hematopoese

hematopoese

(

s f [FISIOL]

Proceso de formación e maduración das diferentes células sanguíneas. A partir das células precursoras hematopoéticas (hemocitoblastos) créanse cinco tipos de nucleadas precursoras das células sanguíneas normais: os proeritroblastos, que formarán os eritrocitos maduros; os mieloblastos, que formarán os eosinófilos, neutrófilos e basófilos; os monoblastos, que formarán os monocitos maduros; os linfoblastos, que formarán os linfocitos e os megacarioblastos, que formaran as plaquetas. A hematopoese depende da presenza de factores de crecemento e maduración celular. Durante a vida embrionaria e fetal, a hematopoese ten lugar no saco vitelino e despois no fígado, no bazo, nos ganglios linfáticos e na medula ósea. Despois do nacemento e na fase adulta, a medula ósea é o centro máis importante da hematopoese. Nela fórmanse os eritrocitos, os granulocitos, as plaquetas e os monocitos; os linfocitos proceden do tecido linfático, sobre todo do timo e da medula. En diversas circunstancias fisiolóxicas ou patolóxicas a hematopoese pode diminuír ou incrementar para aumentar os números dalgunhas poblacións de células sanguíneas.

Sinónimos