Gomesende
Concello da Terra de Celanova, situado na provincia de Ourense no S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos da Arnoia (O Ribeiro) e Cartelle (Terra de Celanova), ao L co de Ramirás (Terra de Celanova), ao S co de Quintela de Leirado (Terra de Celanova) e ao O cos de Cortegada (O Ribeiro) e Pontedeva (Terra de Celanova). Abrangue unha superficie de 28,3 km2 cunha poboación 1.060 h (2007), distribuída nas parroquias da Guía, O Pao, Poulo, San Lourenzo de Fustáns e O Val; ademais, un sector da poboación reside na parroquia de Penosiños, que ten a súa cabeceira e máis de tres cuartas partes do seu territorio no concello de Ramirás. A capital municipal é a vila de Sobrado, na parroquia de Poulo, situada a 42° 11’ de latitude N e 8° 5’ de lonxitude O, 45 km ao SO de Ourense e 152 km ao SL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Celanova e á diocese de Ourense.
Xeografía física
Gomesende sitúase baixo o dominio climático oceánico húmido, nunha área de transición entre o clima das depresións sudorientais cálidas (que define o val do Arnoia ao N) e o clima de montaña característico das terras da dorsal occidental galega (na metade meridional S do concello). Esta transición traduce contrastes significativos nos valores térmicos, pois se nas terras baixas se acadan os 14°C de temperatura media, cunha oscilación relativamente elevada (15°C), derivada duns invernos non moi fríos (7°C de media en xaneiro) e uns veráns calorosos (22°C de media en xullo), nas áreas meridionais a temperatura media redúcese a menos de 10°C, cun grande incremento da oscilación anual como consecuencia das baixas temperaturas invernais (4°C en xaneiro). As precipitacións tamén observan unha gradación N-S, pasando dos 900 mm no val do Arnoia, moi abrigado dos fluxos húmidos, aos máis de 1.500 mm que se recollen nas terras de maior altitude. O réxime pluviométrico amosa un claro máximo invernal (nesta estación recóllese o 39% das precipitacións anuais) e unha forte seca estival (pois nos meses do estío só Se rexistran o 8% das chuvias): percíbese un relativo grao de mediterraneización no feito de que o período chuvioso esténdese só ao longo de cinco meses (novembro-marzo), así como na existencia dun forte déficit hídrico estival entre xullo e setembro. O risco de xeadas é moi alto na zona S do concello ao longo de todo o ano, mentres que no val do Arnoia son excepcionais en calquera das estacións. O concello de Gomesende sitúase sobre o interfluvio dos ríos Arnoia e Deva, que se corresponde co extremo setentrional da serra de Laboreiro, que pecha o concello polo S. No extremo setentrional o val do río Arnoia circula relativamente encaixado pola base dunha depresión topográfica. Desde o fondo deste val, situado arredor dos 250 m de altitude, as terras van progresivamente erguéndose cara ao S, de feito que os cumios máis destacados sitúanse na área sudoriental do concello, na Serra da Moura (Marco das Cruces, 869 m), que lle serve de límite con Quintela de Leirado. A morfoloxía do relevo caracterízase polo predominio das formas onduladas, pouco pronunciadas e intensamente afectadas pola erosión fluvial, levada a cabo polos dous principais ríos que atravesan o concello, o Arnoia e o Deva, e algúns dos seus afluentes.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello de Gomesende no s XX amosa unha tendencia clara á perda de poboación que foi constante desde o primeiro censo de 1887, ano no que se acadaba o máximo poboacional municipal, con 3.704 h; isto significa que a poboación se reduciu a menos da metade. Xa entre 1887 e 1930 a poboación descendeu a un ritmo medio do 0,32% anual, debido principalmente á intensa emigración cara ao continente americano, especialmente nos decenios de 1910 e 1920; en cambio, entre 1930 e 1950, rexistrouse un período de certa recuperación, favorecida pola crise financeira internacional derivada da creba bursátil de Wall Street en 1929, que freou a emigración, totalmente cortada durante a Guerra Civil e os primeiros anos de posguerra, de xeito que a poboación medrou de forma moderada (0,4 % anual). A partir de finais da década de 1940 recuperouse a corrente emigratoria, aínda que Europa relevou a América como destino predominante; esta circunstancia propiciou unha forte merma demográfica entre 1950 e 1970 (-1,82% anual). De novo unha crise económica, esta vez a do petróleo de 1973, cortou a emigración exterior, propiciando o retorno de emigrantes e con el un aumento demográfico (crecemento medio do 1,18% anual entre 1970 e 1981). A partir de 1981 retomouse o camiño do decrecemento (-2,42% cada ano), que xa non se abandonou. Nesta última etapa a maioría das saídas son cara ás áreas urbanas galegas, especialmente Ourense e Vigo, aínda que na perda de poboación tamén ten moito que ver o elevado saldo vexetativo negativo que aparece desde mediados da década de 1980, cifrándose en 2006 no -18,1‰, froito dunha baixa natalidade (1,4‰) e unha elevada mortalidade (19,5‰). Entre 2001, que contaba con 1.115 h, e 2007 a poboación descendeu un -4,93%. Resultado desta evolución é o extremado grao de avellentamento da poboación, na que os maiores de 65 anos (42,6%) fronte aos menores de 20 anos (8,2%); o grupo intermedio é o 49,2%. Polo que respecta á estrutura por sexos, a forte incidencia da emigración masculina e a maior esperanza de vida feminina propician un notable predominio das mulleres, que constitúen o 52,17% da poboación municipal. O poboamento reflicte unha dicotomía imposta pola disposición do relevo, coa poboación maioritariamente asentada na metade setentrional, nas terras de menor altitude. O tipo de poboamento maioritario é a concentración dos efectivos humanos en aldeas de tamaño medio que aparecen bastante dispersas polo territorio.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Gomesende é do 35,3% (49,7% a masculina e 23% a feminina); a taxa de ocupación é do 28,2% (38,8% a masculina e 19,1% a feminina) e a taxa de paro é do 20,2% (21,8% a masculina e 17,1% a feminina). O carácter montañoso de boa parte do concello e o extremado grao de senectude da súa poboación condicionan en boa medida a súa actividade económica. O sector agropecuario, que proporciona emprego ao 25,6% dos ocupados, definido pola presenza maioritaria dunha agricultura de autoconsumo, cun forte dominio do minifundismo, no que o policultivo tradicional é o trazo máis salientable. Tan só Nas terras máis próximas ao Arnoia aparecen cultivos destinados ao mercado, fundamentalmente vide e froiteiras, que ofrecen bos rendementos económicos. A industria acolle o 16,4% dos traballadores residentes no concello; tan só destacan pequenos serradoiros que se abastecen dos recursos forestais locais, así como algúns talleres de pequenas dimensións. A construción xera o 21,2% do emprego, aínda que moitos traballadores deste sector desenvolven a súa actividade nas vilas veciñas. As actividades do sector terciario teñen tamén moi pouca presenza, pois só Supoñen o 36,9% dos ocupados; os servizos concéntranse nos núcleos de Fustáns (na parroquia de San Lourenzo de Fustáns) e Sobrado (na de Poulo); deles destacan o comercio (4% dos traballadores totais) e os servizos sociais e das Administracións públicas (5,11%). As principais vías de comunicación que atravesan o concello son a estrada OU-531, que une A Cañiza e Xinzo de Limia, e a estrada local que enlaza Fustáns con Quintela de Leirado.
Historia
A historia das terras de Gomesende é pouco coñecida. As primeiras probas de poboamento remóntanse á época romana e a presenza de pobos xermánicos parece probada polos numerosos topónimos desa orixe. Na Idade Media a parroquia de San Lourenzo de Fustáns estivo ligada á xurisdición do mosteiro de San Salvador de Celanova, mentres que o resto do territorio foi señorío real ata que, a comezos do s XIII, Afonso IX dooullo á catedral de Ourense. A súa situación fronteiriza converteu as terras municipais nun tradicional e importante lugar de paso e comunicación entre Portugal, o val do Miño e Celanova. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Gomesende pertencían á xurisdición de Milmanda, señorío do marqués de Malpica (aínda que na parroquia do Pao compartía esa condición co bispo de Ourense, provincia na que estaba incluída a xurisdición). A aplicación da Constitución promulgada en Cádiz en 1812 supuxo a supresión do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal que se concretou neste territorio na creación dos concellos do Pao e Poulo. A segunda derrogación da Constitución asinada por Fernando VII en 1823 significou a restauración da xurisdición señorial de Milmanda ata 1833, cando se constituíu o actual concello.
Patrimonio cultural
Os monumentos máis destacados son os dous santuarios existentes no concello, focos notables de peregrinación a escala comarcal. O santuario de Nosa Señora da Guía, trátase dunha construción contemporánea de estrutura sinxela na que sobresae o seu retablo. O santuario de Nosa Señora do Val de Poulo, aínda que inconcluso, é un exemplo de arquitectura de transición do Renacemento ao gótico. Nel destaca o seu dobre ciborio con lanterna e unha cúpula erguida sobre pendentes. Próximo a este templo atópanse as ruínas dunha antiga pousada para peregrinos que facían o camiño Porto-Celanova-Santiago. Destacan tamén as igrexas barrocas do Pao, de Poulo e de San Lourenzo de Fustáns. No eido da arquitectura civil sobresaen os pazos Pombiña e Baline, en Guielas, e o de Pumar, en Sobrado. Entre as festas que teñen lugar destacan a romaría da Nosa Señora da Guía, patroa dos emigrantes, e as festas de Santo Antón (Moreiras), San Lourenzo (Domelas) e A Purísima (Sobrado).
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Terra de Celanova |
| Extensión | 28 Km2 |
| Poboación Total | 1060 h |
| Poboación Homes | 507 h |
| Poboación Mulleres | 553 h |
| Densidade de poboación | 37.86 h/Km2 |
Parroquias
| Guía, A |
| Pao, O |
| Poulo |
| San Lourenzo de Fustáns |
| Val, O |