Hungría
Estado de Europa Central, situado na chaira Panónica. Limita ao N con Eslovaquia, ao NL con Ucraína, ao O con Austria, ao SO con Eslovenia, ao S con Croacia e Serbia e ao L con Romanía (93.030 km2; 10.198.315 h [2001]). Esténdese entre os 46° e os 49° de latitude N e os 16° e os 23° de lonxitude L. A súa capital é Budapest.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
Hungría ocupa a maior parte da chaira Panónica, atravesada polo curso medio do Danubio. Esta superficie formouse polos dobramentos alpinos e carpáticos no Neoxeno. Preto das tres cuartas partes do territorio atópanse por baixo dos 200 m de altitude e só o 2% supera os 400 m; incluso os cumios máis elevados apenas pasan dos 1.000 m. A diversidade de materiais que cobren a chaira (areas, arxilas e loess) provoca que a calidade dos solos sexa moi heteroxénea. A zona de montaña constitúe unha dorsal que se prolonga, atravesada perpendicularmente polo Danubio, en dirección NL-SO: no seu extremo meridional, no Macizo Bakony, os montes son de escasa altitude (culminan a pouco máis de 700 m) e de cumios achairados; nos sectores central e setentrional da dorsal, os macizos, vinculados morfolóxicamente aos Cárpatos, son moito máis elevados, de feito que alí se acadan as maiores elevacións do país, que corresponden aos montes Mátra (1.015 m) e Bükk (959 m).
Hidrografía
A rede hidrográfica húngara artéllase ao redor do Danubio, principal colector que drena o país, que atravesa de N a S ao longo dun curso de 400 km. O seu maior afluente, o Tisza, drena a chaira oriental de NL a SO e recibe outros dous importantes ríos: o Köros e o Maros. Outro dos colectores da conca danubiana, o Drava, penetra pola fronteira eslovena para drenar o SO do país antes da súa desembocadura. O Danubio, malia as fortes estiaxes ás que está sometido, constitúe unha vía de comunicación fundamental: unha canle conéctao co lago Balaton, o máis grande da Europa Central, situado ao pé do Bakony.
Climatoloxía
O clima húngaro defínese polos seus claros trazos continentais, caracterizados polo rigor das temperaturas en función da estación astronómica, que provoca unha grande amplitude térmica anual. A temperatura media anual en Budapest é de 11,2 °C, resultado duns invernos crús (-1,5 °C de temperatura media do mes de xaneiro e temperaturas mínimas extremas que acadan os -34 °C) e duns veráns calorosos (22 °C de temperatura media en xullo, con máximas absolutas que poden chegar aos 40 °C). Polo que respecta ás precipitacións, rexístranse valores moderados: recóllense unha media de 610 mm de precipitación anual en Budapest, distribuídos ao longo de 115 días de chuvia. Nas áreas montañosas occidentais e sudoccidentais os rexistros pluviométricos acadan valores que rondan os 1.000 mm anuais; obsérvase unha progresiva diminución cara ao N e NL. Na chaira danubiana as precipitacións recollidas redúcense a 500 mm anuais.
Xeografía económica
Economía
Máis de corenta anos dunha economía socialista, construída baixo as directrices soviéticas desde a proclamación da República Popular en 1947, deixáronse atrás cando en 1982 as propias autoridades do réxime comunista optaron, nunha decisión sen precedentes no mundo, por dirixir ao país cara a unha transición á economía de mercado, afondando na liña que se principiara en 1968, cando co Novo Mecanismo Económico se aprobaran reformas que concedían un maior grao de manobra á iniciativa privada. Un dos primeiros froitos desa viraxe foi o ingreso de Hungría no Fondo Monetario Internacional, que precedeu á adopción, en 1985, dun programa de liberalización económica que, entre outras medidas, eliminou as subvencións ás empresas inviables. En 1988 abriuse a bolsa de Budapest, o primeiro mercado de valores que operou nos países do bloque socialista. A prematura introdución de elementos capitalistas no seu sistema económico colocou a Hungría, malia a recesión provocada polo esforzo inherente aos axustes ao novo sistema (baixada da produción, incremento do paro e da inflación e perda de poder adquisitivo dos traballadores), nunha posición de vantaxe respecto dos outros países do bloque, que tiveron que afrontar eses mesmos problemas con posterioridade. Para axudar a asumir os custos da transición, Hungría ingresou no Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento (BERD) en 1990; paralelamente, no plano político dotouse de institucións democráticas que supuxeron unha garantía para a consolidación do proceso de reformas. Unha vez desintegrado o espazo soviético trala disolución da URSS (1991), afirmouse definitivamente a integración no mundo capitalista do país, que experimentou un notable incremento dos investimentos extranxeiros e dos intercambios comerciais. O crecemento económico foi elevado desde a segunda metade da década de 1990 (3,8% anual en 1999). A privatización do sistema bancario propiciou o establecemento de numerosas entidades que converteron a actividade financeira nun dos principais sectores económicos. A OCDE censurou a actitude do goberno húngaro, que permitiu a conversión do país nun paraíso fiscal carente de normas e instrumentos eficaces para evitar o branqueo de diñeiro procedente de tráficos ilícitos. Proba definitiva da culminación da transición económica e política de Hungría foi a súa inclusión na lista de países invitados a ingresar como membros de pleno dereito na Unión Europea en xaneiro de 2004, anunciada o 9 de outubro de 2002. A moeda oficial é o florín húngaro.
Recursos e sectores de actividade
As actividades agropecuarias proporcionan emprego ao 6% da poboación pero só achegan o 4% do PNB. Polo que respecta á agricultura, os cereais (millo e trigo) constitúen os principais cultivos, tanto en produción como en superficie cultivada; séguelle a remolacha azucreira, base da produción industrial de azucre, e, con moita menos importancia, o orxo, as patacas e a vide, que se cultiva nas ribeiras do lago Balaton e no N do país para elaborar viños que gozan de grande aceptación nos mercados centroeuropeos. A gandería é relativamente modesta; tan só destaca o armentío porcino. O sector secundario ocupa en conxunto o 34% dos traballadores e achega unha porcentaxe similar da produción nacional (33%). Polo que atinxe á minería, a extracción de carbón das minas de Baranya e dos macizos do Mátra e do Bakony é a actividade máis sobranceira. A bauxita de Bakony e o petróleo constitúen tamén recursos importantes. A pesar da importancia da extracción de combustibles fósiles, os recursos enerxéticos resultan insuficientes para abastecer as necesidades do país e tense que recorrer á importación, pois malia a existencia dunha densa rede fluvial a topografía, practicamente chaira, da maior parte do territorio, impide o desenvolvemento de aproveitamentos hidroeléctricos potentes. A industria siderúrxica está moi desenvolvida: aceiro e aluminio son os primeiros expoñentes dun sector pesado en que tamén destaca a produción de ácido sulfúrico. As producións de bens de consumo máis destacables son os vehículos comerciais e os receptores audiovisuais. Do sector agroalimentario destacan as producións de azucre, cervexa e viño. Por último, os labores de tabaco constitúen outra industria sobranceira. Máis da metade da actividade industrial concéntrase ao redor de Budapest. Os servicios convertéronse no primeiro sector de actividade, tanto en termos de ocupación (60% da poboación activa) como de produción (63% do PNB). Budapest, capital política, administrativa e económica do país, é tamén un destino turístico de primeira liña nos circuítos europeos, principlamente polo esplendor do seu patrimonio cultural e arquitectónico e os prezos accesibles.
Comercio exterior
Da vinculación cara aos países da área socialista que caracterizou as relacións comerciais húngaras durante a maior parte da segunda metade do s XX, pasouse a unha situación definida pola preponderancia dos intercambios cos seus veciños xermánicos, que significou a recuperación da dinámica anterior á proclamación do réxime comunista. Alemaña é o seu principal socio comercial, pois absorbe o 38% das exportacións húngaras; ademais, a relación é favorable aos húngaros, que importan de Alemaña, provedor do 29% das compras, mercadorías por un valor moi inferior (a diferenza é de 1.400 millóns de $ EE UU a prol de Hungría). Malia este superávit na relación co seu primeiro socio, a balanza de pagamentos é deficitaria, pois as exportacións en 1999 sumaron un valor de 24.947 millóns de $ EE UU, mentres que as importacións chegaron na mesma data a 27.920 millóns de $ EE UU, unha diferenza que se mantiña na tendencia observada dende a adopción das estruturas capitalistas. Austria, o seu segundo socio comercial, mércalle case o 10% das súas exportacións e, malia proporcionarlle unha porcentaxe inferior (9%) das súas compras, tira un beneficio superior aos 200 millóns de $ EE UU anuais. Os produtos italianos teñen unha penetración nos mercados húngaros lixeiramente inferior aos austríacos (7,7% das importacións), pero sen embargo, os beneficios italianos son moito maiores, pois só compra menos do 6%. En termos absolutos, Rusia, cuarto provedor, sae case tan beneficiado como Alemaña, xa que en 1999 as súas vendas sumaron 1.275 millóns de $ EE UU máis ca as súas compras a Hungría, país do que Rusia pasou a ser o sétimo cliente, por detrás de EE UU, Países Baixos e Francia, ademais dos xa mencionados nos tres primeiros lugares. As principais partidas de exportacións constitúenas os produtos industriais (26%) seguidos dos produtos agropequarios (24%) e a maquinaria de transporte (12%).
Xeografía humana
Demografía
O crecemento demográfico adquiriu a principios da década de 1990 un signo negativo que traduce aos planos vexetativo e migratorio as transformacións socioeconómicas derivadas do tránsito á economía de mercado. O crecemento da poboación verificouse durante o período 1995-2000 a un ritmo medio do -0,4% anual, nunha proporción moi aproximada ao incremento vexetativo, que foi do -3,8‰ en 2000. A taxa de natalidade foi nese ano do 9,7‰, mentres que a de mortalidade se situou no 13,5%. A esperanza de vida ao nacer, que é de 67 anos para os homes e 76 anos para as mulleres, é lixeiramente inferior á dos seus países veciños, especialmente aos occidentais.
Poboamento
Case que dous tercios dos húngaros residen en núcleos urbanos (64% en 2000). Budapest xerarquiza unha rede urbana caracterizada pola macrocefalia da capital, unha cidade de case dous millóns de habitantes (1.778.0009 h [2001]). Debrecen, capital do megye de Hajdú-Bihar, no extremo L do país, é a segunda cidade (204.000 h [estim 2000]). Miskolc (173.000 h [estim 2000]) e Nyíregyháza (113.000 [estim 2000]) no NL, Szeged (158.000 h [estim 2000]) e Pécs (158.000 h [estim 2000]) no S, Székesfehérvár (105.000 h [estim 2000]) no centro, ao SO de Budapest e Györ (128.000 h [estim 2000]) no NO, completan a relación de urbes que superan os 100.000 h.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A homoxeneidade étnica da poboación que vive no interior das fronteiras de Hungría é case absoluta. Os maxiares constitúen o 96,6% dos cidadáns e as principais minorías, alemáns (1,6%) e eslovacos (1,1%), apenas son significativas. A lingua oficial, falada pola inmensa maioría, é o húngaro. No plano relixioso obsérvase unha realidade máis heteroxénea, produto do seu protagonismo histórico directo no proceso da Reforma da Igrexa no s XVI, cando cidades como Debrecen se converteron en activos focos calvinistas; tamén o prolongado período comunista deixou a súa pegada, de feito que, aínda que máis das catro quintas partes dos húngaros se declaran cristiáns (o 63,1% de obediencia católica e o 25,4% de confesión protestante), un 11,5% maniféstanse ateos ou agnósticos.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Hungría nun posto alto (36º) de desenvolvemento, cun índice de 0,829. A esperanza de vida dos seus habitantes ao nacer era de 67 anos para os homes e de 76 anos nas mulleres, en 2000. O índice de alfabetización de adultos nese mesmo ano foi do 99,3% da poboación e o índice de escolaridade bruto foi do 81%. A educación primaria é gratuíta e o ensino é obrigatorio ata os 16 anos. O goberno cobre os gastos da educación secundaria e superior. O PNB por persoa é de 4.640 $ EE UU (1999).
Goberno e política
Independente do Imperio Austro-húngaro desde 1918, en 1947 Hungría converteuse nunha República Popular. A Constitución de 1949, emendada en outubro de 1989, defínea como unha república parlamentaria, en que o poder executivo reside no goberno, presidido polo primeiro ministro. O poder lexislativo reside no Országgyulés (Asemblea Nacional) unicameral, formada por 386 membros elixidos por sufraxio universal para un período de catro anos, que á súa vez elixe ao primeiro ministro, para un período de cinco anos. O poder xudicial, presidido pola Corte Suprema, está integrado polos tribunais de apelación, os tribunais metropolitanos e os dos distritos. A administración de xustiza é responsabilidade da Országos Igazságszolgáltatási Tanács (Consello Xudicial Nacional) e o seu ordenamento xudicial baséase no sistema continental europeo. Non está en vigor a pena de morte. As principais formacións políticas son: Szabad Demokraták Szövetsége (Alianza dos Demócratas Libres, SzDSz) centristas; Magyar Demokrata Fórum (Foro Democrático Húngaro, MDF) centro-dereita; Fiatal Demokraták Szövetsége (Alianza dos Mozos Demócratas, FiDeSz) centro-dereita e Magyar Szocialista Párt (Partido Socialista Húngaro MSzP) socialistas. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: CEFTA, Consello de Europa, Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento (BERD), OTAN, OCDE, ONU, OSCE e, desde xaneiro de 2004, da UE.
Historia
As primeiras poboacións
No I milenio a C o territorio da actual Hungría estaba poboado polos escitas e cara ao s III a C estendéronse novas tribos indoeuropeas. O Imperio Romano iniciou a expansión sobre esta rexión desde comezos do s I e a súa presenza na Dacia prolongouse ata o 270. No s V sufriron as invasións sucesivas dos lombardos, vándalos, ostrogodos, eslavos, hunos e xépidos. A finais do s VI os ávaros constituíron un estado na conca dos Cárpatos que unificou a rexión, pero foi destruído a comezos do s VIII polos ataques conxuntos de Carlomagno e os búlgaros do Danubio.
A chegada do pobo húngaro e a formación do Estado
Os húngaros, un pobo de orixe finoúgria dividido en sete tribos, apareceron na rexión a finais do s IX liderados por Árpád. Durante o s X consolidaron o seu dominio e no reinado de Estevo I (997-1038) substituíron a organización tribal polo modelo franco, ao tempo que se estendeu o cristianismo. Trala incorporación de Croacia e Dalmacia establecéronse as bases para a conversión de Hungría nunha gran potencia. Despois dun longo período de tensións e loitas, en que se sucederon os conflitos dinásticos estimulados por Bizancio e a invasión mongola (1241-1242), no s XIV o monarca Luís I de Hungría (1342-1382) dominaba un extenso territorio que incluía Hungría, Bosnia, Istria, Valaquia e Polonia. Trala caída de Constantinopla (1453) e fronte á ameaza turca, os nobres elixiron como gobernador a János Hunyadi que derrotou os turcos en Belgrado (1456). O seu fillo Matías I de Hungría (1458-1490) dominou os nobres descontentos, conquistou parte de Bohemia e tomou Viena (1485). A súa política autoritaria orixinou que os nobres elixiran como sucesor a Ladislau VII (1490-1516), rei de Bohemia. A revolta campesiña de 1516, deixou o país nas mans dos turcos, que na Batalla de Mohács (1526) venceron o seu fillo Luís II de Hungría (1516-1526).
O dominio austríaco
Despois desta derrota e das loitas entre Fernando I de Austria e János Zápolyav, Hungría desapareceu como estado independente: o N e o O foron incorporados ás posesións dos Habsburgo, a chaira central permaneceu sometida aos turcos e Transilvania converteuse nun principado semiindependente. O emperador de Austria Leopoldo I conquistou Buda (1686) e expulsou os turcos da chaira húngara (1699). Despois de derrotar o príncipe de Transilvania, incorporou este territorio (1711) e o banato de Tamesvár (1718). A partir da Dieta de Pozsony (1687), Hungría quedou subordinada aos intereses de Austria, que adoptou unha política antimaxiar e xermanizadora, ao tempo que limitou o poder da aristocracia latifundista. Na primeira metade do s XIX xurdiu unha conciencia nacional apoiada por numerosos intelectuais. Cando se produciron as revoltas de Viena (1848) a Dieta húngara aboliu os privilexios fiscais e esixiu do goberno austríaco un novo estatuto. Polas leis de abril de 1848, Hungría converteuse nun reino unitario e trala chegada ao trono de Francisco Xosé I de Austria (1848-1916) desencadeouse unha guerra de independencia contra os austríacos que pretendían restablecer a antiga orde. Inicialmente as tropas húngaras derrotaron o exército autríaco e desde abril de 1849 a Dieta húngara proclamou a independencia e elixiu a Lajos Kossuth gobernador presidente. Despois de sucesivas derrotas os húngaros capitularon en agosto de 1849 e desde outubro dese ano aboliuse a independencia constitucional e impúxose o sistema legal austríaco. Forzado pola derrota de Sadova (1866), Francisco Xosé I tivo que facer concesións e ao ano seguinte Hungría fusionouse con Austria na monarquía austro-húngara. Iniciouse un período de desenvolvemento económico, mentres que se incrementaban as tensións políticas e sociais.
O Estado independente
Despois da derrota austro-húngara na Primeira Guerra Mundial, caeu a monarquía e os Aliados separaron Austria e Hungría. A nova Hungría perdeu ao redor do 70% do territorio coa separación de Iugoslavia e Checoslovaquia, e a anexión de Transilvania por Romanía. En outubro de 1918 produciuse unha revolución en Budapest, e proclamouse a República húngara, liderada por Mihály Károlyi, pero a descomposición da economía e o descontento das masas levouno a entregarlle o poder á República Comunista dos Consellos de Hungría en marzo de 1919. A caída deste réxime fronte aos ataques checos e romaneses facilitou a chegada ao poder do ministro de defensa, o almirante M. Horthy (1920), que instaurou un réxime ditatorial. O novo goberno aceptou a fragmentación territorial de Hungría polo Tratado de Trianon que asinaron en xuño de 1920. A pesar dos créditos da Sociedade de Nacións e dos investimentos privados, a depresión mundial afectou á feble economía húngara durante a década de 1930. Miklós Horthy formou un goberno de ultradereita que se volcou cara a Alemaña e Italia a cambio da recuperación dos distritos meridionais de Eslovaquia e a Rutenia subcarpática (1938), o N de Transilvania (1940) e os territorios entre o Tisza e o Danubio (1941). Os intentos de negociación cos Aliados a partir da derrota de Stalingrado (1943) levaron á ocupación alemá (1944). Despois da Segunda Guerra Mundial volveu ás fronteiras previas a 1937 cun goberno democrático. En 1946 instaurouse a República Popular de Hungría e en 1949 promulgouse a constitución.
O réxime comunista
En 1948 implantouse un goberno comunista que emprendeu a colectivización forzada da agricultura e apoiou o desenvolvemento da industria pesada. En 1953 chegou ao goberno o comunista moderado Imre Nagy, que prometeu cambios políticos e creou expectativas entre a poboación. O enfrontamento á crecente influencia de URSS levou á insurrección popular de 1956 que foi sufocada polo exército soviético. Tralo nomeamento de János Kádár como xefe de Estado, este consolidou a súa posición mediante unha amnistía e emprendeu unha serie de reformas que permitiron certa liberalización ao tempo que se reduciu a dependencia de URSS. A paulatina industrialización centrouse na produción de artigos de consumo e a partir de 1968 introducíronse novas reformas que incentivaron as actividades das empresas privadas. As reformas favoreceron o desenvolvemento de Hungría que a mediados da década de 1970 destacaba entre as nacións do seu contorno. Dende comezos da década de 1980 o incremento do desemprego e da inflación provocaron unha degradación na situación social que levou á destitución de Kádár en 1988. As reformas emprendidas por M. Gorbačov permitiron o acceso pacífico a un novo sistema político despois das negociacións entre os dirixentes do estado-partido e das organizacións de masas en marzo de 1989.
A República de Hungría
Trala proclamación da República de Hungría o 23 de outubro de 1989 e despois de revisar a constitución, producíronse as primeiras eleccións libres en 1990 en que venceu a coalición liberal do MDF, dirixida por J. Antall e P. Boross. Comezou a retirada das tropas soviéticas do territorio e a Asemblea Nacional, que xurdiu destas eleccións, estableceu un sistema institucional democrático. O modelo de transición económica húngaro centrouse na apertura aos capitais estranxeiros, xunto á privatización das empresas e á liberalización do mercado. Pero, na primeira metade da década de 1990 o goberno tivo que enfrontarse a unha elevada débeda pública e a un déficit crónico da balanza de pagamentos. O fracaso das medidas económicas levou á vitoria do MSzP, conducido por G. Horn, nas eleccións de 1994 co apoio da SzDSz. En 1995 o goberno emprendeu un programa de estabilización macroeconómica que tivo como consecuencias unha recesión na economía duramente os anos seguintes. Nas eleccións lexislativas de maio de 1998 produciuse un novo cambio e accedeu ao goberno unha coalición de centro-dereita integrada polos partidos FiDeSz-MPP liderada polo primeiro ministro Victor Orban e o MDF. Desde 1998 iniciáronse as negociacións para a súa adhesión á Unión Europea e en 1999 incorporouse á OTAN. A chegada de capitais estranxeiros permitiu unha rápida reestruturación da industria nacional cun incremento na produtividade. As eleccións de 2000, levaron á presidencia a Ferenc Mádl e, dous anos despois, Peter Medgyessy acadou o posto de primeiro ministro.