Guatemala

Guatemala
Nome científico: [nome oficial cast: República de Guatemala]

Estado de América Central, que limita ao O e ao N con México, ao L con Belize, o golfo de Honduras, Honduras e El Salvador, e ao S co Océano Pacífico (108.889 km2; 11.687.000 h [estim 2001]). A capital é Guatemala.
Xeografía

Os principais accidentes do relevo son un conxunto de serras, continuación da Sierra Madre de Chiapas, que atravesa todo o país, e outra cadea paralela, máis preto do Pacífico, que constitúe o eixe volcánico guatemalteco-salvadoreño. Pódense distinguir as seguintes unidades xeomorfolóxicas: ao N, a gran chaira do Petén, prolongación da plataforma do Yucatán, que ocupa case a metade do país; máis ao S, a rexión montañosa, coa depresión do río Motagua, formada, por unha banda, polos Altos Cuchumatanes e, pola outra, pola serie de volcáns xurdidos durante o Cuaternario; finalmente, a chaira costeira que se estende desde o Pacífico ata a serra volcánica. O clima é tropical, aínda que varía moito coa altitude. Pódense distinguir as tierras calientes, ata os 600 m, con temperaturas entre 23° e 26°C, as tierras templadas, entre 18° e 23°C, ata os 1.800 m, e máis arriba as tierras frías, con temperaturas de 10° a 17°C. Respecto da hidrografía, pódense considerar tres vertentes: a do golfo de México, co río Usumacinta e o lago Petén; a do mar das Antillas, cos ríos Motagua, Hondo e Belize; e a do Pacífico, co Suchiate e o Naranjo. A vexetación é principalmente de selva pluvial, pero na chaira marítima meridional é frecuentemente a sabana. A agricultura é a base económica do país. Hai fundamentalmente dous tipos de cultivos: policultura (millo, feixóns, cabazas, arroz, trigo, sorgo, fabas, sésamo, tubérculos, hortalizas, froita e tabaco), para o autoconsumo, e cultivos de plantación (café, plátanos, cana de azucre, cacao, algodón para fibra e para semente, piñas, limóns e cardamomo), parcialmente controlados por uns poucos monopolios de EE UU. As terras repártense en réxime latifundista. A gandería é importante, sobre todo a bovina, que permite a exportación de carne, e tamén a avícola, base da alimentación local. A minería tradicional baséase nuns poucos metais: cinc, chumbo, ferro, cobre, tungsteno, cadmio e prata. Outros recursos mineiros, explotados máis modernamente, pero tamén pouco rendibles, son o petróleo e o gas natural. A industria é a máis importante de América Central. Destacan a alimentaria (azucre e carne), a do tabaco, téxtiles, do papel, farmacéutica, do cemento e da construción e da madeira. Os portos principais son Puerto Barrios, Santo Tomás de Castilla, Matías de Gálvez, no Atlántico, e San José e Champerico, no Pacífico. A balanza comercial é lixeiramente positiva. Exporta café, azucre, algodón, cardamomo e plátanos a EE UU, El Salvador, Alemaña, Honduras, Costa Rica e Nicaragua, e importa produtos químicos, petróleo, manufacturas de base e medios de transporte, fundamentalmente de EE UU, México, Xapón, El Salvador e Venezuela. O turismo non equilibra a balanza de servicios, que é moi negativa e arrastra a balanza corrente. Guatemala é o país de América Central coa cifra de poboación absoluta máis elevada, xa que en 1984 sextuplicara a súa poboación respecto de 1900. O 66% da poboación habita en núcleos rurais. A poboación máis importante é a capital, Guatemala; outras cidades son Escuintla, Quezaltenango e Puerto Barrios. A lingua oficial é o castelán, pero tamén se falan diversas linguas da familia maia-quiché.
Diversidade étnica e cultural
Os habitantes de orixe amerindia, (sobre todo do grupo maia-quiché), constitúen o 55% da poboación guatemalteca, mentres que o 15% son descendentes de europeos, e outro 30% mestizos de ambos os dous grandes grupos. O 75,9% da poboación profesa a relixión católica, aínda que a actividade desenvolvida no s XX por misioneiros doutras igrexas cristiás, procedentes principalmente de EE UU, conseguiu atraer a estas confesións a un 21,8% dos cidadáns. A lingua oficial é o castelán, pero máis da metade da poboación, a de orixe amerindia, fala linguas maias (entre elas, o achí, cakchiquel, jacalteco, quiché, kekchi, mam, pokomam, kanjobal e tzutujil). Desde 1985 o goberno intenta introducir o estudo das linguas locais na escola: o cakchiquel, o mam, o quiché e o kekchi están bastante presentes na escola. O ensino, obrigatorio entre os 7 e os 14 anos de idade, divídese en primario, secundario e universitario.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 2000 situaba a Guatemala entre os   países cun desenvolvemento humano medio (no posto 108º, cun índice do 0,626). Este indicador desgregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 64 anos para os homes e de 69 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 68,6% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 50%; e o PNB real por habitante é de 1.648 $ EE UU.
Goberno e política

Colonia española, acadou a independencia en 1839. Os prolongados enfrontamentos entre o exército, a guerrilla e os paramilitares remataron oficialmente tralo acordo de paz entre o goberno e a Unión Revolucionaria Nacional Guatemalteca (URNG) o 29 de decembro de 1996. Segundo a Constitución de 1986, que sufriu enmendas en 1993, Guatemala é unha república unitaria presidencialista. O xefe do estado é o presidente da república, elixido por sufraxio directo para un período de catro anos. O poder lexislativo reside no Congreso de la República, cunha estrutura unicameral e formado por 113 membros elixidos directamente para un período de catro anos. O poder xudicial está presidido pola Corte Suprema de Justicia, órgano colexiado de goberno das institucións xudiciais integrada por 13 maxistrados. Nun nivel inferior sitúanse os tribunais de segunda instancia, tribunais de primeira instancia e os xulgados de paz. A pena de morte permanece en vigor. Os partidos políticos máis importantes son: Frente Republicano Guatemalteco (FRG), Partido de Avanzada Nacional (PAN), Partido Alianza Nueva Nación (ANN), Partido Libertador Progresista (PLP), Partido de la Coalición de la Organización Verde-Unión Democrática (LOV-UD); Democracia Cristiana Guatemalteca (DCG); e Movimiento de Acción Solidaria (MAS). Forma parte dos organismos internacionais da OAS e ONU.
Historia

As orixes
No territorio da actual Guatemala desenvolveuse a cultura maia desde os primeiros séculos da era cristiá. Cara ao 250, no período maia Clásico Temperán comezaron a construírse cidades ao redor dos centros cerimoniais nas terras altas de Guatemala. Esta civilización acadou o seu apoxeo entre o 300 e o 900, cunha gran densidade de poboación e numerosas aglomeracións urbanas dispostas ao redor de centros cerimoniais e grandes prazas públicas. A sociedade dividíase en clases e estaba dirixida polos sacerdotes que monopolizaban o poder e a ciencia. No s X os centros de poder trasladáronse ás terras baixas da rexión de Petén ata o colapso da civilización.
A conquista
En 1523 Hernán Cortes enviou desde México unha expedición dirixida por Pedro de Alvarado para someter a rexión e fixéronse co control do país en 1526. Inicialmente, a colonización non afectou profundamente á estrutura económica e as poboacións indíxenas continuaron desenvolvendo unha agricultura tradicional. Carlos V creou unha audiencia con xurisdición sobre Guatemala e Nicaragua (1542), e posteriormente Guatemala foi elevada á condición de Capitanía Xeral dependente do vicerreinato de Nova España (1568). Durante a época colonial a Igrexa acadou unha grande importancia e fíxose co control de boa parte da agricultura, a gandería e o comercio portuario. A conquista foi acompañada dunha caída demográfica das poboacións amerindias, que pasaron dos 300.000 habitantes a comezos do s XVI a menos de 70.000 a comezos do s XVIII. No s XVII sufriu un empobrecemento polo absentismo dos encomendeiros, o descenso demográfico e o esgotamento das minas, pero recuperouse no s XVIII coa expansións das plantacións de café e o comercio do cacao e do anil.
A independencia
O período 1805-1820 foi dunha grande axitación social, que desembocou na proclamación de independencia (15.9.1821). A alternativa entre o retorno á autoridade de España ou a independencia total, resolveuse pola anexión ao Imperio Mexicano do xeneral Itúrbide, malia a oposición de Costa Rica e El Salvador. Trala caída do Emperador Agustín I Itúrbide, o xeneral mexicano Vicente Filisola proclamou a constitución das Provincias Unidas de América Central (1823), unha república federada integrada por Guatemala, Honduras, Nicaragua, El Salvador e Costa Rica. Esta república, dirixida desde Guatemala, tivo unha existencia breve marcada polos enfrontamentos entre faccións e grupos de intereses. A oposición constante dos conservadores de Guatemala motivou unha guerra civil (1827-1829). O militar hondureño Francisco Morazán ocupou a capital e ditou leis anticlericais e contra os arrendatarios. En 1838 a axitación popular estendeuse e os estados da federación declaráronse independentes. Nesta situación Rafael Carrera encabezou unha revolta de indíxenas e impuxo a súa ditadura (1844-1865) durante a que mantivo unha sólida alianza coa aristocracia civil e a eclesiástica, que recuperaron todos os seus dereitos e privilexios. O liberal M. García Granados dirixiu a revolución de 1871 co xeneral Rufino Barrios, ocupou a capital e instaurou un rexime representativo e democrático. Entre outras medidas suprimiu os décimos e estableceu a liberdade de imprenta. Rufino Barrios, elixido presidente en 1873, promoveu o liberalismo económico e emprendeu unha moderada reforma agraria, pero sen tocar a economía do café que continuou a súa expansión. Durante o seu goberno publicouse a Constitución (1880), mentres as comunidades indíxenas perderon os seus dereitos e as súas terras, ao tempo que se viron forzadas a traballar gratuitamente nas plantacións. Morreu durante a guerra para reconstruír as Provincias Unidas de Centroamérica (1885). No goberno de Reina Barrios (1892-1898) aprobáronse medidas de presión contra os traballadores rurais, mentres que os grandes propietarios incrementaron as súas posesións.
Os gobernos ditatoriais
Tralo asasinato de Reina Barrios sucedeuno no poder Manuel Estrada Cabrera, que asumiu poderes ditatoriais co apoio de financeiros alemáns e da United Fruit Company (UFCO). Estableceu un sistema de vixilancia policial que reforzou o seu control político, mentres a oposición se organizaba ao redor da xerarquía eclesiástica. O terremoto de 1917, que destruíu a cidade de Guatemala, desencadeou unha oposición xeral ao réxime. En abril de 1920 Estrada Cabrera foi deposto pola súa oposición a unha federación centroamericana, pero o proxecto fracasou (1921) e o xeneral Orellana fíxose co poder (1922-1926). Sucedeuno Lázaro Chacón (1926-1930), Bautillo Palma (1930) e M. Andrade (1930-1931). Durante a ditadura do xeneral Jorge Ubico (1931-1944) o país abriuse ás influencias estranxeiras, mentres que perseguía os grupos de esquerdas e reprimía as organizacións laborais. A UFCO, que recibiu abundantes terras e diversos beneficios e privilexios económicos durante o goberno de Ubico, converteuse no principal latifundista do país, ademais de controlar as liñas férreas e posuír os portos de San José no Pacífico e Puerto Barrios no Caribe.
Os intentos democratizadores
A axitación popular forzou a dimisión de Ubico (1944), que foi substituído en outubro dese ano polo goberno de Juán José Arévalo e abriu un período progresista no que se formulou unha nova Constitución (1945). Baixo o seu goberno empredéronse importantes reformas sociais e políticas, das que destacaron a elaboración dun código laboral, a reforma educativa, a liberdade de prensa e de organización, e a aprobación dunha reforma electoral que estendeu o sufraxio. Sucedeuno na presidencia Jacobo Arbenz (1950), que ampliou as reformas do seu predecesor e aprobou unha lei de reforma agraria (1952), co obxetivo de beneficiar o campesiñado sen terras mediante a expropiación e redistribución dunha porcentaxe dos latifundios que non se cultivasen. A UFCO, que posuía enormes extensións de terras sen cultivar grazas ás concesións dos ditadores Estrada, Cabrera e Ubico, viuse afectada por estas expropiacións e rexeitou as indemnizacións propostas polo goberno. Co apoio do goberno dos EE UU, a través da CIA, a UFCO emprendeu unha intensa campaña de publicidade contra o goberno de Arbenz.
Os gobernos ditatoriais e a loita armada
En xuño de 1954 un grupo de exiliados e mercenarios equipados polos EE UU atacaron Guatemala co apoio da CIA, e no mes de xuño o coronel Castillo Armas ocupou a capital e sufocou o intento socializador. Despois de derrogar as reformas de Arévalo e Arbenz, o seu goberno caracterizouse pola represión e a violencia en defensa dos intereses de EE UU e da oligarquía guatemalteca. Tralo asasinato de Castillo Armas, sucedeuno no poder o xeneral M. Ydígoras Fuentes (1958-1963) que tentou impulsar a integración centroamericana entre acusacións de corrupción administrativa ao seu goberno. A reacción popular levou ao desenvolvemento do movemento guerrilleiro, trala constitución en decembro de 1962 das Fuerzas Armadas Rebeldes (FAR), alianza do Movimiento Revolucionario 13 de Noviembre (MR-13), baixo a influencia de Fidel Castro e o Partido Guatemalteco del Trabajo (PGT). Os sucesivos gobernos ditatoriais responderon cun incremento na represión ao tempo que a Asamblea Nacional Constituyente aprobou unha nova Constitución (1965). Nas eleccións de 1966 triunfou J. César Méndez Montenegro, líder do Partido Revolucionario, unha das organizacións que xurdiron en 1944. Durante o seu goberno o movemento guerrilleiro estendeuse e os asesores militares de EE UU recomendaron o emprego de bandas paramilitares, que foron aparecendo dende xuño de 1966, como o Movimiento Anticomunista Nacional Organizado (MANO), o Comité Anticomunista del Ejército de Guatemala (CADEG) e a Nueva Organización Anticomunista (NOA). Estes movementos provocaron masacres entre os campesiños para destruír as bases da guerrilla. Nas eleccións de 1970 triunfou o coronel C. Arana Osorio co apoio dunha coalición de forzas de dereitas. Impuxo o estado de sitio durante un ano, intensificou a represión e emprendeu unha campaña de terror selectivo coa desaparición de líderes políticos e sindicais, mentres que se multiplicaron as denuncias de violacións dos dereitos humanos. O goberno do xeneral Kjell Eugenio Laugeraud García (1974-1978), co apoio político do Partido de Liberación Nacional coaligado co Partido Institucional Democrático, emprendeu unha certa apertura política, que favoreceu o diálogo cos partidos políticos e as organizacións sindicais, un incremento da organización social, dos movementos cooperativistas e dos grupos indíxenas. En 1975 apareceu o Ejército Guerrillero de los Pobres (EGP) como unha escisión das FAR. Despois do terremoto de 1976, constituíronse grupos para a reconstrución, o que favoreceu o crecemento das organizacións en áreas rurais e urbanas. Nas eleccións de 1978 foi elixido presidente o xeneral Romeo Lucas García, co apoio dunha coalición denominada Frente Amplio. En 1981 o Reino Unido e Guatemala chegaron a un acordo sobre a independencia de Belize, que posteriormente non foi respectado polos británicos. Nas eleccións de marzo de 1982 foi elixido presidente o candidato continuista, o xeneral Aníbal Guevara, pero un golpe de estado instaurou unha xunta militar dirixida polo xeneral Efraín Ríos Montt. O novo ditador derrogou a Constitución e declarou o estado de sitio, mentres que o exército perpetrou matanzas de campesiños e indíxenas nos departamentos de Quiché e Huehuetenango. Os seus intentos de emprender a reforma fiscal para implantar o IVE e unha tímida reforma agraria foron rexeitados por importantes sectores da economía. O ministro de Defensa, xeneral O. H. Mejía Víctores, fíxose co poder nun golpe de estado incruento en agosto de 1983, suprimiu a censura e os tribunais secretos, e ofreceu unha amnistía, que foi rexeitada pola guerrilla. Convocou eleccións xerais en 1984 nas que venceu unha coalición de forzas de dereitas, que redactou unha constitución e convocou eleccións presidenciais en 1985, das que saíu vencedor M. Vinicio Cerezo, secretario xeral do DCG.
A transición política cara á democracia
Vinicio Cerezo instaurou un goberno civil (1986) que iniciou o proceso de transición cunha campaña para erradicar a violencia e purgou o exército de membros das organizacións paramilitares. A cúpula militar, que buscaba asegurarse o control da transición, fixo presión sobre o goberno e protagonizou varios intentos de golpe de estado (1987, 1988 e 1989). Malia a oposición do exército ás negociacións cos grupos guerrilleiros, a presión dos partidos políticos e da comunidade internacional apoiou a busca dunha saída política do enfrontamento. No eido internacional Vinicio Cerezo participou en maio de 1986 na reunión de presidentes centroamericanos en Esquipulas, onde converxeron os gobernos da área para atopar unha saída rexional aos problemas bélicos, evitando o plan de EE UU para crear un bloque rexional contra Nicaragua. En agosto de 1987 produciuse unha segunda reunión que levou á sinatura do Tratado Esquipulas II, no que se establecía a necesidade da democratización e o establecemento de procedementos de negociación para acadar saídas políticas. Nas eleccións presidenciais de 1990 triunfou Serrano Elías, do MAS, e despois de múltiples alianzas formou un gabinete compartido con políticos e empresarios que condicionaron a súa política. O goberno de Serrano Elías continuou os esforzos negociadores, pero enfrontouse con problemas de corrupción, neglixencia e impunidade que os sucesivos gobernos militares tentaran ocultar. A situación de crise e enfrontamento coas forzas políticas da oposición e con amplos sectores sociais desembocou nun intento de golpe de estado presidido polo propio Serrano (25.5.1993). O Parlamento elixiu como presidente a Ramiro de León Carpio en xuño dese ano e presidiu un goberno marcado pola crise de autoridade do Estado, as negociacións de paz coa guerrilla e a redacción dunha nova constitución. O goberno tivo que lexitimar politicamente a esquerda revolucionaria, mentres que reducía o poder do exército. A actitude conciliadora deste goberno enfrontouno cos sectores máis conservadores do país e nas eleccións lexislativas de 1994 o FRG, do golpista Ríos Montt, acadou a maioría relativa, pero non chegou ao goberno pola oposición dunha coalición de forzas minoritarias. Nas eleccións presidenciais de 1996 foi elixido presidente Alvaro Arzú, líder do PAN. En decembro de 1996 asinou un acordo de paz entre o goberno e a guerrilla e, malia a continuación das persecucións, permitiu unha reorganización dos movementos sociais, especialmente os sindicatos e as organizacións de defensa dos dereitos humanos. Nas eleccións de 1999 venceu o FRG, de Alfonso Portillo, que accedeu á presidencia. En outubro do 2000 o presidente tivo que facer fronte ao descontento popular polo incumprimento das súas promesas de emprego e cobertura social e, forzado polo seu partido, apoiou a volta á súa actividade de mandos militares implicados en graves violacións dos dereitos humanos.