Huang He
Huang He
ou Río Amarelo Río de China. Nace no altiplano do Tibet, a 4.500 m de altitude. O seu curso, de 4.845 km, atravesa as rexións palustres de Hin-ko-hai, Oring Nor e Tsaring Nor, así como o macizo de A-mi-na-k’ing. No seu curso medio muda de dirección e corre cara ao altiplano de Mongolia, para adoptar a dirección N-S ao encaixarse na fosa tectónica de Qin Ling. Desemboca a través dun gran delta no mar interior de Bo Hai, despois de drenar unha conca de 771.000 km2. A gran cantidade de loess aluviais que arrastra tingue as súas augas da cor que lle deu a súa denominación.