glándula
(
-
[ANAT/BIOL]
-
s
f
Célula ou conxunto de células illadas ou agrupadas nun órgano determinado con función secretora. Teñen a propiedade de producir unha ou máis substancias de tipo xeralmente hormonal ou enzimático que actúan fóra delas. Existen dous tipos de glándulas, con capacidade para sintetizar as súas propias secrecións: as glándulas endócrinas ou de secreción interna, carentes de canle excretora, pola que os produtos da súa secreción van parar directamente ao medio interno do organismo, normalmente ao sistema circulatorio do animal; e as glándulas exócrinas ou de secreción externa que posúen unha canle ou unha rede de canles a través das que verten as secrecións a unha cavidade corporal ou ben ao exterior do corpo do animal. Son exemplos de glándulas endócrinas a glándula suprarrenal ou a glándula tiroide e, de glándulas exócrinas, as glándulas sudoríparas ou as mamarias.
-
glándula apócrina
Cada unha das glándulas que secretan en gran cantidade substancias propias da célula, como a glándula apócrina a glándula mamaria ou a sudo-rípara da axila.
-
glándula calcífera
Conxunto de células que se sitúan no peritoneo do intestino dos oligoquetos e que extraen residuos do sangue para vertelos ao celoma.
-
glándula ceruminosa/da cera
Cada unha das glándulas cutáneas da abella que se sitúan en posición ventral no abdome e que secretan a cera para edificar a colmea.
-
glándula da cuncha
Divertículo do oviduto de moitos animais ovíparos, como insectos, condroitios, réptiles e mamíferos monotremas, que secreta a cuncha dura do ovo destes animais.
-
glándula da muda
Cada unha das glándulas propias dos insectos e dos crustáceos que secretan unha hormona, a ecdisona, indispensable para o inicio da muda nestes animais.
-
glándula do biso
Glándula propia dos moluscos que secretan uns filamentos cos que estes animais se adhiren a unha superficie coma a das rochas ou a das cordas.
-
glándula do seno
Glándula endócrina dos crustáceos que se sitúa na base do ollo, na que se almacena; a continuación libérase unha hormona inhibidora da muda.
-
glándula do uropixio
Glándula de gran tamaño que se sitúa na base da cola (uropixio) da maioría das aves e que secreta un aceite co que impermeabilizan as plumas.
-
glándula hermafrodita
Glándula ou órgano sexual propio dos gasterópodos que, durante a primeira etapa da vida, funciona como un testículo e despois como un ovario.
-
glándula intersticial
Cada unha das glándulas de secreción endócrina que se sitúan entre os folículos ováricos ou os tubos seminíferos, e que secretan as hormonas femininas, ou as masculinas, respectivamente.
-
glándula lacrimal
Cada unha das glándulas tubuloalveolares compostas que se sitúan na posición antero-superior e externa da cavidade orbitaria e secretan as bágoas. Son as que garanten a humidade que necesita o ollo.
-
glándula mamaria
mama.
-
glándula odorífera
Cada unha das glándulas propias dos mamíferos, os réptiles, os insectos e algúns miriápodos que secretan substancias ao exterior e que serven para establecer unha comunicación intraespecífica durante a época do celo, ou ben como mecanismo de defensa.
-
glándula paratiroide
Cada unha das glándulas endócrinas que se sitúan arredor da tiroide e que secretan a hormona paratiroide (paratormona), que actúa no metabolismo do calcio e do fósforo. Localízase no pescozo de todos os vertebrados agás os peixes.
-
glándula pineal
glándula pineal.
-
glándula pituitaria
hipófise.
-
glándula prostática
próstata.
-
glándula salivar
Cada unha das glándulas que secretan a saliva no interior da cavidade bucal ou nas súas proximidades.
-
glándula sebácea
Cada unha das glándulas exócrinas que desembocan no folículo piloso ou directamente na superficie cutánea. Secretan o sebo que impregna a pel e os pelos.
-
glándula sericíxena
Cada unha das glándulas dos arácnidos que se sitúan na parte ventral do abdome e que secretan unha substancia viscosa, ou seda, que, en forma de filamentos, lle serve para facer as arañeiras.
-
glándula sinovial
Cada unha das glándulas que se sitúan nas articulacións óseas e que secretan a sinovia.
-
glándula sudorípara
Cada unha das glándulas exócrinas da pel que secretan a suor. Participan na regulación da temperatura corporal.
-
glándula suprarrenal
Cada unha das dúas glándulas de secreción interna situadas en posición retroperitoneal na parte superior de cada ril. Componse de dúas partes diferentes, desde os puntos de vista embriolóxico e anatomofuncional: a medula e a cortiza. A medula secreta adrenalina e noradrenalina. Na cortiza distínguense tres capas: a glomerular, a fascicular e a reticular, nas que se sintetizan os mineralcorticoides, os glucocorticoides e os andróxenos, respectivamente.
-
glándula tiroide
tiroide.
-
glándula velenosa
Cada unha das glándulas que se localizan nun gran número de animais, como peixes ou anfibios, e que lles serven para secretar substancias tóxicas que empregan para defenderse ou ben para atacar ou paralizar outros animais.
-
glándula vitelina/da albúmina
Conxunto de células que se dispoñen ao longo do oviduto do aparato reprodutor feminino dos platelmintos, os condroitios, os osteitios, os anfibios, os réptiles e as aves, e que secretan a envoltura nutritiva do ovo fecundado.
-
glándula verde/antenal
Cada unha das dúas glándulas dos crustáceos que se localizan na base das antenas e que teñen función excretora.
-
glándula xenital/sexual
ovario.
-
glándula xenital/sexual
testículo.
-
s
f
-
s
f
[BOT]
Célula ou conxunto de células que acumulan ou expulsan, ao exterior ou a unha cavidade, os produtos de secreción que produce a planta. Son exemplos as glándulas nectarias ou as glándulas dixestivas de certas plantas carnívoras.