gramática
(
-
s
f
[LING]
Disciplina científica que estudia o sistema dunha lingua ou grupo de linguas. Por extensión, tamén o propio sistema en si, isto é, o conxunto de regras que o conforman. A gramática é a disciplina nuclear da lingüística, pois estudia os fenómenos lingüísticos considerados en si mesmos, sen atender ás súas vinculacións cos factores sociais, culturais e biolóxicos das linguas nin á aplicación práctica dos seus coñecementos nin aos factores de variación situacional e espacial da lingua. O estudo da gramática organízase metodoloxicamente en compoñentes. Existen dúas grandes concepcións da gramática: unha ampla, que abrangue todas as compoñentes da linguaxe (fonética, fonoloxía, morfoloxía, sintaxe e semántica léxica), e outra máis restrinxida, que se limita ao estudo das unidades biplanas (dotadas de significante e significado) e que abrangue unicamente a morfoloxía e a sintaxe (exclúese o estudio da fonética, fonoloxía e semántica léxica). En calquera caso, a gramática pode estudiarse cunha dobre perspectiva: sincrónica, describindo o funcionamento do sistema nun momento dado, ou diacrónica, estudiando a evolución do sistema da lingua ao longo do tempo; neste caso fálase de gramática histórica. Atendendo ás relacións entre o sistema lingüístico e a norma ou variedade estándar da lingua, a gramática pode ser descritiva, cando expón o funcionamento real do sistema, sen facer consideracións sobre qué opcións se deben usar ou evitar, ou prescritiva, cando tenta establecer unha norma preceptiva de corrección. Atendendo ao ámbito de aplicación da gramática, cando non se estudia o sistema dunha lingua en concreto senón o de varias, confrontándoos, fálase de gramática comparada ou contrastiva (ou tamén tipolóxica, cando o estudo se orienta ao establecemento de tipos lingüísticos, é dicir, grupos de linguas con comportamentos similares). Algunhas teorías postulan a existencia dunha gramática universal, subxacente a todas as linguas naturais existentes, e cara a ela orientan o seu programa de investigación. A historia da gramática occidental ten as súas raíces na cultura grecolatina. Non se debe esquecer, con todo, que nas orixes da gramática existen outras tradicións, tamén moi ricas e algunhas máis antigas, como a mesopotámica, a exipcia, a india, a chinesa ou, máis moderna, a árabe. En Occidente, as primeiras disquisicións gramaticais apareceron en Grecia, no ámbito da filosofía, vinculadas á retórica e á lóxica: Platón, Aristóteles, estoicos, alexandrinos, etc. A primeira gramática grega chegada ata nós (hai constancia dalgunha anterior perdida) é a Téchne grammatiké de Dionisio de Tracia (ó redor de 100 a C), breve opúsculo moi influínte na tradición gramatical grega posterior, na que destaca tamén a gramática de Apolonio (s II d C). Os gramáticos romanos (Varrón, Donato, Prisciano) adaptaron ao latín as ideas e as categorías lingüísticas dos gregos. As Institutiones grammaticae de Prisciano (ó redor do 500 d C) son o cumio da gramática romana clásica e o fundamento da gramática da Idade Media, que segue centrada case exclusivamente no latín. As linguas vernáculas non son obxecto de estudo gramatical neste período, quitando as descricións que sobre o irlandés, islandés, galés ou provenzal aparecen nos tratados poéticos bárdicos e provenzais dos ss XII-XIV como ferramenta auxiliar da recepción e produción poética nesas linguas. No Renacemento produciuse un acelerado proceso de gramatización de numerosos vernáculos vulgares coa intención de convertelos nas novas linguas nacionais: naceron así, a finais do s XV e ao longo do XVI, as primeiras gramáticas do italiano, castelán, francés, portugués, alemán, inglés, etc. Pouco a pouco fóronse incorporando ao proceso novas linguas de estados menos poderosos e finalmente, xa a partir do s XVII, linguas sen estado, nun continuo que chega ata o s XXI. Neste contexto, a historia da gramática galega tivo un comezo moi serodio, propiciado pola coincidencia cronolóxica do período de gramatización masiva (ss XVI-XVIII) co de maior decadencia do galego. Aínda que no s XVIII os ilustrados (Sarmiento, Sobreira, Cornide) produciron importantes obras de lingüística galega, sobre todo lexicográficas e etimolóxicas, a primeira gramática non se publicou ata 1864: trátase do breve Compendio de gramática gallega-castellana de Francisco Mirás, opúsculo de interese historiográfico e simbólico, pero cientificamente irrelevante. Moito máis valor posúe a Gramática gallega de Saco Arce (1868), a máis sólida das gramáticas galegas publicadas ata hai unhas poucas decádas. Saco era un gramático dotado de formación científica e dunha notable finura na descrición gramatical. Tamén en 1868 publicou Cuveiro Piñol El habla gallega, obra moi elemental. Maiores pretensións tiñan os Elementos de gramática gallega de Marcial Valladares (datados en 1892, pero inéditos ata 1970), que conteñen interesantes observacións, aínda que caracterizadas pola desorde expositiva e certos prexuízos gramaticais do autor. En 1906 publicou Jules Cornu Neugalizische Formenlehre, breve morfoloxía do galego moderno, que apareceu logo en castelán no Boletín da RAG. A gramática diacrónica principiou con Elementos de gramática histórica gallega (1909), de Vicente García de Diego, autor de sólida formación neogramática na liña de Menéndez Pidal. As súas ideas foron retomadas posteriormente por Couceiro Freijomil en El idioma gallego; historia, gramática y literatura (1935), documentada visión histórica da lingua e da literatura galegas. Distinto foi o caso da Filología de la lengua gallega (1918) do avogado Xosé de Santiago e Gómez, que ignorou as achegas de García de Diego e as ensinanzas dos neogramáticos e acometeu unha empresa ambiciosa con escasos recursos e peor resultado. Volvendo aos estudios sincrónicos, na época Nós públicáronse dúas gramáticas: o opúsculo Compendio de Gramática Galega (1919) asinado por R. A., en realidade Leandro Carré Alvarellos, e a Gramática do idioma galego de Lugrís Freire (1922). No contido estas obras seguen a de Saco, de quen retoman as ideas lingüísticas ás veces de forma desafortunada, sen superalo. O avance máis significativo que achegan é o de seren as primeiras gramáticas escritas en galego e abordaren o estudio do idioma de xeito autónomo, non articulado na comparación co castelán; tamén é novidosa a declarada intención normativa que ambas amosan. Trala Guerra Civil abriuse un baleiro que chegou ata mediados da década de 1960, cando as perspectivas de cambio político e o inicio dos estudios de galego na universidade (1965-1966) levaron a un arrequecemento no ámbito gramatical. En 1966 publicouse a Gramática elemental del gallego común de Ricardo Carballo Calero, que a pesar de herdar certas eivas das súas predecesoras (produto da ausencia dunha tradición filolóxica científica autóctona), converteuse en obra de referencia desta nova etapa, con sucesivas edicións que introducían notables variacións de contido. Neste mesmo contexto publicouse a anacrónica Gramática Gallega (1967) de Leandro Carré Alvarellos, moito máis extensa que o Compendio pero tamén cativa de contidos, reeditouse a de Saco (1967) e publicouse a inédita de Valladares (1970). En 1971, 1972 e 1974 o Instituto da Lingua Galega (ILG) publicou os tres volumes da serie Galego 1/2/3, primeiro método de aprendizaxe e perfeccionamento do galego, ao que logo seguiron moitos outros, incluíndo numerosos libros de texto e material didáctico de apoio. Ao abeiro do propio ILG, R. Álvarez, X. L. Regueira e H. Monteagudo publicaron unha Gramática galega (1986) que funcionou como a gramática de referencia na década de 1980 e 1990. É unha obra descritiva, de deseño tradicional e bastante completa (escasa na sintaxe), que pon de manifesto o avance acadado na lingüística galega desde mediados da década de 1960. De 1988 é a Nova gramática para a aprendizaxe da língua de Costa Casas e outros, a medio camiño entre unha gramática, un método de aprendizaxe e un libro de texto. En 1995 e 1997 Manuel Ferreiro publicou os dous volumes da súa Gramática histórica galega, manual completo e sintético, de corte tradicional e orientación pedagóxica. O novo milenio abriuse con dúas amplas gramáticas sincrónicas de idéntico título (Gramática da lingua galega) que se nutriron do acervo de traballos monográficos anteriores. Na primeira, publicada por Freixeiro Mato en tres volumes (1998, 1999, 2000), cunha amplísima exemplificación literaria e certa descompensación nos contidos, o lector é guiado profusamente polas fontes bibliográficas recollidas. A segunda, de R. Álvarez e X. Xove (2002), é unha obra de corte funcional, moi completa e sintética e cun discurso bastante integrado, renunciando os autores en boa medida ao aparato crítico e á demostración erudita nas fontes, sen menoscabo do rigor.
-
gramática de dependencias/valencias
[LING]
Gramática que se centra no estudo das relacións dependenciais ou conectivas, explorando os vínculos entre as partes que integran a estrutura oracional. Desenvólvese basicamente a partir da obra do gramático francés Lucien Tesnière (1959) quen, rexeitando a división dominante da oración en suxeito e predicado, sitúa o verbo (predicado) como núcleo da oración, nó do que dependen os elementos a el subordinados, que poden ser actantes (complementos seleccionados polo verbo, conforme a súa valencia) ou circunstantes (complementos adicionais). As súas ideas foron desenvolvidas, sobre todo, na lingüística alemá (Escola de Leipzig); ademais existen outros diferentes modelos de gramáticas dependenciais, como os de Allerton, Hudson (Word Grammar) ou Mel’čuk (Dependency Syntax). Ademais, moitas nocións deste modelo foron incorporadas tanto ás gramáticas xenerativas como ás funcionais.
-
gramática estrutural
[LING]
Gramática que concibe e analiza a lingua como un sistema de elementos que manteñen relacións entre si e o valor dos cales depende da súa posición no sistema. Oponse ao atomismo da gramática precedente e prima, fronte a aquela, a sincronía (aínda que tamén se ten desenvolvido unha gramática histórica estrutural). Considérase ao lingüista suízo F. de Saussure (Cours de linguistique générale, 1916) o iniciador do estruturalismo e da lingüística contemporánea, coas súas dicotomías lingua/fala, sincronía/diacronía, a teoría do signo e, por suposto, a noción de sistema. Pódese afirmar que a maior parte da gramática do s XX ou é estruturalista ou deriva dalgún xeito desta corrente, mesmo por reacción. As principais escolas continuadoras do estruturalismo saussureano foron a glosemática de L. Hjelmslev, a gramática funcional do Círculo de Praga e, de xeito máis indirecto, o estruturalismo americano de L. Bloomfield (distribucionalismo). Na lingüística hispánica as ideas estruturalistas penetraron na segunda metade do século da man de E. Alarcos. Na gramática galega, a partir de 1960, Amable Veiga aplicou estas ideas á fonoloxía.
-
gramática formal
[LING]
Gramática que, por oposición á funcional, concibe a lingua como un conxunto de oracións ben formadas, formalizables mediante un número limitado de regras. Vinculan a linguaxe á facultade do pensamento, concibíndoa como unha propiedade innata e universal á especie humana, e constrúe unha gramática orientada ao sistema (á competencia), que reflite as propiedades lóxicas das linguas, facendo abstracción das condicións do seu uso en situacións comunicativas concretas. No s XX as gramáticas xenerativas son o modelo de gramática formal máis espallado.
-
gramática funcional
[LING]
Gramática que concibe a lingua como unha institución social propia dunha comunidade e que ten como función básica a interacción comunicativa entre os membros desa comunidade. Con estes postulados constrúense unhas gramáticas orientadas ao uso, no que o estudo do sistema ten que facerse dentro do marco da pragmática. Considérase que a lingua non debe ser estudada como un puro aparato formal, ignorando o seu uso social, pois xúlgase que o sistema lingüístico se conforma tal e como é xustamente en función desa finalidade comunicativa, e non á marxe dela. Nas gramáticas funcionais as relacións gramaticais básicas son as funcións, que se conciben como prolongación dos roles sociais e comunicativos da lingua e adoitan analizarse como unha noción complexa, organizada en tres niveis ou estratos: sintáctico, semántico e pragmático ou informativo. Entre as múltiples correntes funcionalistas presentes na lingüística contemporánea destacan a da Escola de Praga (Functional Sentence Perspective), a gramática sistémica de Halliday, a escola francesa de Martinet, a gramática funcional de S. C. Dik, a tagmémica de Pike, a gramática tipolóxica de Givón, a do rol e a referencia de Foley e Van Valin, a gramática cognitiva de Langacker e a construcionista de Goldberg. En Galicia teñen bastante difusión os principios da gramática funcional, destacando as contribucións de G. Rojo e outros.
-
gramática xenerativa/xerativa
[LING]
Corrente lingüística que concibe a gramática como un mecanismo formado por un conxunto finito de regras que permiten formar (xerar) dedutivamente un número infinito de oracións: todas as posibles dunha lingua e só as posibles. Existen gramáticas xenerativas non transformacionais, que rexeitan a existencia de transformacións, como a gramática categorial de Bar-Hillel, que desenvolve as ideas de Ajdukiewicz, as gramáticas de estrutura de frase (GPSG de Gazdar, HPSG de Pollard e Sag) ou a gramática léxico-funcional de Bresnan. Existen, paralelamente, diversos modelos de gramáticas xenerativas transformacionais, como as deseñadas por Harris, o lingüista soviético Shaumian (modelo aplicativo-xenerativo), e, sobre todo, a iniciada por Noam Chomsky en 1957 (coa publicación de Syntactic Strutures), de gran difusión e dinamismo. O núcleo deste modelo atópase na compoñente sintáctica, integrada por dúas subcompoñentes: unha compoñente de base, conformada polas regras de estrutura de frase e o lexicón, que xera a estrutura profunda, e unha compoñente transformativa, na que as regras de transformación derivan a estrutura superficial das oracións a partir da profunda. O modelo complétase cunha compoñente fonolóxica, na que as estruturas sintácticas reciben representación fónica (ou forma fonética) e unha compoñente semántica, na que reciben interpretación semántica. Esta última compoñente só aparece na reconfiguración do modelo de 1965 (na denominada Teoría Estándar). Xustamente o lugar da semántica, e o papel do léxico e das transformacións, dan lugar na década de 1960 a profundas revisións do modelo, coa Teoría Estándar Alargada de Chomsky e varias correntes heterodoxas: a semántica xenerativa (McCawley, Lakoff, Postal), a gramática de casos de Fillmore e, derivada delas, a gramática relacional. A continua revisión do modelo chomskyano conduce á teoría do Government and Binding (modelo GB, 1981), no que se restrinxe o poder das transfomacións (reducidas a unha única: “movemento de α”) en favor dun maior peso do léxico. Esta tendencia enfatízase na formulación da teoría, o Programa Minimalista (1992), contrapunto da non-chomskyana Teoría da Optimalidade. No minimalismo simplifícase o aparato teórico do GB (elimínanse os niveis de representación estrutura-P e estrutura-S) e procúranse formulacións que sexan o máis simples e xerais posibles. En España a gramática xenerativa foi introducida e difundida polo lingüista galego, residente en EEUU, Carlos P. Otero (1970), aínda que non tivo moito desenvolvemento na gramática galega, algo maior nos últimos anos.