hidráulica
(
Rama da física e da enxeñería que estudia o equilibrio e o movemento dos líquidos, principalmente en función das súas aplicacións técnicas, e os aparatos, as instalacións e os sistemas destinados á súa manipulación mecánica. Os aspectos máis teóricos da hidráulica englóbanse na mecánica de fluídos. Desde 4.000 a C fixéronse obras hidráulicas aplicadas á agricultura (presas, canles, pozos), aparatos para elevar a auga (noras) e aparatos para o aproveitamento enerxético (roda hidráulica). No período grecorromano destacou a escola de Alexandría (Arquímedes, Ctesíbios, Filón, Herón), onde coincidiron progresos de coñecementos e creacións prácticas (rosca de Arquímedes, bomba aspirante-impelente, bóla de Herón). Durante a Idade Media a roda hidráulica tomou importancia como fonte de enerxía mecánica. Torricelli, Pascal e Newton formularon as súas teorías, onde aparecen os principais conceptos empregados modernamente (presión, viscosidade ou resistencia ao movemento). Durante os ss XVIII e XIX, produciuse unha escisión entre os estudios matemáticos (hidrodinámica teórica) e a investigación a partir de datos experimentais (hidráulica práctica). Inventáronse numerosos aparatos e sistemas de medida (tubo de Pitot, muíños, modelos reducidos) e as máquinas transformadoras de enerxía (turbinas hidráulicas). A tendencia teórica e experimental agrupáronse na mecánica de fluídos. Os campos de estudo da hidráulica son as cuestións xerais, como a hidrostática e a hidrodinámica matemática, e tamén o estudo do fluxo líquido, con réxime permanente ou transitorio, laminar ou turbulento. Hai ramas especializadas, como a hidráulica marítima e a hidráulica subterránea.