helio

helio

(< gr ἡλιος ‘Sol’)

Nome científico: [He]
s m [QUÍM]

Elemento gasoso, incoloro, inodoro e inerte, pertencente ao grupo 0 (ou VIIIA) da táboa periódica. Foi identificado por primeira vez en 1868, no espectro solar, por Loockyer e Frankland. En 1895 Ramsay, en Gran Bretaña, e Cleve e Langlet, en Suecia, identificárono no gas que Hillebrand obtivera (1891) por acción dos ácidos sobre un mineral de uranio. A totalidade do helio empregado actualmente provén dos gases naturais, sobre todo americanos. O núcleo do helio (He++), que contén dous protóns e dous neutróns, constitúe a partícula α emitida polos corpos radioactivos, o que explica a presenza deste elemento, en moi baixa concentración, na atmosfera e nos minerais uraníferos. É inflamable e empregouse, sobre todo para inchar os dirixibles, globos sonda meteorolóxicos, etc; a súa viscosidade, case nula, e a súa feble solubilidade na auga e nos líquidos acuosos (sangue), fai que se empregue para producir as atmosferas artificiais das campás de inmersión destinadas ao traballo dos mergulladores (79% de helio, 21% de osíxeno) e na terapéutica de certas enfermidades pulmonares. Foi empregado, con certo éxito, como gas inerte de protección na soldadura dos metais lixeiros e na iluminación eléctrica. Mesturado co gas neon emprégase como fonte de luz na espectroscopia Raman.