Haematopus
Xénero pertencente á familia dos haematopódidos. Comprende os ostreiros. Son aves relativamente grandes, de estrutura robusta e pico longo, forte e comprimido lateralmente, con ápice apropiado para apancar. As patas son robustas, os tres dedos anteriores son curtos e aplanados na súa base e non presentan dedo posterior. As alas son longas e aguzadas e a cola curta. Presentan unha coloración xeral negra ou abrancazada, pico alaranxado e patas da color do sangue. O seu medio é a beira do mar, estuarios, lagoas e algunhas zonas interiores. Corren de forma rápida e voan velozmente incluso a grande altura. Gregarias e ruidosas, illanse en parellas para reproducirse. Aliméntanse especialmente de moluscos, que conseguen abrir co seu potente pico, e tamén de crustáceos, larvas e insectos. Os ostreiros están distribuídos por todo o mundo. A especie máis común nas costas galegas é o ostreiro euroasiático Haematopus ostralegus.