Fausto/Fausta

Fausto/Fausta
[ONOM]

Antropónimo masculino que ten a súa orixe no latín Faustus, cognome antigo e frecuente entre os romanos, que se corresponde co adxectivo faustus ‘próspero, feliz’. Este nome colleu moita sona co personaxe literario de Fausto, que lle vendeu a alma ao demo, a cambio de praceres, sabedoría oculta e capacidade para facer milagres; universalizado por Goethe en 1773, inspirou a artistas como Liszt, Wagner, Berlioz e Boito. No santoral figura un san Fausto, mártir en Córdoba baixo Diocleciano, e celebrado o 13 de outubro. Con este nome hai tamén un soldado e mártir en Milán (s II), celebrado o 7 de agosto, e un bispo de Riez (396-493). San Fausto é titular da parroquia de Chapela (Redondela).