hugonote
(
Aplícase aos calvinistas franceses, e máis concretamente aos do movemento político-relixioso francés de inspiración calvinista configurado a partir de 1547. A adhesión ao calvinismo de persoeiros como Antonio de Borbón, rei titular de Navarra, o príncipe de Condé e o almirante de Coligny, entre outros, proporcionoulle ao calvinismo unha poderosa influencia política. A rexencia de Catarina de Medici acentuou a dimensión política do calvinismo na pugna cos Guise, abandeirados do catolicismo. Así principiaron as Guerras de Relixión. A Conxura de Amboise (1560), contra os Guise, provocou os primeiros derramamentos de sangue, acougados co coloquio de Poissy. Novas matanzas no ano seguinte, principiadas polos Guise, provocaron a reanudación da guerra, que se prolongou ata 1598, cando o Edito de Nantes lle concedeu aos hugonotes liberdade de culto (agás en París), así como o recoñecemento de todos os dereitos civís dos que gozaban os católicos. A reacción antiabsolutista nos primeiros anos do reinado de Luís XIII desencadeou as derradeiras guerras hugonotes. A revogación do Edito de Nantes (1685) levou ao exilio á maioría dos calvinistas.