Grecia

Grecia
Nome científico: [nome oficial: República Helénica; gr: 0λληνικη Δημοκρατíα]

Estado da Europa mediterránea, no extremo meridional da Península Balcánica. Limita ao NO con Albania, ao N con Macedonia e Bulgaria, ao NL con Turquía, ao L co Mar Exeo, ao S co Mar Mediterráneo e ao O co Mar Xónico (131.957 km2; 10.964.080 h [2001]). Ademais comprende un gran número de illas que rodean a súa costa. Esténdese entre os 35° e 42° de latitude N e os 19° e 30° de lonxitude L. A capital é Atenas.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
Grecia é un país montañoso, cun relevo moi fragmentado, formado por macizos e sistemas montañosos polos que discorren concas interiores. Malia todo, a metade do seu territorio atópase por debaixo dos 500 m de altitude e a máxima altitude non sobrepasa os 3.000 m (monte Olimpo [2.918 m]). Pódense distinguir tres rexións: Grecia setentrional, Grecia central e a península do Peloponeso. A primeira, Grecia setentrional, está formada por Macedonia, Tracia e Epiro. Macedonia é a continuación da Macedonia ex-iugoslava; formada por materiais metamórficos e cristalinos, está moi fragmentada. Ao L de Macedonia atópase a Tracia grega, que constitúe o extremo oriental do país, formada por unha chaira litoral sobre a que se asentan os contrafortes meridionais da cordilleira do Rodopē. Ao O atópase Epiro, que comeza no Mar Xónico e onde destaca a cordilleira do Pindos, a máis importante de Grecia, formada por materiais calcarios. Grecia central, formada por Tessalia, Etolia e Beocia, é a continuación das concas interiores e as pequenas chairas. O relevo de Tessalia é tabular, como o de Macedonia. É nesta rexión onde se atopa a chaira máis grande de Grecia. A península do Peloponeso forma a Grecia meridional, separada do golfo de Corinto morfolóxica e xeoloxicamente e é a continuación do relevo calcario da cordilleira dinárica. As montañas do Peloponeso, entre as que se atopa o Párnon e o Taiget, prolónganse cara ao S e forman apéndices peninsulares entre os que destaca o golfo de Messenia, Laconia e Nauplia. A Grecia insular está formada polas illas Xónicas e as do Mar Exeo. Estas últimas resultan do afundimento dun antigo macizo e nelas son frecuentes os movementos sísmicos. O litoral, tanto insular como peninsular, caracterízase por ser moi recurtado.
Climatoloxía e hidrografía
O clima é mediterráneo modificado por varias influencias, como o relevo, a latitude e a presenza do mar. O verán é moi seco e a estación das chuvias é moi curta. As temperaturas medias do mes de xullo no S son de 27°C e no N de 25°C, mentres que no mes de xaneiro son de 10°C e 4°C respectivamente. As precipitacións son en xeral escasas. A rexión máis chuviosa é a occidental, principalmente o sector montañoso. Unha característica moi importante de Grecia, sobre todo no Exeo, son os ventos fríos e secos do N. A rede hidrográfica é moi pouco importante. Os ríos máis destacados son o Marica, Nestos e Vardar.
Xeografía humana e económica


Economía
A agricultura representa un papel moi importante na economía pois proporciona o 17% do emprego; aínda así, a súa produtividade é escasa e só representa o 7% da produción nacional. As industrias creadas durante o período posterior á Primeira Guerra Mundial foron destruídas na Segunda Guerra Mundial e na posterior guerra civil. Desde entón o desenvolvemento do sector manufactureiro na economía viuse obstaculizado pola falta de combustibles. En 1970 a contribución ao PNB da industria superou o da agricultura. Malia que nun principio (1998) se rexeitou a súa inclusión na Unión Económica e Monetaria europea por non cumprir os criterios de converxencia, en xuño de 2000 o Consello da Unión Europea aprobou o seu ingreso, despois de que o país acadase os requisitos establecidos; deste xeito, en xaneiro de 2001 Grecia converteuse nun dos 12 primeiros estados que adoptaron o euro como moeda, que empezou a circular en xaneiro de 2002.
Sector agropecuario
A agricultura caracterízase polos baixos rendementos e a produción tipicamente mediterránea, a pobreza dos solos e a pouca extesión das terras cultivadas, que cobren menos do 30% do total. A estrutura da propiedade é basicamente minifundista, dividida nun gran número de pequenas propiedades. Os cereais son os principais cultivos, pero tamén son importantes a viña, as oliveiras e o tabaco. As principais zonas de cultivo son o Peloponeso, as illas e sobre todo Macedonia. En canto á produción de aceite de oliva, Grecia ocupa o terceiro posto mundial. Menos importantes son os cultivos de hortalizas, patacas, legumes e cítricos. Como plantas industriais destacan o algodón e o xirasol. O armentío está constituído principalmente por gando ovino e cabalos en réxime de transhumancia. A pesar da súa tradición mariñeira, a pesca ten pouca importancia, e a actividade céntrase na de baixura polo litoral dos arquipélagos.
Minería e industria
O subsolo grego posúe reservas de moitos minerais. As principais explotacións son de lignitos (na Macedonia occidental, en Ática e en Peloponeso) e de bauxita (en Ática), pero tamén se extrae níquel, amianto, cinc, cromo, ferro, etc. Destaca tamén a produción de mármore. Polo que respecta á industria, o sector é relativamente modesto e pouco diversificado. Prevalecen os sectores agroalimentario e téxtil, mentres que o metalúrxico e o petroquímico están escasamente desenvolvidos.
Sociedade e goberno


Diversidade étnica e cultural
Os gregos constitúen o 98,5% da poboación; a principal minoría está formada polos turcos, cun 0,9%. Entre o 0,6% restante destacan os residentes estadounidenses e doutras nacionalidades europeas (británicos, alemáns, italianos e franceses), establecidos nas áreas máis turísticas do litoral e dos arquipélagos. A lingua oficial é o grego. Tamén se falan outras linguas minoritarias como o turco, o ladino, o albanés, o romaní, o búlgaro e o armenio. O 91,8% da poboación profesa a relixión cristiá baixo a observancia ortodoxa da Igrexa grega.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 2000 situaba a Grecia entre os países cun desenvolvemento humano alto (no posto 23º, cun índice do 0,881). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 75 anos para os homes e de 81 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 97,2% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 81%; e o PNB real por habitante é de 16.501 $ EE UU
Goberno e política
Pola Constitución que se adoptou en 1975 definiuse como unha república parlamentaria presidencialista. O poder executivo correspóndelle ao primeiro ministro, designado polo presidente. O gabinete de ministros noméao o presidente seguindo as recomendacións do primeiro ministro. O poder lexislativo reside no Vouli ton Ellinon (Parlamento Unicameral), que conta con 300 membros elixidos directamente por sufraxio popular para un período de catro anos. O sistema xudicial baséase no dereito romano. O máximo tribunal de xustiza é a Areios Pagos (Corte Xudicial Suprema), composto polos xuíces designados de por vida polo presidente despois dunha consulta co consello xudicial. O Symvoulion Epikrateias (Consello de Estado) é o que determina a constitucionalidade das leis. Non está en vigor a pena de morte. Os principais partidos políticos son: Panellino Socialistiko Kinima (PASOK), fundado por A. Papandreu en 1974, dirixido por Kostas Simitis; Sinaspismos tis Aristeras ke ti Proodu (SIN), socialista, dirixido por Nikolaos Konstandopoulos; Komounistiko Komma Elladas (KKE), comunista, liderado por Aleka Parariga; Nea Dimokratia (ND), conservador, dirixido por Kostas Karamanlís. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Consello de Europa, Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento (BERD), OTAN, OCDE, ONU, OSCE e UE.
Historia

As orixes
Os grupos de recolectores iniciaron a súa transición cara a unha forma de vida baseada na agricultura ao redor do 6000 a C. A neolitización plena correspóndese coas culturas de Sesklo (segunda metade do VI milenio a C) e de Dimini (V e comezos do IV milenio a C), nas que se detecta un incipiente comercio e artesanía. A agricultura grega deste período caracterizouse pola diversificación dos cultivos típicos do Mediterráneo: vide, cereal, oliveira, legumes e froitos secos. Mentres, os artesáns entraron nun proceso de especialización e, cara a 4500 a C, apareceron os primeiros asentamentos fortificados. Ao final do Neolítico chegaron pobos procedentes de Anatolia e dos Balcáns, que se mesturaron coa poboación autóctona dun xeito pacífico. Entre o 4200 a C e o 3700 a C apareceron os primeros poboados neolíticos nas Cícladas. A Idade do Bronce (3000 a C - 1100 a C) definiuse pola introdución da metalurxia e polo desprazamento de poboación de orixe indoeuropea cara ao S. No tránsito entre o III e o II milenio a C, o uso do metal estendeuse sobre todo por Creta no período minoico e, en menor medida, por Grecia central, Peloponeso e Cícladas. En Creta desenvolveuse unha cultura urbana con centros como os palacios de Knossos e Faistos, que, a través do comercio, absorbeu elementos culturais procedentes de Grecia continental, Cícladas, Asia Menor, Siria e Exipto. Mentres, as rutas comerciais dos metais estendéronse entre o Danubio, Asia Menor e o Exeo. A civilización minoica sufriu os ataques dos aqueos e a definitiva conquista polos dorios ao redor de 1200 a C. Cara ao 2100 a C produciuse a irrupción desde o N dun pobo de posible orixe indoeuropea, que algúns identificaron cos minios, e introduciron unha sociedade patriarcal, a especialización social e a construción de poboados fortificados en lugares estratéxicos. Este grupo de poboación orixinou a civilización micénica, que se estendeu pola maior parte da península, chegaron ata a illa de Creta entre os ss XVI-XIV a C e orixinaron a derradeira fase minoica. Tralo desciframento da súa lingua, o Lineal B, comprobouse que era o grego primitivo. Os micénicos ou aqueos coñécense polos restos das súas cidades (Micenas, Pilos, Tirinto e Atenas).
A época arcaica
Entre os ss XII e IX a C chegaron os invasores dorios, procedentes do NO da península Balcánica, tamén de orixe indoeuropea, que empregaban armas de ferro e destruíron a civilización micénica. Os gregos designaron estes sucesivos movementos de pobos (1100 a C - 800 a C) cos nomes de invasións tesalias, beocias e dóricas. Os dorios atravesaron Peloponeso e axudados polas armas de ferro derrotaron os micénicos, destruíron as súas fortificacións e obrigáronos a fuxir. Esta situación orixinou un movemento colonizador cara a Oriente que determinou a formación de poboacións gregas nas illas do Exeo e na costa occidental de Asia Menor. Neste período, a poboación grega organizouse ao redor de diversas cidades estado independentes, como consecuencia da fragmentación xeográfica do territorio e das necesidades de protección e defensa. As diversas cidades estado experimentaron unha evolución política similar. Inicialmente, os xefes dos grupos dóricos proclamáronse monarcas dos territorios conquistados. Posteriormente, as monarquías foron substituídas por oligarquías aristocráticas (800 a C - 650 a C), que incrementaban a base do seu poder e riqueza coa adquisición de terras. A nova clase social dos comerciantes, enriquecida pola actividade mercantil, esixiu os seus dereitos políticos e provocou a crise do sistema oligárquico. Este enfrontamento levou á toma do poder polos tiranos, personaxes carismáticos que gobernaron co apoio das clases populares, fronte á vella aristocracia. Non obstante , as tiranías foron réximes pouco duradeiros, que se baseaban nas virtudes persoais destes gobernantes pero non resistiron o ascenso de personaxes menos dotados. Levaron a cabo importantes reformas sociais en apoio dos máis desfavorecidos, pero deixaron paso aos réximes democráticos. O movemento de colonización (s VIII a C - s VI a C) viuse influído por diversas causas, como o crecemento demográfico e o descontento entre os grupos de habitantes das polis excluídos da cidadanía. Os grupos de colonos, membros das comunidades que quedaran fóra do proceso integrador nas polis, estaban dirixidos por algún membro da aristocracia da metrópole. Desde mediados do s VIII a C os gregos procedentes de Eubea instaláronse nas costas do S de Italia, denominada Magna Grecia, e en Sicilia, onde fundaron Cumas, Naxos, Siracusa e Nápoles. Posteriormente, chegaron ata as costas da Península Ibérica, onde fundaron varias factorías. No s VII os gregos procedentes de Asia Menor enfrontáronse aos intereses comerciais dos cartaxineses e etruscos no Mediterráneo occidental. Entre os ss VIII a C e VI a C, Atenas e Esparta convertéronse nas cidades hexemónicas de Grecia e absorberon os seus veciños mediante a formación dunha liga ou confederación baixo o seu control. Esparta, unha polis militarizada e aristocrática, impúxose en Peloponeso e estableceu un duro control sobre as outras cidades e non lles concedeu o dereito de cidadanía. A unificación de Ática baixo o liderado de Atenas, foi pacífica e outorgoulle a cidadanía ateniense aos habitantes das pequenas cidades. Despois do goberno do tirano Pisístrato en Atenas (561 a C-528 a C), que promoveu unha intensa actividade construtiva e artística, as reformas de Clístenes (507 a C) introduciron unha constitución democrática na que o poder soberano e a responsabilidade política residía na asemblea de cidadáns. Os outros estados chegaron tamén a formas democráticas de goberno, coa excepción de Esparta, que conservou un goberno dirixido por unha diarquía, mentres que a constitución se baseaba nun ríxido código militar atribuído a Licurgo. O carácter democrático das polis limitábase aos cidadáns, que apenas chegaban ao 10% da poboación en Atenas, mentres a escravitude foi unha institución común a todas elas; os escravos ocupábanse dos traballos domésticos, da agricultura, da industria e dos servicios públicos. As actividades comerciais tiveron especial relevancia nas cidades xonias de Asia Menor, poboadas segundo a tradición polos gregos procedentes de Ática durante as invasións dóricas. A cidade máis importante de Asia Menor foi Mileto, que comerciou co Mar Negro, mentres Focea e Samos estableceron relacións comerciais co Mediterráneo occidental. Despois da conquista das cidades xonias de Asia Menor polo reino lidio, no 546 a C foron sometidas polos persas, que se apoiaron nos tiranos destas cidades. A crise das cidades xonias, que servían de intermediarias entre os lidios e Atenas e que perderon a súa importancia comercial no Imperio Persa, provocou que se sublevasen contra os persas co apoio de Atenas (499 a C). Trala súa derrota (494 a C), o rei enviou unha flota para castigar os atenienses, pero foron repelidos en Maraton (490 a C). Posteriormente, o monarca persa Xerxes enviou outra expedición por terra, a través de Macedonia, que chegou a Ática e asaltou Atenas, onde destruíu os edificios da Acrópole, pero unha escuadra grega derrotou a escuadra persa en Salamina (480 a C). Ao ano seguinte un exército confederado grego venceu as tropas persas na cidade de Platea.
A época clásica
No 478 a C formouse a Liga de Delos, unha confederación marítima dirixida por Atenas, que tiña como fin teórico expulsar os persas das cidades gregas de Asia Menor. O tesouro da confederación, froito dos tributos dos seus membros que se gardaba na illa de Delos, transportouse a Atenas (454 a C), alegando razóns de seguridade, e empregouse para financiar parte do programa de obras públicas ateniense. Pola Paz de Calias (449 a C), as cidades gregas do Exeo acadaron a independencia, mentres que se endurecía a política ateniense que tentaba estender o seu predominio a toda Grecia. Esparta dirixiu a oposición a este predominio e desde 446 a C o país dividiuse en dúas áreas de influencia. Mentres, Pericles dirixiu o goberno de Atenas que foi embelecida con numerosas obras, perfeccionou o sistema democrático e estendeu o comercio. A rivalidade entre Esparta e Atenas, e a contraposición dos seus ideais levou á Guerra do Peloponeso (431 a C-404 a C) na que participaron a maior parte das cidades gregas. O enfrontamento prolongouse, pero a debilidade dos atenienses residía na dependencia do trigo para a súa alimentación, importado principalmente da rexión do Mar Negro, polo que trala destrución da súa escuadra en Egospotamos (405 a C), ao ano seguinte Atenas foi sitiada e derrotada coa axuda de Persia. Esparta converteuse na única potencia grega, pero entregoulle a Persia as cidades de Asia Menor pola Paz de Antálcidas (386 a C). Atenas achegouse a Tebas, que conseguiu un breve predominio trala vitoria do xeneral tebano Epaminondas en Leutra (371 a C). Atenas e Esparta aliáronse e malia a vitoria tebana de Mantinea (363 a C), estableceuse un equilibrio entre as tres cidades, mentres que o sistema democrático dexeneraba.
A época helenística
Macedonia, un estado situado ao N de Grecia, converteuse cara a mediados do s IV a C nunha nova potencia entre os estados gregos grazas aos seus recursos naturais e ás transformacións do exército coa creación da falanxe macedonia por Filipo II. Estendeu os seus dominios ata Tesalia mediante alianzas e aproveitou as disensións entre as cidades do S para anexionar Atenas e Tebas trala Batalla de Queronea (338 a C). Ao ano seguinte todas as cidades, agás Esparta, acudiron ao congreso panhelénico que Filipo II convocou en Corinto. O seu fillo Alexandre o Grande invadiu Persia e despois de derrotala creou un imperio que se estendeu desde Exipto ata India. Trala morte deste (323 a C) o imperio fragmentouse entre os seus xenerais, e os descendentes de Ptolomeo establecéronse en Exipto, mentres que os seléucidas quedaron con Siria e apareceron outros estados máis pequenos en Asia Menor. Macedonia continuou sendo un poderoso reino no N de Grecia, pero non conseguiu dominar as cidades gregas do S, que durante o s III a C formaron ligas para opoñerse a ela. Durante a Segunda Guerra Púnica, Filipo V de Macedonia aliouse con Aníbal (215 a C), mentres que os romanos apoiaron unha alianza entre os etolios e os espartanos para atacalos. Trala derrota de Filipo V (197 a C) e do seu fillo Perseo (168 a C) na Batalla de Pidna, o reino de Macedonia disolveuse definitivamente, os romanos suprimiron a Liga Aquea e Grecia integrouse no Imperio Romano como unha dependencia de Macedonia (146 a C), malia que Esparta e Atenas conseguiron privilexios especiais. A calma da nova provincia romana viuse perturbada cando Atenas e outras cidades se aliaron con Mitridates, rei do Ponto, que estaba en conflito con Roma (88 a C). Trala súa derrota, Atenas foi saqueada e destruíronse as murallas do Pireo. Durante os últimos decenios da República, as guerras entre Pompeio e César, e posteriormente entre Octavio e Marco Antonio, producíronse en Grecia e devastaron o país. Augusto separou Grecia de Macedonia e incluíuna na provincia de Acaia, con Corinto como capital.
Épocas bizantina e medieval
Grecia estaba sometida ao Imperio Romano cando o Emperador Constantino I fundou a cidade de Constantinopla (330). Trala división de Teodosio (395), permaneceu sometida a Arcadio e aos seus sucesores. Sufriu as invasións dos visigodos de Alarico (395-397), que a percorreron ata o Peloponeso e destruíron diversas cidades, e dos ostrogodos de Teodorico. Trala caída do Imperio de Occidente (476), o de Oriente dividiuse en dúas prefecturas e o territorio de Grecia integrouse na de Iliria (Illyricum). Durante o goberno do Emperador Xuistiniano I, os hunos entraron en Grecia e chegaron ata Corinto (540), e os eslavos ameazaron tamén Tesalónica (552) antes de ocupar as terras do interior, onde se estableceron como pastores. Mentres, a poboación de orixe grega congregouse nas cidades e na costa e sufriu os ataques dos árabes, ata que acadaron a paz (678). A península sufriu un importante despoboamento ao tempo que se produciu unha revalorización dos vellos costumes e tradicións culturais de orixe helena. Os eslavos subleváronse no Peloponeso (807), pero foron sometidos e Creta foi conquistada polos árabes (826) ata que Nicéforo Focas a recuperou (961). Os búlgaros, veciños e inimigos de Bizancio, invadiron Grecia e percorrérona ata o S, pero derrotounos o Emperador Basilio II (996), que reconquistou Atenas. Logo dun período de anarquía (1057-1081), produciuse a invasión dos normandos, que desembarcaron no Epiro e chegaron ata Lárissa. No 1186 o Emperador Isaac II Anxo expulsou os normandos de Salónica. As loitas polo poder entre as distintas faccións da nobreza grega levaron á toma de Constantinopla polas tropas da Cuarta Cruzada (1204), axudadas polos venecianos. Posteriormente, o territorio fragmentouse en pequenos dominios: ao N o Reino de Salónica, dirixido por Bonifacio de Monferrato; o ducado de Atenas que pertencía á familia borgoñona de La Roche; o principado de Acaia ou Morea dirixido polos Villehardouin e os venecianos que ocuparon algúns enclaves no Peloponeso, Creta, Eubea e outras illas; e o Imperio Latino (1204). Miguel VIII Paleólogo logrou recuperar Constantinopla, puxo fin ao Imperio Latino (1261) e estendeuse sobre o despotado de Epiro, Salónica e a Gran Valaquia. Guillerme II de Villehardouin (1245-1278) impuxo a súa soberanía sobre os príncipes de Atenas e Bodonitza e casou a súa filla co herdeiro do rei de Sicilia. O perigo turco levou ao Emperador Andrónico II a contratar os almogávares, que conquistaron Acaia, Morea e Neopatria, que vincularon posteriormente á familia real aragonesa. Organizaron as cidades e municipios seguindo como norma os Usatges de Barcelona, mentres que os monarcas exerceron o goberno a través dun vicario xeral. Despois da caída do Reino de Xerusalén (1291), a orde de San Xoán repregouse primeiro en Chipre e despois conquistou Rodas (1306-1308). Os emperadores bizantinos loitaron contra os venecianos e os aragoneses coa axuda dos xenoveses, que recibiron a cambio Focea e as illas de Khíos (1304) e Lesbos (1355). Os venecianos conquistaron Megara (1374) e fixéronse con Atenas (1388), limitando a presenza catalá ao ducado de Neopatria desde 1390. Os turcos completaron a invasión e asediaron Constantinopla (1396-1400) durante o reinado de Baiaceto I, pero a súa expansión territorial viuse freada pola irrupción dos mongois desde Asia central a comezos do s XV. Non obstante conquistaron Salónica (1430) e, posteriormente, Mu ḥ ammad II ocupou Grecia central e o ducado de Atenas dun xeito definitivo (1456) e someteu o despotado de Mistra (1459).
Grecia sometida ao dominio turco
Os turcos expulsaron os venecianos de Eubea (1470), Lesbos e outras illas do Exeo, e reduciron as súas posesións á illa de Creta. Malia a conquista producíronse frecuentes sublevacións, como as de Morea (1463-1479), Rodas (1522) e Grecia central (1571). Os turcos dividiron Grecia en seis provincias e numerosos distritos militares, nos que respectaron as propiedades da Igrexa Ortodoxa e dos grandes propietarios a cambio do seu recoñecemento. Nas áreas montañosas os gregos conservaron a súa independencia e propiedades. Nestas circunstancias, gozaron dunha posición relativamente privilexiada, conservaron a súa Igrexa nacional e conseguiron importantes postos na administración como conselleiros políticos dos sultáns. No s XVII Ibrahim I invadiu Creta (1645) e os venecianos, como resposta, devastaron o Peloponeso e as illas, ata a caída de Candia (1669). Pola Paz de Karlowitz (1699), os turcos tiveron que cederlle a Venecia, o Peloponeso, que o perdeu pola Paz de Passarowitz (1718). A finais do s XVIII xurdiu un sentimento nacionalista grego, apoiado desde Rusia durante a guerra ruso-turca, que incitaba á insurreción dos cristiáns ortodoxos. No 1770 desembarcou nas costas do Peloponeso unha escuadra rusa que apoiou a revolta. A Revolución Francesa influíu no nacionalismo grego, que se desenvolveu como un movemento independentista e fundáronse sociedades secretas, a partir de 1814, que prepararon o terreo para o movemento revolucionario e recadaron fondos e armamento.
A independencia e a expansión territorial da Grecia moderna
Despois da declaración de independencia do arcebispo de Patras (1821), produciuse a sublevación dos gregos do Peloponeso e comezou a guerra de independencia contra os turcos. Nos primeiros momentos os gregos acadaron éxitos notables, pero en 1824 o sultán pediu a axuda do vicerrei de Exipto, e en 1826 conseguiron reconquistar todo o S da península, mentres que os líderes das distintas faccións gregas se enfrontaban entre eles. En 1827 produciuse unha reconciliación entre os distintos grupos gregos que posibilitaron a aprobación dunha Constitución republicana baixo a presidencia de I. Kapodistrias. Mentres, os gobernos de Francia, Reino Unido e Rusia acudiron na axuda dos gregos e, despois da destrución da escuadra turco-exipcia en Navarino, forzaron o sultán a recoñecer a autonomía de Grecia (1829). Polo Protocolo de Londres (1830), Grecia acadou a independencia, sometida á protección das tres potencias. Trala guerra de independencia, produciuse un período de enfrontamentos e inestabilidade civil pola disparidade de criterios referidos á forma de goberno e aos diversos candidatos á coroa, que derivou nunha guerra civil (1831-1832). O conflito rematou coa elección do príncipe Odón de Baviera, coroado en 1833. Durante os primeiros anos o seu goberno estivo dirixido por un grupo de rexentes bávaros que se esforzaron por establecer unha administración centralizada, ao tempo que incrementaron os impostos. A pesar de que foron cesados en 1835, o resentimento entre os gregos desembocou nunha nova revolución (1843), que obrigou ao monarca a conceder unha nova Constitución. En 1862, o descontento popular manifestouse nunha sublevación do exército contra Odón I, que abdicou en outubro dese ano. Os británicos designaron como novo monarca o príncipe Xurxo de Dinamarca, coroado en 1863 como Xurxo I. En 1864 promulgouse unha nova Constitución, máis democrática, que garantiu o sufraxio universal masculino e un parlamento unicameral. Durante o seu reinado viviuse unha etapa de estabilidade política que permitiu o desenvolvemento da economía, a construción de estradas e vías férreas, xunto coa creación de condicións para os investimentos estranxeiros. Ademais, produciuse a aparición dunha poderosa burguesía comercial e dun incipiente proletariado industrial. Desde mediados do s XIX o estado grego desenvolveu a utopía ideolóxica e política de reconstruír o Imperio Bizantino, coñecida como Gran Grecia. Paulatinamente, conseguiu a incorporación de novos territorios, as illas Xónicas (1863) e Tesalia (1881). En 1909, Eleftherios Venizelos converteuse en primeiro ministro grego e fixo aprobar unha Constitución (1911) que aseguraba as liberdades fundamentais; co apoio de técnicos estranxeiros reorganizou a vida administrativa, militar e económica; ademais, favoreceu os pequenos agricultores, anulou as exencións de impostos e recoñeceu a existencia dos sindicatos. E. Venizelos apoiou a constitución da Liga Balcánica, formada por Grecia, Serbia, Montenegro e Bulgaria, para rematar coa influencia turca nos Balcáns (1912). Trala Primeira Guerra Balcánica, o exército grego conquistou Epiro do N, a cidade de Salónica, o S de Macedonia e a maior parte das illas do Exeo. As tensións entre os membros da liga provocou unha nova guerra entre eles na que Grecia incrementou o seu territorio coa illa de Creta, e parte de Macedonia e Tracia. O asasinato do rei e a súa substitución por Constantino (1913), xunto co reparto de Macedonia, provocaron a división de Grecia ao comezo da Primeira Guerra Mundial entre os aliadófilos, dirixidos polo primeiro ministro E. Venizelos, e os xermanófilos, encabezados polo Rei Constantino I. As presións de Francia e do Reino Unido, xunto coa posibilidade de novas ganancias territoriais a costa de Bulgaria e de Turquía, orientáronos cara aos aliados e declaráronlles a guerra aos imperios centrais, pero o monarca exiliouse e foi substituído por Alexandre, o seu segundo fillo. Polos Tratados de Neully e Sèvres (1919-1920), Grecia acadou dos búlgaros Tracia occidental e dos turcos Tracia oriental. Os nacionalistas turcos, dirixidos por Mustafa Kemal, rexeitaron os tratados e derrotaron a Grecia, polo que recuperaron Tracia (1923). Xurxo II, que sucedera o seu irmán en 1922, foi deposto no período de inestabilidade que seguiu á guerra e proclamouse a República mediante un plebiscito (1924). A inestabilidade do novo réxime, marcado polas repetidas tentativas de golpe de estado e o precario equilibrio entre as forzas de ultradereita monárquicas e a esquerda socialista, xunto coa forte caída da economía como consecuencia da crise internacional, levaron á restauración monárquica (1935) na figura de Xurxo II.
A ditadura de Metaxas e a Segunda Guerra Mundial
A monarquía de Xurxo II derivou cara a unha ditadura de inspiración fascista imposta polo xeneral Ioannis Metaxas (1936), co pretexto dunha infiltración comunista. Metaxas, que pretendeu crear unha Terceira Civilización Grega inspirada na gloria do pasado clásico e bizantino, combateu por todos os medios os comunistas, impuxo a censura da prensa e creou unha policía secreta. Ao mesmo tempo estableceu medidas de protección social, emprendeu un programa de grandes infraestruturas e obras públicas, e tentou establecer uns sólidos vínculos cos países balcánicos. En outubro de 1940 produciuse o intento de invasión italiana, que fracasou fronte á organización e ao moderno exército grego, apoiado polos ingleses. Trala morte de Metaxas en xaneiro de 1941, púxose á fronte do goberno A. Koryzis, que aceptou a permanencia de tropas británicas no país. Os alemáns atacaron Grecia en abril de 1941, romperon a denominada Liña Metaxas, derrotaron a coalición de gregos, franceses, británicos, australianos e neozelandeses, e ocuparon Atenas o 27 de abril de 1941. O Rei Xurxo II exiliouse, mentres que en Grecia se constituía un goberno colaboracionista dirixido polo xeneral Tsolakoglou. Os civís organizáronse e constituíron grupos de resistencia nas zonas montañosas: o Ellinikos Laikos Apeleftherotikos Stratos (ELAS), formado por comunistas; o Ethnikon Apeleftherotikon Metopon (EAM), composto por estalinistas; e o Ethnikos Dimokratikos Ellinikos Syndesmos (EDES), no que se reunían os membros da dereita e os monárquicos, e que contou coa axuda dos británicos. Estes grupos, que acadaron unha amplísima popularidade entre a poboación grega, pelexaban entre si ao tempo que se resistían aos alemáns. A rivalidade entre os grupos de resistencia foi tan profunda que, tralo abandono de Grecia polas forzas alemanas, entre setembro e outubro de 1944, produciuse unha auténtica guerra civil entre o ELAS e o EDES, apoiado polas tropas británicas e dos EE UU. A fin da axuda exterior e o asasinato do seu dirixente, o xeneral Markos, supuxeron a derrota dos comunistas (1949).
A reconstrución e a Ditadura dos Coroneis
Tralos acordos de Yalta (1945), Grecia quedou integrada na área de influencia anglonorteamericana e no 1952 adheriuse á OTAN. Durante os anos seguintes a política grega, dirixida polo presidente A. Papagos e o primeiro ministro K. Karamanlís, estivo dominada polo problema de Chipre. A revitalización dos partidos de centro dirixido por G. Papandreu e de esquerda, maioritarios no Parlamento desde 1964, desprazou o monarca Constantino II, e o exército. A CIA, coa axuda dunha parte do exército, promoveu un golpe de estado militar (21.4.1967) para evitar a celebración das eleccións previstas para o mes de maio. Como consecuencia, os partidos políticos foron prohibidos, detiveron os dirixentes centristas e esquerdistas, xunto cos principais intelectuais, e suspendéronse as garantías constitucionais. A Ditadura dos Coroneis afrontou con éxito o contragolpe do monarca, en decembro de 1967, que tivo que exiliarse en Roma e perdeu a súa coroa despois da proclamación do país como república en xullo de 1973. O primeiro presidente foi o ex-coronel Georgios Papadopoulos, deposto trala sanguenta represión das manifestacións promovidas polos estudiantes en novembro de 1973, e que foi substituído por F. Gizikis. Pero a oposición interna e externa continuou, así como os problemas económicos derivados da inflación e da caída dos investimentos estranxeiros e, en xullo de 1974, despois da intervención en Chipre, os militares cedéronlle o poder a K. Karamanlís, para preparar a volta á normalidade parlamentaria.
A volta á democracia e a entrada en Europa
Nas eleccións do 17 de novembro K. Karamanlís acadou a vitoria co seu novo partido o ND, e no referendo celebrado en decembro rexeitouse o restablecemento da monarquía. Trala ocupación do N de Chipre por Turquía, abandonou a estrutura militar da OTAN ata 1980. En 1975 adoptouse unha nova Constitución, e nas eleccións de 1977 o ND acadou a maioría, malia que empeorou os seus resultados no parlamento. Nas eleccións parlamentarias de 1981, o PASOK, encabezado por A. Papandreu, acadou a vitoria e o país converteuse no décimo membro da CEE. A conxelación de salarios en 1983 xerou fortes protestas e folgas sindicais. Nas eleccións de 1984 o PASOK volveu gañar, pero cunha marxe superior. A emenda constitucional de 1986 outorgou maiores poderes ao Parlamento en detrimento do presidente. Mentres, os sucesivos plans de austeridade e a conxelación salarial xeraron novas protestas e folgas. O desfalco do Banco de Creta, no que estaban implicados varios membros do goberno, provocou varias crises ministeriais desde novembro de 1988. No exterior, entre 1983 e 1989, Grecia asinou acordos de cooperación con EE UU, que incluíron o mantemento das súas catro bases militares a cambio da súa asistencia económica e militar, e do seu apoio diplomático nas disputas con Turquía. Os escándalos financeiros contribuíron á derrota do PASOK nas eleccións de 1989, e o conservador ND acadou a maioría e formou goberno cunha coalición de grupos de esquerdas, presidida por Harilaos Florakis. En setembro dese ano, o Parlamento anunciou que A. Papandreu e varios dos seus ministros serían xulgados por unha corte especial, acusados de varios delitos. En 1991 formouse un novo goberno encabezado polo conservador Konstantinos Mitsotakis, que impulsou unha política de redución do gasto público, a liberalización de prezos e privatizacións. O cambio de grupo de dous deputados do ND precipitou unhas novas eleccións en setembro de 1993 e o PASOK, baixo a dirección de A. Papandreu, volveu ao poder. A mala situación da economía, cun alto endebedamento público, e as presións da UE para que aplicase unha política económica rigorosa, dificultaron a xestión de Papandreu. Nas eleccións ao Parlamento europeo de 1994, o PASOK e o ND perderon votos fronte aos pequenos partidos. Trala independencia das diferentes repúblicas da antiga Iugoslavia, asinou un tratado con Macedonia (1995), polo que se establecía que a partir dese momento Macedonia adoptaría o nome de Antiga República Iugoslava de Macedonia. En 1995, o ministro de Finanzas A. Papadopoulos, emprendeu un conxunto de impopulares reformas fiscais e rigor orzamentario para formar parte da zona euro. En xaneiro de 1996 A. Papandreu abandonou o seu cargo e o PASOK elixiu a Kostas Simitis novo primeiro ministro. Enfrontouse co descontento popular polas medidas económicas que levaron ás folgas xerais desde novembro de 1996, pero mantivo esta política e no 1998 conseguiu o apoio da maioría do Parlamento para aprobar o orzamento. Nas eleccións ao Parlamento europeo de xuño de 1999, o ND confirmou a súa mellora fronte ao PASOK. Nas lexislativas de abril de 2000, o PASOK acadou a vitoria, e Kostas Simitis continuou como primeiro ministro. A súa política filoeuropea permitiulle meter o país na unión monetaria, ao tempo que melloraba as relacións con Turquía, despois de depoñer o veto ao seu ingreso na UE. Nas eleccións lexislativas de 2004 venceu o ND dirixido por Kostas Karamanlís, poñendo fin a dez anos de goberno socialista.