hipocorístico -ca

hipocorístico -ca

(

  1. adx

    Relativo aos hipocorísticos.

  2. s m [LING]

    Nome de carácter afectivo correspondente a un nome de pía ou alcume. Adoita empregarse en rexistros informais (en forma diminutiva ou abreviada), normalmente entre interlocutores cunha intención afectuosa e de confianza. Na vida familiar a maioría actúan como un segundo nome, case sempre deformación (moitas veces infantil) do nome orixinal, que se foi asentando co uso reiterado, feito que explica a variedade de hipocorísticos de nomes moi usados coma Fancisco (Paco, Farruco, Pancho, Pipo, Quico, Chicho), Xosé (Pepe, Pucho, Che, Se, Xepe, Xexo, Xecas) ou Manuel (Lolo, Maíño, Chono, Mané, Taxa). Modernamente, empregánse moitos estranxeiros ou aquelas formas regresivas que coinciden con eles: Rober, Richi, Richar,Viky, Fanny, Jimmy, Miky. Os nomes máis produtivos, respecto da formación hipocorística, son os que pertencen á tradición familiar e os tomados do repertorio onomástico que ofrecía o santoral. Os nomes curtos adoitan ser máis estables, sobre todo os que se empregan con plena conciencia de creatividade de quen os elixiu. Resultan moi produtivos os que admiten /t/, /n/, //, /l/, /s/, /tÙʃ/, /m/, /p/: Chicha, Cholo, Choncha, Goriña, Lelo, Locho, Lucha, Mariquiña, Miro, Nico, Nucho, Sesa, Sinda, Susa, Tila, Tino, Tito. Moitos dos hipocorísiticos créanse por redución do nome propio. Algúns son formas apocopadas: Bea < Beatriz, Bene < Benedic22to, Beni < Benigno, Benxa < Benxamín, Canducho < Cándido, Cris < Cristina, Carola < Carolina, Catuxa/Catia < Catarina, Deme < Demetrio, Gumerso < Gumersindo, Puri < Purificación, Neme < Nemesio, Rafa < Rafael, Robusto < Robustiano, Visita < Visitación. Outros son aféreses: Bastián < Sebastián, Lupe < Guadalupe, Mero < Baldomero, Nando < Fernando, Queliña < Raquel, Tante < Constante, Tasia < Atanasia, Ventura < Boaventura, Vidio < Ovidio, Xildo < Hermenxildo. Outras formas presentan síncope e apócope á vez: Dora < Adoración, Dosi < Eudosio, Fonsi < Afonso. En galego o proceso da aférese é máis rendible ca o da apócope, pero modernamente escóitanse hipocorísticos con fomas regresivas, quizais por influxo castelán: Fran < Francisco, Fer/Fernan < Fernando. Ás veces dáse a adición dalgún fonema, tanto vocálico coma consonántico, e créanse formas paragóxicas como Pilara < Pilar ou Martiñoco < Matiño (por derivación). Tamén pode acontecer que un mesmo nome propio presente hipocorísticos con aférese e apócope: Atila/Tilano < Atilano, Ermosa/Sinda < Ermesinda, Gumer/Sindo < Gumersindo, Nico/Colao < Nicolao. A gama de diminutivos que dan lugar a formas hipocorísticas é amplo; así, Mingo/Mingos/Mingote/Mingacho/Mingucho/Minguiños < Domingos, Tonecho/ Toniño/Toneco/Toño < Antón, Nis/Niso/Nisocho < Denís, Xele/Xeliño/ Xeluco < Anxo. No repertorio hipocorístico poden darse aglutinacións de nomes compostos: Anabel < Ana Isabel, Marisa < María Luísa, Xelís < Xose Luís. Nalgúns casos modifican a forma primitiva: Lola < Dores, Maruxa < María, Paco < Francisco, Xonxa < Asunción, Xenxo < Inocencio, Firuco < Alfredo, Necho < Andrés, Xirelo < Desiderio, Laíño < Eleazar, Suso < Xesús, Moncho < Ramón, Nacho < Ignacio, Charo < Rosario, Chelo < Consolo, Tucho < Antón, Chiruca/Chirisa < Mercé. Algúns hipocorísticos asentáronse tanto co uso que se están a transformar en verdadeiros nomes propios: Candela < Candeloria, Concha < Concepción, Firme < Firmino, Franco < Francisco, Pura < Purificación, Sabela < Isabel, Tasia < Anastasia, Xandra < Alexandra, Xandre < Alexandre.

Palabras veciñas

hipocondríaco -ca | hipocondrio | hipocordio | hipocorístico -ca | hipocótilo -la | hipocrás | hipocraterimorfo -fa