Gondomar

Gondomar


Concello da comarca metropolitana de Vigo, situado na provincia de Pontevedra no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Vigo, ao L cos de Tui (comarca do Baixo Miño), Vigo e O Porriño; ao O cos de Nigrán e Baiona (todos eles da comarca de Vigo) e ao S cos de Tomiño e Tui (ambos os dous no Baixo Miño). Xunto con Nigrán e Baiona integra a comarca natural do Val Miñor, articulada ao redor da conca deste río. Abrangue unha superficie de 74,5 km 2 cunha poboación de 13.371 h (2007), distribuída nas parroquias de Borreiros, Chaín, Couso, Donas, Gondomar, Mañufe, Morgadáns, Peitieiros, Vilaza e Vincios. A capital municipal é a vila de Gondomar, localizada a 42° 6’ de latitude N e 8° 45’ lonxitude O, 17 km ao S de Vigo e 110 km ao SO de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Vigo e á diocese de Tui-Vigo.
Xeografía física
O concello de Gondomar atópase baixo o dominio climático oceánico húmido, caracterizado por un ambiente térmico moi agradable durante todo o ano e unha notable pluviosidade (ao redor de 1.500 mm), favorecida pola orientación da ría de Vigo, que facilita a penetración dos fluxos ciclónicos do SO. A temperatura media anual é elevada (14,5°C) e a oscilación cativa (12,2°C) debido a uns invernos moi suaves (a temperatura media de xaneiro é de 8,4°C) e uns veráns relativamente calorosos (a temperatura media de xullo é de 20,6°C). O risco de xeadas é practicamente nulo ao longo de todo o ano. O réxime pluviométrico amosa un máximo invernal, estación en que se recolle o 38% das precipitacións anuais; pola contra, no verán rexístrase unha acusada seca, pois só Se recolle o 6% das chuvias totais, feito que repercute en problemas de aridez entre xullo e setembro. A primavera tamén resulta chuviosa, cun 31% das precipitacións anuais. Topograficamente, o concello de Gondomar ábrese á ría de Baiona como un anfiteatro natural a partir de toda unha serie de formacións montañosas que pechan o concello polo N (Pico Castelo, de 391 m alt), polo L (Serra do Galiñeiro, cos cumios do Galiñeiro, de 701 m, Galiñeiro Sur, de 709 m, e Santo Antoniño, de 592 m) e polo S (o monte Couxo, de 447 m). O resto do territorio municipal ocúpao o val do río Miñor, que nace na propia vila de Gondomar na confluencia dos ríos Zamáns e Morgadáns. O Miñor alóxase nunha liña de fractura que percorre a maior parte do municipio cunha dirección NL-SO. Neste sector de ribeira existen solos profundos e moi fértiles, ben aproveitados para as actividades agrícolas.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello de Gondomar desde o primeiro censo de 1887 vén marcada por un moderado incremento, tendo en conta a súa localización na periferia da maior cidade do país. Desde ese primeiro ano e ata 1900 a tendencia foi ao estancamento, cun decrecemento moi leve (-0,04% de media anual). Malia a intensidade do movemento emigratorio americano de comezos do s XX, entre 1900 e 1910 a poboación logrou medrar a un ritmo medio anual do 0,56%, debido ao forte crecemento vexetativo. Non obstante , no decenio seguinte a intensificación das saídas inaugurou un período de estancamento (-0,05% anual) que se prolongou ata 1930, cando a concatenación da crise financeira internacional, primeiro, e os conflictos bélicos (Guerra Civil e Segunda Guerra Mundial), despois, inverteron a tendencia (a interrupción dos fluxos emigratorios e a forte natalidade fixeron que se incrementase a poboación a un ritmo do 0,5% anual). A recuperación da corrente emigratoria favoreceu un cambio de tendencia, que se traduciu nun retroceso demográfico anual do -1% entre 1950 e 1960. Despois, a proximidade de Vigo e o seu pulo industrial favoreceron a fixación de poboación no municipio; dese xeito, entre 1960 e 1996 creceu a un ritmo do 1% anual. Entre o censo de 2001 e o padrón de 2007 o crecemento foi do 9,81%. O crecemento natural (200& é positivo (2,7‰), froito dunha alta taxa de natalidade (10,8‰) a pesar dunha alta taxa de mortalidade (8,1‰). Froito desta evolución é unha estrutura por os menores de 20 anos constitúen o 19,6% fronte ao 13,9% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 66,4%. Polo que respecta á distribución por sexos, esta amosa un certo equilibrio ao representar o 50,45% fronte ao 49,54% dos homes. A ocupación do seu territorio é moi intensa, especialmente nas terras baixas do val do Miñor.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Gondomar é do 56,9% (71,5% a masculina e 43% a feminina); a taxa de ocupación é do 50,7% (66,2% a masculina e 36% a feminina) e a taxa de paro é do 10,8% (7,4% a masculina e 16,3% a feminina). A economía do concello está totalmente influenciada pola proximidade de Vigo e os enclaves industriais de Mos e O Porriño. A consolidación industrial da comarca favoreceu, desde a década de 1960, o abandono progresivo dos labores do campo e o paso dos seus traballadores cara a outras actividades. Tan só o 2,2% dos ocupados traballan na agricultura e na gandaría, aínda que a práctica da agricultura a tempo parcial, moi xeneralizada, constitúe un complemento das rendas do traballo noutros sectores de actividade. Ás actividades pesqueiras dedícanse o 26% dos ocupados.. A industria acolle o 26% da poboación activa, aínda que a maior parte deles están empregados nos concellos veciños. A construción tamén ten moita forza á hora de xerar emprego (18,7%). Esta actividade recibiu a moita xente que abandonara as tarefas agrarias, e viuse favorecida polo pulo constructivo local, derivado tanto do aumento das rendas familiares como da demanda edificativa viguesa. Finalmente, os servizos ocupan a maior parte dos activos (50,3%), aínda que, como nas actividades anteriores, nunha gran proporción desenvolven a súa actividade laboral noutros concellos, neste caso maioritariamente en Vigo. Das principais vías de comunicacións coas que conta sobresae a autoestrada AG-57 Vigo-Baiona.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos achados pertencen ao Acheulense e, entre eles, destaca a estación de Chan de Cereixo (Donas), onde se encontraron numerosos bifaces e fendedores. Son importantes as mámoas ou necrópoles tumulares das que están catalogadas máis de vinte en todo o termo municipal, e das que destacan o campo de mámoas de Chan das Moutas, en Prado (Morgadáns), as mámoas dos Bermús e as da Pasaxe (Vincios), a de Regodagua (Chaín) e o túmulo da Medoña (Morgadáns). Da Idade do Bronce existen máis de sesenta estacións catalogadas de arte rupestre, da que destacan os gravados da Pedra das Procesións do conxunto da Auga do Laxe, ao pé do monte Galiñeiro e que está considerado como unha das representacións de armas máis importantes de Europa. Da Idade de Ferro os vestixios quedan representados polos asentamentos castrexos dos que destaca o castro da Pedra Moura, situado entre as parroquias de Donas e Borreiros, os de Coto Teixugueria e Coto do Castro (Chaín) e Monte do Castro en Xián (Vincios), onde apareceron numerosos restos cerámicos, muíños de man e algunhas tallas antropomórficas. A dominación romana constátase a través da presenza dos restos da vía que pasaba por Couso e Donas e pola Ramallosa e Panxón, pola aparición de ánforas no castro de Xián (Vincios) e polos discutidos restos da vila entre Burgovedra e Castro (Borreiros). Tense atribuído a orixe do nome deste municipio á instalación dun asentamento militar no s VII, ao mando de Gudemaro. Entre os ss XII e XIII produciuse un incremento demográfico que influíu na formación de numerosas parroquias, vinculadas señorialmente ao mosteiro de Santa María de Oia, e das que quedou constancia na toponimia: couto Monufi deu lugar á parroquia de Mañufe; a parroquia de Donas procede do mosteiro feminino de Santa Baia, creado no s XII; e a de Morgadáns dun morgado existente no lugar. Os conflictos bélicos fronteirizos con Portugal tiveron en Gondomar un dos seus feitos máis importantes, ao seren arrasadas as terras do municipio polos portugueses nas guerras acontecidas entre 1665 e 1668. A loita contra os franceses durante a Guerra da Independencia tamén tivo aquí algún dos seus episodios, feito recollido nas armas do escudo da vila. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Gondomar pertenceron ás xurisdicións de Baiona (xurisdición de reguengo que incluía as parroquias de Borreiros, Chaín, Donas, Mañufe, Morgadáns, Peitieiros e Vilaza), Gondomar (señorío do conde de Gondomar que incluía a vila homónima e a parroquia de Vincios) e Pesegueiro (señorío do bispo de Tui sobre a parroquia de Couso). A promulgación da Constitución de 1812 significou a formación dos municipios de Santa Cristina e Borreiros, de Mañufe e Gondomar, de Peitieiros e Couso, de Morgadáns, de Chaín e Vilaza e de Vincios. Non obstante , a derrogación da Constitución decretada polo Rei Fernando VII en 1814 significou a recuperación do réxime señorial. No segundo período de vixencia da Constitución (1820-1823) creáronse os concellos de Donas, Morgadáns, Peitieiros, Vilaza e Vincios. Unha segunda derrogación da Constitución restaurou o Antigo Réxime en 1823. A definitiva instauración do municipalismo a partir de 1835, traduciuse na creación do concello de Gondomar. Unha das súas parroquias, Morgadáns, constituíuse en entidade local menor en 1932.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan tamén os gravados rupestres do monte Santo Antoniño e das Pinceiras, declarados todos eles BIC en 1975. No eido da arquitectura relixiosa destacan, entre outras, a igrexa románica de Santa Baia de Donas (s XII), Santa Mariña de Vincios (ss XII-XIII), San Vicente de Mañufe (s XVIII), San Miguel de Peiteiros (s XVIII) e Santiago de Morgadáns (s XIX), e o templo de San Bieito de Godomar, reedificado en estilo neogótico historicista no s XIX. Da arquitectura militar destacan a fortaleza do Galiñeiro, declarada BIC en 1949, os restos dos castelos de Senlle e Morgadáns e a fortaleza de Gondomar, orixinaria do s XIV aínda que reformada no s XVII e da que se conservan varias torres de vixilancia decoradas coas armas dos Sarmiento de Acuña. No eido das obras públicas destacan a ponte romana de Mañufe, restaurada en época medieval, a ponte das Ánimas (Gondomar) e o acueducto do Bravo do s XVII (Gondomar). Da arquitectura civil salientan, entre outros, as casas de Avelar (Gondomar), de Baludio (Mañufe) e do castelo (Chaín), as pousas de Bermúdez (Mañufe) e de Cernadas (Chaín) e os pazos dos Acevedo (Donas), de Cadaval (Gondomar), de Pampillón (Vilaza) e de Villarrés (Vilaza). O pazo de Gondomar, construído no s XII pero con reformas nos ss XVII, XVIII e XX, caracterízase pola escalinata exterior, a balconada da fachada norte, a galería da fachada sur, o recinto fortificado coas portas do Reloxo ou Sol e de Mañufe, e a atalaia defensiva interior á finca; destaca tamén a garita do garda de monte a cabalo e o xardín da fachada norte con especies arbóreas centenarias. Foi declarado BIC en 1999. Da arquitectura popular cómpre mencionar os cruceiros do Adro (Borreiros), da Capela (Chaín), de San Bieito (Gondomar), da Fe (Mañufe) e do Lugar do Acordo (Mañufe), cun peto de ánimas na súa base e xunto ao que se reunían nos ss XVII e XVIII os representantes de todas as parroquias do Val Miñor para discutir os asuntos de lindes de leiras e reparto de regadíos. Destacan tamén os petos de ánimas de Hervillás (Vincios), da Igrexa (Gondomar) e o de San Roque (Morgadáns). Entre as festas que teñen lugar sobresaen os Ranchos de Reis, do 5 e 6 de xaneiro, a celebración do Corpus Christi, coa realización de alfombras florais, a de San Bieito e a da Virxe do Pilar. Destacan tamén os curros de Morgadáns, Donas (San Cibrán), Mañufe, (Portavedra) e do Galiñeiro.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Vigo
Extensión 74 Km2
Poboación Total 13371 h
Poboación Homes 6625 h
Poboación Mulleres 6746 h
Densidade de poboación 180.69 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias