Gudiña, A

Gudiña, A


Concello da comarca de Viana, situado na provincia de Ourense no extremo sudoriental da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Vilariño de Conso e Viana do Bolo ( os dous da comarca de Viana), ao L co da Mezquita (Viana), ao O cos de Castrelo do Val e Riós (os dous da comarca de Verín) e ao S co de Riós (Verín) e con Portugal. Abrague unha superficie de 171,4 km 2 cunha poboación de 1.583 h (2007), distribuídos nas parroquias de Barxa, O Canizo, Carracedo da Serra, A Gudiña, Parada da Serra, Pentes, San Lourenzo de Pentes e O Tameirón. A capital municipal é a vila da Gudiña, na parroquia homónima, situada a 42° 3’ de latitude N e 7° 18’ de lonxitude O, 110 km ao SL de Ourense e 224 km ao SL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Verín e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O concello atópase nunha área de transición entre os dominios climáticos oceánicos húmido, continental e de montaña, debido á súa localización interior e, sobre todo, á súa elevada altitude media (800 m). Como consecuencia destes factores, os contrastes maniféstanse sobre todo nos rexistros térmicos. A temperatura media anual é relativamente baixa (10,6°C), non tanto por causa duns invernos rigorosos (a temperatura media de xaneiro é de 4,5°C), como por uns veráns nos que as temperaturas medias son frescas (18,6°C), polo arrefriamento nocturno. O risco de xeadas esténdese practicamente durante todo o ano. Os vigorosos relevos favorecen rexistros de precipitacións elevados (1.460 mm de media anual). O inverno constitúe a estación máis chuviosa (tamén as nevadas son frecuentes), ao Se recoller unha media do 43% das precipitacións anuais; pola contra, o verán é seco, con só o 8% das chuvias, polo que entre xullo e agosto padécese unha intensa aridez nos solos. Pola súa banda, a primavera e o outono compórtanse como estacións de transición pluviométrica, co 25% e o 23%, respectivamente, das precipitacións anuais. O concello posúe unha elevada altitude media (900 m), localizado no bordo das serras sudorientais de Galicia. Pódense diferenciar dúas grandes unidades do relevo: un bordo de sistemas montañosos e unha superficie de aplanamento entre eles. Litoloxicamente, obsérvase unha alternancia entre xistos e lousas, por unha parte, e granitos e cuarcitas, feito que favorece a exitencia de formas de relevo xurdidas da erosión diferencial. O NL municipal limita coa serra do Canizo, prolongación da serra Segundeira que culmina nos 1.446 m do Testeiro. Enmarcan o concello a serra da Esculqueira, ao SL, os montes de Herosa e de Trala e a serra da Urdiñeira, ao O, e a Serra Seca, ao N. A superficie de aplanamento central, de cronoloxía terciaria, vese alterada polo encaixamento dos pequenos cursos fluviais que drenan o concello. Pola disposición do seu relevo, o concello sitúase na divisoria das concas do Sil e o Douro; así, os ríos do N e O verten cara ao Sil a través do Camba, mentres que os do S e L, que converxen no río Moas, baixan ao Douro.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello da Gudiña no s XX levouno a perder nese período unha gran parte da súa poboación, pois pasou de 2.697 h (1900) a 1.583 h (2007), nun descenso do 41,3%. As rigorosas condicións naturais deste territorio constitúen un condicionante importante para o seu desenvolvemento, de feito nunca rexistrou densidades de poboación moi elevadas. Ademais, nas primeiras décadas do século, a poboación municipal participou masivamente na corrente emigratoria cara a Hispanoamérica, feito que se traduciu nun constante descenso de poboación en todas os períodos intercensuais do século, coa única excepción da década de 1950, que se caracteriza polo estancamento: a interrupción da dinámica regresiva naquel período (1950-1960), en que a poboación pasou de 2.275 h a 2.297 h, debeuse á construción de infraestruturas de comunicación viaria e ferroviaria. Despois, a reactivación dos fluxos emigratorios, con destino daquela ás áreas máis industrializadas de Europa, provocou que se recuperase a dinámica negativa. O crecemento natural (2006) e negativo (12,9‰) froito dunnha baixa natalidade (2,2‰) e unha elevada mortalidade (10,7‰). Froito desta evolución é unha poboación moi avellentada, onde os maiores de 65 anos representan o 32% da poboación, mentres que os menores de 20 tan só o 10,7%; o grupo intermedio é o 57,4%. Polo que respecta á distribución por sexos, existe un pequeno desequilibrio a prol dos homes, que constitúen o 50,72% fronte ao 49, 27% das mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Gudiña é do 45,7% (57,2% a masculina e 34,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,4% (48,2% a masculina e 28,5% a feminina) e a taxa de paro é do 16% (15,9% a masculina e 16,3% a feminina). A economía do concello baséase fundamentalmente nas vías de comunicación, que debido á súa condición de enclave á beira da principal ruta de acceso á zona meridional da Comunidade Autónoma de Galicia dende a Meseta, converten os servizos no principal sector de actividade, co 606% do emprego. As actividades agropecuarias proporcionan o 12,9% do emprego; ademais desta importante porcentaxe de emprego principal, as actividades agrarias, practicadas en explotacións domésticas, achegan apreciables complementos ás rendas familiares dos traballadores empregados noutros sectores. A maior parte das explotacións posúen unha dimensión familiar e están orientadas ao autoabastecemento, de xeito que posúen un carácter mixto, agrícola e gandeiro. As terras de labor fican reducidas a só o 7% do territorio municipal debido ás fortes pendentes que ocupan a maior parte da superficie e que dificultan o desenvolvemento da actividade. Ademais, existe unha serie de explotacións gandeiras orientadas ao mercado, fundamentalmente dedicadas á cría de gando porcino. Por mor das condicións topográficas, a actividade forestal é moi apreciable: o 90% da superficie agraria útil está ocupada por masa arborada, das que predominan as plantacións de coníferas. O sector secundario proporciona unha porcentaxe de emprego similar (27,1%), distribuído na industria, que dá traballo ao 10,1% da poboación ocupada e na construción, que acolle o 17% dos traballadores; este gran volume de poboación ocupada na construción está relacionado cos traballos de execución das grandes infraestruturas de comunicación, en concreto a autovía das Rías Baixas A-52, que se prolongou durante gran parte da década de 1990 e absorveu unha gran cantidade de man de obra procedente do sector primario. Esa autovía constitúe a principal vía de comunicación que atravesa o concello; coa súa inauguración relevou desa condición á estrada nacional N-525, que cubría o mesmo traxecto cun trazado paralelo. Ademais, o ferrocarril de Medina del Campo a Zamora, Ourense e Vigo, que atravesa o concello de L a O -como as estradas citadas-, ten estación na capital municipal.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos localizados son o castro da Barxa e o castro do Pico Sacro, con formas moi romanizadas. Consérvanse tamén os restos dunha necrópole alto medieval no Seixo e unha serie de relevos de época visigoda nas fachadas dalgunhas casas da Gudiña. Lugar de paso dende a Idade Media, foi unha das paradas no Camiño de peregrinación a Santiago pola Vía da Prata, como evidencian os milladoiros e, dende o s XVIII, as numerosas pousadas. As parroquias que integran o actual concello da Gudiña pertenceron durante o Antigo Réxime á xurisdición homónima, señorío do conde de Monterrei, coa excepción da parroquia de Carracedo da Serra, que formaba parte da xurisdición de reguengo de Viana do Bolo; ambas as dúas formaban parte da antiga provincia de Ourense. A aplicación da Constitución promulgada polas Cortes de Cádiz en 1812 significou a creación do concello da Gudiña, que abranguía a mesma superficie có actual; sen embargo, esta institución sufriu as vicisitudes políticas do reino, de feito que as derrogacións da Constitución decretadas polo Rei Fernando VII (1814, 1823) supuxeron a restauración do réxime señorial nos períodos 1814-1820 e 1823-1835. A definitiva recuperación do municipalismo consolidou a demarcación deste concello, que non experimentou alteración dos seus límites dende entón. No s XIX o municipio serviu como base de operacións a varias partidas carlistas.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de San Martiño (ss XVII-XVIII) e a de San Pedro (s XVII), e o pazo do Seixo. Dos espazos naturais salienta o encoro das Portas, e o espazo natural da Pena Maseira, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que se celebran destacan no mes de marzo a do beato Sebastián Aparicio, na que se rifa un “ramo” composto por pezas de porco curado e viño, e a de San Bartomeu, caracterizada pola degustación de cabrito, año e troitas.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Viana
Extensión 171 Km2
Poboación Total 1583 h
Poboación Homes 803 h
Poboación Mulleres 780 h
Densidade de poboación 9.26 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias