gobernador -ra
(< lat gubernātōre)
-
adx e s
Que ou quen goberna.
-
-
gobernador militar
Oficial xeneral que exerce o mando sobre as forzas militares nunha provincia militar do Estado español. A partir de 1833 existiu un gobernador militar en cada provincia. Exercen as súas competencias nas provincias ou territorios ao seu mando en representación do capitán xeneral da rexión militar, e a el están subordinados todos os centros, establecementos, corpos e servicios radicados na praza.
-
s
Xefe superior encargado do mando dunha provincia, cidade ou territorio. Segundo o xénero de xurisdición que exerce, recibe o nome de gobernador civil, militar ou eclesiástico. Tamén pode ser representante do goberno nalgún establecemento público. A designación de gobernadores fíxose necesaria dende o momento en que apareceron estados complexos nos que era preciso delegar as funcións do monarca en xefes dotados de autoridade. Existiron na época Hammurabi, no Imperio Persa e no Imperio Asirio (os sátrapas). Tamén existiron en Exipto e Roma, onde tiveron diferentes nomes, dende pretores de provincias ata praesides ou comites. En Castela xurdiron na Baixa Idade Media, mentres que en Aragón xurdiu no s XIV un gobernador xeral que representaba o monarca nas súas ausencias. En Castela as funcións de gobernador de carácter territorial asumíronas, nos ss XVI e XVIII, os corrixidores e, no s XIX, os intendentes. No s XIX xurdiron en España os funcionarios encargados do mando civil e militar das provincias, que recibiron o nome de gobernador civil e militar. O título de gobernador tamén apareceu noutros contextos, entre outros designa o representante do estado no Banco de España, e en territorios de ultramar, como Cuba, Puerto Rico e Filipinas. Noutros estados, como en EE UU e Brasil, existen gobernadores ao mando dos estados federais.
-
gobernador militar