Gujarāt
Estado de India, situado na costa do mar de Arabia (196,024 km2; 50.596.992 h [estim 2001]). A capital é Gāndhīnagar. Os extremos SL e NL son montañosos, formados por parte dos Ghates Occidentais, a serra de Sātpura e as extremidades de Arāvalli. O clima é cálido. A poboación é maioritariamente rural e a economía predominantemente agrícola (algodón, arroz, sorgo, millo, sésamo, tabaco e cacahuetes). Ten importantes recursos mineiros, con xacementos de bauxita, manganeso, lignito, petróleo e gas natural nas costas do golfo de Khambhāt. Posúe industria téxtil algodoeira, industrias químicas e de cemento. Integrada no imperio dos mauria, no s I as tribos sakai fixéronse co dominio da rexión. A finais do s IV sucedéronos no poder os gupta, ata a chegada de diversos grupos e tribos procedentes do N e do NO, que fundaron pequenos estados. Sometido ao dominio dos parsis (ss VIII-X) e dos chālukya (ss X-XIII), ao mesmo tempo os monarcas de Sind dominaban a rexión occidental de Gujarāt. Conquistado e islamizado polos turcos, formou parte do Sultanato de Delhi (1299), pero en 1308 converteuse en sultanato independente. Formou parte do Imperio do Gran Mongol (1526-1858) e durante a ocupación británica dividiuse en múltiples estados, que en 1947 se integraron no estado de Bombai. Os portugueses, que conquistaran a cidade de Daman (1531) e se fixeran co territorio de Diu (1535), conservárono ata a década de 1960, cando se integrou na Unión India.