hemoglobina

hemoglobina

(

s f [BIOL]

Proteína presente nos eritrocitos dos vertebrados que ten como función fundamental o transporte de O2 aos tecidos. É a que lle dá ao sangue a súa cor característica. A molécula de hemoglobina está constituída por catro cadeas polipeptídicas (dúas cadeas α e dúas cadeas β). As dúas cadeas α teñen cada unha 141 residuos de aminoácido, e as β teñen 146, cada unha das catro cadeas contén, unido por forzas non covalentes, un grupo hemo onde o átomo de Fe+2 é capaz de combinarse de forma reversible ao O2 . A hemoglobina transporta o O2   desde os pulmóns aos tecidos, cáptao a través do sangue dos vasos capilares que están en contacto cos alvéolos do pulmón e libérano a través dos capilares tisulares, e transporta o CO2   desde os tecidos aos pulmóns para a súa eliminación. O grupo hemo tamén ten unha grande afinidade polo monóxido de carbono (CO), do que pequenas concentracións poden bloquear a fixación vital do osíxeno, feito que explica a súa toxicidade. No home as hemoglobinas que se atopan normalmente son: a hemoglobina A que é o tipo normal de hemoglobina e representa o 98% aproximadamente da hemoglobina sintetizada no adulto; a hemoglobina A2 que aparece en pequenas cantidades no adulto e a hemoglobina F ou hemoglobina fetal. Existen enfermidades que son o resultado de cambios na estrutura das cadeas da hemoglobina (anemia falciforme) e outras que se deben á disminución da produción dunha ou máis cadeas.