hebreo -a
(< lat Hebraeu < hebr‘ibrī < acadio ẖapiru ‘paria’)
-
adx
Relativo ou pertencente ao pobo ou á lingua hebrea.
-
s
[ETN/HIST]
Individuo do pobo hebreo.
-
s
m pl
[ETN/HIST]
Pobo semita orixinario de Mesopotamia que emigrou cara a Palestina a comezos do II milenio a C. Despois da escravitude en Exipto conquistaron parte de Canaán a comezos do II milenio a C, onde se estableceron e constituíron un reino. No Antigo Testamento a palabra “hebreo” emprégase en boca de estranxeiros para contrapoñer os hebreos a outros pobos. No Novo Testamento aplícase aos que falan arameo, para evitar o termo “xudeu”, reservado aos que non aceptaron a Xesús Cristo. Nas xenealoxías da Xénese, os hebreos e outros pobos semitas están relacionados co epónimo ‘Ibrī, devanceiro de Abrahán, e máis recentemente os eséxetas tenden a relacionar os fillos de ‘Ibrī ou semitas cos ‘Hapiru dos textos exipcios, ugaríticos, acadios e hititas.
-
s
m
[LING]
Lingua semítica, considerada polos filólogos como unha división do grupo noroccidental. Co fenicio, o púnico e o moabita, constitúe unha rama do antigo cananeo. As manifestacións escritas do hebreo no seu período máis antigo son a Biblia hebraica (1200-200 a C) e a epigrafía da época real. A pesar do predominio crecente do arameo ao inicio do período do exilio (s VII a C), o hebreo continuou a ser o medio de expresión, aínda que non escrito, no período posbíblico. A maioría dos textos rabínicos dos primeiros séculos cristiáns foron tamén escritos en hebreo (Mišná, Tosefta, Talmud e Midraš), e a tradición xudía mantivo o uso de “lingua santa” nunha gran parte da súa produción literaria ata os tempos modernos. O hebreo posúe un alfabeto e unha escritura propias. A maioría da poboación xudía do Estado de Israel, onde é lingua oficial, fala e escribe habitualmente hebreo. Esta obra de restauración nacional débese principalmente a Eliezer Ben Yehuda (Vilnius 1858 - Xerusalén 1922), quen non só introduciu o hebreo como lingua única do ensino nas escolas xudías de Palestina (1892), senón que chegou a poñer as bases dunha terminoloxía bastante detallada para expresar calquera concepto ou nomear calquera obxecto. A academia da lingua de Israel fixou o uso de máis de 30.000 termos técnicos.
-
alfabeto hebreo
[ESCR]
Alfabeto propio da lingua hebrea. Escribiuse con alfabeto fenicio de vinte e dúas consoantes -algunhas empregadas desde o pricipio como semivocais. Entre os ss IV e II a C comezouse a adoptar a escritura cadrada, de orixe aramea. Mentres que en Qumrān aparecen aínda as dúas escrituras, a fenicia ou paleohebraica conservouse só entre os samaritanos. Con tal de preservar a lectura correcta da Biblia, os masoretas idearon (cara aos ss VI-VII d C) dous sistemas principais de puntuación vocálica do texto, un supralineal (babilónico), e outro sublineal (tiberienco).
-
literatura hebrea
[LIT]
Literatura cultivada en lingua hebrea, desde a Biblia ata os autores do Estado de Israel. Os libros da Biblia constitúen o legado máis prezado da literatura hebrea antiga. O canon xudeu das Escrituras contén só obras en hebreo, que mostran unha gran variedade de estilos e formas literarias, cun contido moi unitario. Outras obras hebreas dos derradeiros séculos anteriores á era cristiá son didáctico-poéticas (Eclesiástico) e históricas (Macabeos), composicións místico-litúrxicas (himnos e salmos de Qumran) e, particularmente, as do xénero apocalíptico. Os descubrimentos do Mar Morto deron a coñecer tamén unha gran cantidade de obras hebreas de carácter esotérico. A mediados do s II as opinións dos rabinos máis autorizados comezaron a ser rexistradas por escrito, divididas en halaká e haggadá, segundo se eran de carácter legal ou de carácter lendario-histórico ou ético-relixioso. Cara ao ano 200 R. Yehudá ha-Nassí promulgou a gran codificación legal da Mišná, que completaron os seus discípulos na Tosefta. O proceso de expansión continuou: os longos comentarios da Mišná (guemará) forman con esta o Talmud, recollido nos comentarios rabínicos da Biblia (midraš). O hebreo tivo renacementos literarios nos ss VII e VIII en Palestina, e máis tarde en Europa, sobre todo cos grandes poetas hispanos dos ss XI e XII. Á marxe da poesía, os xudeus continuaron escribindo en hebreo, que non fora abandonado nunca como medio axeitado de transmisión literaria, moitas outras obras de todo tipo ata a época moderna. Con todo, non se poden separar do conxunto da produción xudía as obras escritas noutras linguas. Cara ao final do s XVIII comezou en Prusia o renacemento da literatura hebrea (M. Mendelssohn, Euchel, Lindau, Franco-Mendes e Wessely), que se esforzou por escapar do xugo da tradición legal e relixiosa. O voceiro desta corrente (Haskalá: ‘Ilustración’) foi, sobre todo, a revista Ha-Me’assef (1785-1797). En 1856 apareceu o primeiro semanario hebreo, Ha-Maguid. A literatura hebrea da Haskalá pode dividirse en tres grandes períodos, segundo os países: Alemaña (1781-1830), Galitsia (1820-1860) e Rusia (1840-1881). A última data marca o inicio da literatura hebrea moderna en Europa, que durou ata 1917 e que tivo como centros principais Rusia e Polonia. Comezou unha reacción contra a iconoclastia e o esforzo de europeización da Haskalá, co movemento denominado Hibat Tsion, precursor do sionismo. Adoptouse un hebreo máis desenvolvido, e xurdiron as grandes figuras: Ahad ha-’Am, M. Mokher Sefarim, D. Frischmann, I. L. Pèretz, M. J. Berdyezewski, H. N. Bialik e S. Tchernikowsky. A segunda grande emigración a Palestina fixo florecer un novo grupo de autores durante o chamado período otomano (1905-1917). Ben Yehuda colaborou no semanario Havatsélet e fundou o seu, Ha-Tsví (1885), máis tarde diario. O órgano literario-político dos novos autores foi, sobre todo, Ha-Po’el ha-Tsair (1907), onde escribiron poetas como Brenner, Shatz e Tsémah. S. Y. Agnon (Premio Nobel de Literatura en 1966) chegou a Palestina en 1909, pero as súas mellores obras son posteriores á Primeira Guerra Mundial. O período do mandato (1917-1948) marca o punto culminante das letras hebreas modernas: Bialik, que organizou en Tel-Aviv-Yafō a asociación de escritores hebreos; A. Schlonsky, N. Alterman e U. Z. Greenberg; as poetisas líricas Raquel (Bluvstein) e Lea Goldberg; e, en prosa, Agnon. Coa instauración do Estado de Israel (1948) comezou o período israelita da literatura hebrea. Os escritores nacidos no país ou que chegaron a el de pequenos, forman a chamada Xeración do Palmaḥ, que, comprometida na loita pola independencia (novelas de M. Shamir), rexeita a idealización nacionalista dos seus pais: H. Bartov, A. Mégued, S. Yizhar, H. Gouri, A. Gilboa, A. Kovner, T. Carmi e Y. Amihai. Desde a década de 1950 os temas existencialistas da alienación e do rexeitamento de ideoloxías caducas foron expresados en primeiro lugar pola poesía de Amihai, N. Zach, T. Renvner, D. Pagis e, máis recentemente, M. Goldman, Y. Hurvitz e A. Sivan. Destaca tamén o prosista A. Oz e o dramaturgo N. Aloni. En xeral, a nova xeración tende a substituír as ideoloxías nacionalistas por problemas humanos individuais: a existencia do Estado de Israel xa non ten necesidade de ser nin consolidada nin impugnada doutrinalmente, e predícase o diálogo e o entendemento. Tampouco rexeitan a diáspora, como fixeran os autores de anos anteriores. Parecen querer fortalecer e reforzar as unións coas correntes europeas, e tentan aproveitar todas as posibilidades da lingua hebrea. Posteriormente, un gran número de autores uniron á súa produción literaria obras autobiográficas. Á marxe das correntes principais, cómpre facer mención do poeta lírico David Rokeah (1916), da poetisa ortodoxa Zelda (1914), e do intelectual e medievalista Dan Pagis (1930). Entre os dramaturgos destacan Ḥanokh Levin (1944), Yěhosu’a Sobol, ‘Amos Kenan, Yosef Bar-Yosef e Ya’aqov Šabětai. As convulsións políticas, bélicas e territoriais dos seguintes anos representaron de novo a irrupción na literatura da realidade (‘Amos ‘Oz, A. B. Yĕhošu’a e B. Tammuz). Autores maduros (Y. Kaniuk, Y. Sabetai, Y. Orpaz, R. Almog, S. Har-Even, Y. Ben-Ner) translocen unha certa saudade pola unidade de aspiracións e loitas de anos anteriores; e os antigos inmigrantes expresan o seu sentimento de alienación (S. Michael, A. Appelfeld, I. Ya’oz-Qesṭ). En conxunto, a literatura máis recente tendeu a poñer de manifesto a división dos distintos sectores cara a posicións máis irredutibles.
-
música hebrea
[MÚS]
Arte musical do pobo hebreo. A tradición atribúelle a David e á súa época un grande esplendor musical. Os principais instrumentos da música hebrea son o hazozrá, o nebel, a arpa, a trompeta, o něhilá, o sǒfar, o rinnor e o tof. Despois da destrución do Templo (70 d C), só sobreviviu a música vocal, baseada en textos bíblicos. O canto hebreo tivo un período florecente no s XVI, especialmente en Palestina e en Italia. No s XVIII volvéronse introducir os instrumentos, e xa entrado o s XIX intensificouse a participación do órgano na música de culto. Y. Engel, cara a finais do s XIX, fixo unha recompilación de cantos tradicionais sobre os que se basearon compositores como M. Bruch e E. Bloch.