graxa

graxa

(< lat v *crassĭa)

  1. s f [BIOQ]

    Mestura complexa de triésteres de glicerina (triglicéridos). As graxas danse tanto nos vexetais coma nos animais; nos vexetais localízanse principalmente nos froitos e sementes, e nos animais superiores e no home deposítanse nunha capa baixo a pel, o panículo adiposo, e nos órganos profundos como un tecido especializado, o tecido adiposo. A acumulación da graxa cumpre dúas funcións, unha de reserva alimentaria, co dobre de valor calorífico ca os carbohidratos, e outra de illante térmico, función moi importante en animais que viven en climas moi fríos. As graxas naturais poden ser sólidas a temperatura ambiente se conteñen unha elevada proporción de ácidos graxos saturados, ou ben líquidos, se predominan os ácidos graxos insaturados, entón reciben o nome de aceites. As graxas teñen un alto valor calórico (9 cal/g) e son a fonte de vitaminas liposolubles (A, D, E e K) e de ácidos graxos poliinsaturados (vitamina F) que o home non pode sintetizar. Polo punto de fusión, distínguese entre aceites (de froitos: oliva; de semente: xirasol, soia), manteiga (animal: vaca e porco; vexetal: cacao) e sebos (graxas transformadas); ademais, cómpre ter en conta as margarinas, que se obteñen por mesturas de aceites e de graxas de diferente orixe ou das súas fraccións, en certos casos parcialmente deshidroxenadas. Normalmente, todas as graxas que se destinan á alimentación sométense a diferentes operacións de refinado.

  2. s f

    Sucidade que queda na roupa debido ao contacto do corpo con ela.

  3. s f [TECNOL]

    Substancia semisólida que se constitúe por unha mestura de aceites lubricantes con xabóns de catión metálico (calcio, sodio, litio, aluminio ou bario). As propiedades da graxa dependen da base metálica do xabón e da composición química dos ácidos graxos. Emprégase como lubricante contra a sucidade ou a corrosión.

Palabras veciñas

gravitar | gravitón | gravoso -sa | graxa | graxento -ta | graxo -xa | graxumada