Guerra Fría

Guerra Fría

Período caracterizado pola bipolarización das relacións internacionais en dous bloques político-económicos opostos, o bloque occidental, liderado por EE UU, e o comunista, pola URSS, que mantiveron un clima permanente de tensión salpicado por conflitos localizados sen chegar a un conflito global por temor á utilización do armamento nuclear. Cada un dos bloques dotouse dunha organización militar; o bloque occidental creou a OTAN (1949) e o soviético o Pacto de Varsovia (1955). Os principais episodios do conflito foron a división de Berlín (1948) e a construción do muro (1961), a Guerra de Corea (1950-1953), e a crise de Cuba (1962). As diferencias soviético-chinesas, as dificultades da URSS e de EE UU cos seus aliados europeos, e o temor a unha destrución total como consecuencia dunha guerra nuclear favoreceron, ao inicio da década de 1970, a apertura dun período de distensión, que se truncou a partir de 1979 coa invasión de Afganistán por parte das tropas soviéticas, e a interrupción das conversas sobre desarmamento. As políticas renovadoras e o posterior desmantelamento da URSS fixeron que o concepto de Guerra Fría designase unha realidade do pasado.