granito
(< ital granito)
Rocha plutónica, ígnea, ácida, de textura granuda e composta fundamentalmente de cuarzo, feldespatos e micas, que pode levar minerais accesorios como anfíbolos e piroxenos, etc. Existen granitos de varias cores, segundo a proporción dos seus compoñentes, cor clara, branca, rosa, verdosa ou gris. Ten unha densidade entre 2,65 e 2,80. A xénese das rochas graníticas é de dous tipos: por fusión parcial de rochas metamórficas en zonas profundas da codia terrestre, dando lugar aos granitos alcalinos, ou por intrusión de masas magmáticas, orixinando os granitos calcoalcalinos. É unha das rochas máis abundantes na codia terrestre; en España atópase principalmente nos Pireneos e en Galicia, onde supón unha importante industria de pedra de cantería e ornamental. Ademais, os xacementos galegos de granitos relaciónanse cos xacementos de rochas como os feldespatos, micas ou caolín que tamén teñen moita importancia industrial.