Guillerme/Guillermina
Antropónimo que procede do xermánico Willehelm ou Willahelm, nome composto das palabras xermánicas willja ‘vontade’ e helm ‘helmo’, ‘protección’. No latín medieval documéntase a forma Guilielmus e Vilielmus, pero a variante Guillén foi a máis común na Idade Media e perviviu, tralo proceso de castelanización, convertido en apelido. Presenta as variantes Guillelme, Guillelmo, Guillermo e Guillén. Á súa popularización contribuíu a lenda medieval de Guillerme Tell, amais dos moitos santos, reis e emperadores europeos, especialmente anglosaxóns, que levaron este nome. En Fisterra sitúase a “cama de san Guillerme”, un penedo en forma de cama, usado tradicionalmente como culto á fertilidade. Na abadía de Saint-Guilhem-du-Desert (Occitania) creouse a lenda de san Guillerme, popularizada polos peregrinos que se dirixían a Saint-Gilles-du-Gard e a Santiago de Compostela. Para ennobrecer esta abadía os monxes identificaron a Guillerme de Aquitania (ss XI-XII) con Guillerme de Orange (ss VIII-IX). A súa festividade celébrase o 10 de febreiro.