hibridación

hibridación

(

  1. s f [XEN]

    Acción e efecto de hibridar. Ten unha grande importancia económica e biolóxica, posto que aumenta a variabilidade xenética e permite cambios adaptativos e de comportamento, entre outros.

  2. s f [QUÍM]

    Fenómeno que se produce cando dous ou máis orbitais de niveis enerxéticos próximos, e que teñen os mesmos elementos de simetría, se combinan para dar o mesmo número de orbitais híbridos, equivalentes, e de niveis enerxéticos máis baixos. Os orbitais poden hibridarse en diversas proporcións segundo o enlace formado, para chegar a unha configuración de menor enerxía, e a xeometría dunha molécula vén determinada pola hibridación dos enlaces que a forman. Cando un átomo de carbono só ten un dos seus orbitais p hibridado co orbital s, dise que presenta hibridación sp, que dá lugar a unha molécula lineal. Estes átomos de carbono sp atópanse en compostos con triple enlace e con dobres enlaces acumulados. Cando un átomo de carbono ten dous orbitais p hibridados co orbital s, dise que presenta hibridación sp 2 ; ten tres orbitais sp 2 equivalentes coplanarios formando ángulos de 120°, e atópanse en moléculas con dobre enlace. Cando o carbono ten os tres orbitais p hibridados co orbital s, dise que presenta hibridación sp 3 , e ten catro orbitais sp 3 equivalentes dirixidos cara aos catro vértices dun tetraedro regular. A participación de orbitais d conduce a hibridacións máis complexas, moi correntes nos complexos dos metais de transición. O estado de hibridación de cada un dos átomos dunha determinada molécula é aquel que case sempre forma os enlaces máis fortes.

  3. hibridación celular [BIOL]

    Fusión da membrana de diversas células que dá lugar a unha gran célula dotada de tantos núcleos como células orixinais tiña.

  4. hibridación molecular [BIOQ/XEN]
    1. Técnica que consiste en separar as dúas cadeas do ADN bicuaternario e a asocialas posteriormente con cadeas do ADN ou de ARN doutras especies ou individuos, ou ben do mesmo. Emprégase esta técnica nos estudios de taxonomía xenética e de expresión xenética dos cromosomas.

    2. Técnica de inserción de xenes dentro do cromosoma dun microorganismo para que sintetice moléculas ou realice funcións que orixinalmente non lle son propias, como a síntese de insulina ou a fixación de nitróxeno por parte de Escherichia coli.

Palabras veciñas

Hibernia | hibisco | Hibiscus | hibridación | hibridar | hibridismo | híbrido -da