Honduras

Honduras
Nome científico: [nome oficial cast: República de Honduras]

Estado de Centroamérica que limita ao N e ao O co mar das Antillas, ao NO con Guatemala, ao SO con El Salvador e o Océano Pacífico e ao S con Nicaragua (112.492 km2; 6.575.000 h [estim 2000]). A súa capital é Tegucigalpa.
Xeografía

Xeografía física
País montañoso, divídese en tres sectores: unha depresión central, que atravesa o país de N a S, do golfo de Honduras ao de Fonseca, de orixe volcánica e base dos mellores solos de cultivo, e dúas áreas montañosas a ambos lados dela. O clima é tropical, temperado pola altitude e con abundantes precipitacións nas vertentes expostas á circulación dos ventos alisios. A rede hidrográfica artéllase a través do Ulúa, o Patuca e o Coco.
Xeografía económica
A economía, eminentemente agrícola, baséase nos cultivos comerciais tropicais, especialmente a banana no golfo de Honduras, e o café (que representa a quinta parte das exportacións nacionais) no interior e na costa pacífica, onde tamén destaca a produción de cana de azucre, cítricos e outras froitas. Outro recurso destacable é o forestal, coa conversión en explotacións madeireiras das áreas do bosque tropical. A gandería céntrase nas especies bovinas, equinas e porcinas, ademais das aves de curral. Os crustáceos constitúen o groso das capturas pesqueiras. En conxunto, o sector primario acolle o 35% da poboación activa e achega o 16% do PNB. Os recursos mineiros son escasos e tan só teñen relevancia a extracción de pedras ornamentais, especialmente o mármore, e a pequena produción de metais preciosos, fundamentalmente prata. A industria limítase a unha transformación moi rudimentaria dos produtos agropecuarios en enxeños azucreiros (refinerías de azucre e destilerías de ron) e tabaqueiros, aínda que tamén se implantaron factorías químicas e cementeiras. No sector secundario, que proporciona o 32% do PNB, inclúese o 22% da poboación activa. Pola súa banda, os servicios significan o 43% do emprego e o 52% da produción nacional. Debido á especialización agropecuaria da súa economía e a tendencia deflacionista dos mercados mundiais dos seus produtos, o desequilibrio comercial acentuouse progresivamente na década de 1990, de feito que á conclusión do s XX o valor das súas importacións (2.885 millóns de $ USA [2000]) duplicaba amplamente o das súas exportacións (1.322 millóns de $ USA [2000]). Os principais socios comerciais de Honduras son EE UU, que proporciona a metade das importacións e absorve un terzo das exportacións, El Salvador, Guatemala, Xapón e Alemaña; con todos eles asome un déficit considerable. Desde maio de 1992 forma parte dunha área de libre comercio xunto con Guatemala e El Salvador. A preponderancia estadounidense nas relacións comerciais aséntase sobre a base dunha considerable presenza do seu capital nas estruturas produtivas, moi especialmente nas grandes explotacións agropecuarias.
Xeografía humana
País eminentemente rural, tan só o 52,7% da poboación reside en núcleos considerados urbanos. Tegucigalpa (1.037.600 h [2000]), a capital política e económica do país, é ademais a principal cidade. San Pedro Sula (471.000 h [2000]), El Progreso (109.400 h [2000]) e Choluteca (96.900 h [2000]) séguenlle na xerarquía urbana. A taxa de crecemento natural é elevada (23,9‰ [1999]), debido a unha forte natalidade (31‰) e unha mortalidade reducida (7,1‰) como consecuencia dunha estrutura por idade da poboación moi nova, con máis do 41,8% dos habitantes menores de 15 anos e só o 5,1% maiores de 60. Etnicamente, a mestizaxe é o trazo máis característico da poboación hondureña (o 90%); os amerindios constitúen o 6,7% dos hondureños, mentres que os de orixe europea e africana representan, respectivamente, o 1,2% e o 2% da poboación.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O principal grupo étnico do país constitúeno os mestizos, que representan un 90% do total da poboación. Os amerindios constitúen o 6,7%, os negros o 2% e os brancos o 1,2%. Un 86,7% da poboación é católica e un 10,7% protestante, mentres que o 2,8% restante practica outras relixións. A lingua oficial é o castelán.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano   en 1999 situaba a Honduras entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 107º posto cun índice do 0,634). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 68 anos nos homes e de 72 nas mulleres; o índice de alfabetización de adultos en 2000 foi do 74,6% da poboación e o índice de escolaridade do 61%. A educación primaria (ata os 12 anos) é gratuíta e obrigatoria. O PNB por persoa é de 760$ EE UU (1999).
Goberno e política

Independente de España desde 1821, o país acadou a plena soberanía en 1838. Segundo a Constitución de 1982 o presidente da república reúne os cargos de xefe de estado e de goberno e a súa elección realízase por sufraxio universal para un período de catro anos, sen posibilidade de reelección. O poder lexislativo reside no Congreso Nacional, unicameral, que conta con 128 membros elixidos por sufraxio directo para un mandato de catro anos.O poder xudicial reside na Corte Suprema de Justicia, formada por xuíces elixidos polo Congreso Nacional para un período de sete anos e o seu sistema baséase no dereito español, con influencia da common law. Non está en vigor a pena de morte. Os principais partidos políticos son o Partido Liberal (PL), o Partido Nacional (PN), o Partido Demócrata Cristiano de Honduras (PDCH), o Partido de Innovación y Unidad-Social   Democracia (PINU-SD) e o Partido de Unificación Democrática (PUD). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: OAS e ONU.
Historia

O descubrimento e a colonia
Ocupado orixinariamente polos chibchas, os lencas e os maias, o país foi descuberto en 1497 por Juan Díaz de Solís e Vicente Yáñez Pinzón. A exploración do territorio iniciouse coas expedicións que enviou Hernán Cortés, e Pedro de Alvarado conquistou o territorio e fundou San Pedro Sula (1536). Posteriormente fundáronse as cidades de Comayagua (1537) e Tegucigalpa (1570), e Honduras pasou a formar parte da Capitanía General de Guatemala. No s XVIII os piratas destruíron as costas e ocuparon Mosquitia.
A independecia e os gobernos ditatoriais
En 1821 Honduras independizouse de España e pasou a formar parte do Imperio de México dirixido por Agustín I Itúrbide (1822-1823). Trala súa caída constituíronse as Provincias Unidas de América Central (1823), unha república federal integrada por Honduras, Guatemala, Nicaragua, El Salvador e Costa Rica. A capitalización do poder desde Guatemala e a oposición entre faccións, motivou que o militar hondureño Francisco Morazán tomase a capital. A axitación popular estendeuse e o 5 de novembro de 1838 acadou a independecia total. Os ss XIX e XX caracterizáronse polas loitas entre a oligarquía conservadora de Comayagua e a liberal de Tegucigalpa. A finais do s XIX produciuse o desenvolvemento da minería, mentres que a agricultura incorporou o café e as plantacións de tabaco e bananas. As compañías dedicadas á explotación das froitas, especialmente da banana, estendéronse durante a primeira metade do s XX e a United Fruit Company fíxose co control do mercado e dominou a política nacional. Este período viuse marcado pola inestabilidade política, as revoltas e os gobernos ditatoriais, como o de Tiburcio Carias Andino (1932-1948).
Os frustrados intentos democratizadores
En 1948 Honduras iniciou un proceso de modernización política e económica e de democratización. Os gobernos de Jacobo Arbenz e do liberal Ramón Villeda Morales promoveron a reforma agraria e estableceron as bases da lexislación sobre asistencia social. O golpe de estado de 1963 deulle o poder ao xeneral Oswaldo López Arellano, que dirixiu unha guerra contra os salvadoreños (1969). Posteriormente, liberais e conservadores chegaron a un acordo e Ramón Ernesto Cruz acadou a presidencia (1971). Despois dun novo golpe de estado, o xeneral López Arellano volveu ao poder (1972-1975) e dirixiu unha radical reforma agraria. Sucedéronse os gobernos ditatoriais dos xenerais Juan Melgar Castro e Policarpo Paz García, ata que en 1980 se convocaron eleccións democráticas nas que venceu o liberal Roberto Suazo Córdova. Durante o seu mandato, o xeneral Gustavo Álvarez organizou unha campaña de represión contra os sindicatos, os pequenos partidos de esquerdas e contra a guerrilla, pero foi expulsado do país polos oficiais máis novos en 1984. A presenza da Contra en Nicaragua, que contaba co apoio de EE UU desde o S de Honduras, permitiulle ao goberno de Suazo Córdova recibir axuda económica e militar. Durante o goberno do liberal Jose Simeón Azcona (1985-1989) prolongáronse as matanzas e as violacións dos dereitos humanos polo exército e os grupos paramilitares, que provocaron as represalias da guerrilla e levaron ao asasinato do xeneral Álvarez.
O restablecemento da normalidade política
Malia as presións de EE UU para reformar a política económica segundo as directrices do Banco Mundial, non foi ata as eleccións xerais de 1989 cando, trala elección do candidato do PN, Rafael Leonardo Callejas, se consolidou unha administración civil. Nas lexislativas de 1993 venceu o PL, e Carlos Roberto Reina Idiáquez foi escollido novo presidente o 27 de xaneiro de 1994. O seu goberno viuse afectado polas denuncias contra altos funcionarios pola súa participación no tráfico de pasaportes durante 1995 e outras prácticas ilegais, mentres que a violencia se foi estendendo. En 1998 Carlos Flores accedeu á presidencia e integrou un goberno de unidade nacional. En setembro dese ano, o furacán Mitch provocou ao redor de 6.000 mortos e 8.000 desaparecidos en Honduras e 3.794 millons de dólares en perdas económicas. En 1999 as forzas armadas perderon a súa autonomía e suprimiuse o cargo de comandante en xefe das Fuerzas Armadas. En novembro dese ano produciuse un enfrontamento diplomático con Nicaragua pola soberanía do golfo de Fonseca, que levou a ambos países a movilizar tropas na fronteira. Nas eleccións de novembro de 2001, Ricardo Maduro, candidato do PN, acadou a vitoria e despois da súa toma de posesión o 27 de xaneiro do 2002 emprendeu unha política centrada na seguridade e no ataque á corrupción e á delincuencia.