderouse a partir de 1974 e fundou un consello civil de carácter consultivo para os asuntos políticos e outro para a planificación económica. Os problemas económicos do país e o réxime ditatorial fixeron impopular a Acheampong, que se viu forzado a dimitir. Sucedeuno o xeneral F. W. K. Akuffo en xullo de 1978 que gobernou menos dun ano ata que foi derrocado en xuño de 1979 por un golpe militar de oficiais novos, dirixido polo tenente Jerry Rawlings. Este emprendeu unha loita contra a corrupción e, despois dun xuízo sumario, ordenou a execución dos anteriores golpistas (Afrifa, Acheampong e Akuffo).
Os gobernos de J. Rawlings e a volta á democracia
No mesmo ano adoptouse unha nova Constitución e celebráronse eleccións que lle deron o poder ao People’s National Party (PNP), encabezado por Hilla Limann, que se converteu en presidente do goberno. En decembro de 1981 J. Rawlings volveu tomar o poder mediante un golpe de estado, suspendeu a constitución, prohibiu os partidos políticos e estableceu o Provisional National Defence Council (PNDC), presidido por el mesmo, como máximo órgano do Estado. Creou ademais unha rede de comités populares con funcións participativas e malia a oposición dos grupos marxistas e dos sucesivos intentos de golpes de estado, emprendeu un programa de saneamento económico coa financiación do Banco Mundial. En 1988 o seu goberno abriuse cara á participación popular nas asembleas locais. As relacións con Nixeria e Togo deterioráronse despois de que expulsasen máis dun millón de inmigrantes ilegais ghaneses dos seus territorios e provocaron un empeoramento da situación económica. En 1992 Rawlings anunciou un calendario electoral para a transición cara a un goberno civil, aprobou en referendo unha nova Constitución en marzo de 1992 e legalizou os partidos políticos no mes de maio. Nos comicios presidenciais de novembro, marcados polas sospeitas de fraude e unha participación ao redor do 25%, Rawlings acadou a vitoria. Os intentos dos grupos opositores de invalidar as eleccións foron rexeitados, polo que boicotearon as lexislativas nas que o NDC de Rawlings conseguiu a maioría absoluta. Abandonou o exército en xaneiro de 1993 e tomou posesión como primeiro presidente da Cuarta República. Nas presidenciais de decembro de 1996 foi reelixido co apoio das rexións do N e do L, tradicionalmente as máis desfavorecidas. Durante a década de 1990 as súas boas relacións co mundo occidental, especialmente cos EE UU, permitiron a chegada de importantes axudas e créditos ao desenvolvemento. Limitado constitucionalmente para presentarse a unha nova reelección, Rawlings propuxo como candidato do seu partido ao vicepresidente John Atta Mills, que foi derrotado nas eleccións de decembro de 2000 fronte a John Aggayekum Kufuor do NPP. Trala súa investidura en xaneiro de 2001 tivo que enfrontarse cunha difícil situación económica, provocada polo descenso das cotizacións do ouro e do cacao, os principais produtos de exportación, o elevado paro e un incremento na inseguridade.