gladiador
(
Loitador profesional que, nos xogos públicos romanos, se enfrontaba cun animal ou con outro loitador. Na súa orixe, cara ao 530 a C, os espectáculos de gladiadores estaban vinculados aos rituais funerarios de persoeiros destacados que se celebraban na Etruria. Xeralmente eran escravos, prisioneiros de guerra ou condenados por algún delito grave, que recibían adestramento nos ludi, escolas de formación de gladiadores, e loitaban en parellas ou en grupo. Os primeiros combates entre gladiadores producíronse en Roma en 264 a C e na Hispania en 206 a C, patrocinados por Publio Cornelio Escipión o Africano. En función do armamento que empregaban distinguíase entre secutores, tracios, reciarios, mirmillóns e samnitas. As loitas de gladiadores difundíronse polas cidades itálicas e exportáronse ás provincias do Imperio, coa excepción de Grecia. A importancia dos combates de gladiadores levou á promulgación das Leges gladiatorae para regular o espectáculo, que podía ser organizado polos maxistrados, o emperador ou por un empresario privado que cobrase entrada. Nalgunhas ocasións chegaron a sublevarse, como aconteceu no caso de Espártaco.