Grimaldi
Liñaxe nobre xenovesa favorable ao partido güelfo que se estableceu en Mónaco no s XIII. Entre os membros da primeira dinastía monegasca destacaron Rainiero I Grimaldi (1267-1314), señor de Cagnes-sur-Mer, quen despois de servir como mariño á República de Xénova entrou ao servizo de Filipe IV de Francia como almirante de Francia (1303); Carlos I Grimaldi o Grande (1331-1357), primeiro señor de Mónaco, de Roquebrune e Menton; Honorato II Grimaldi (1597-1662), recoñecido pola monarquía hispánica como príncipe de Mónaco (1633) e nomeado polo rei de Francia duque de Valentinois (1642), conde de Carladez e marqués de Baux; e Luís I Grimaldi (1642-1701), príncipe de Mónaco, embaixador de Francia no Vaticano (1689) e conquistador do Franco Condado. A primeira dinastía de príncipes de Mónaco desapareceu coa morte en 1731 de Luísa Hipólita I de Mónaco , polo que o principado pasou a Honorato III Grimaldi (1720-1795). A segunda dinastía extinguiuse á morte de Luís II Grimaldi (?-1949), quen ante a posibilidade de que o principado se integrase en Francia recoñeceu a súa filla natural, Carlota de Mónaco . Trala morte do seu pai, esta renunciou ao trono en favor do seu fillo Rainiero III de Mónaco (1933), que iniciou a terceira dinastía dos Grimaldi no principado.