Iemen

Iemen
Nome científico: [nome oficial: República de Iemen; ár: Al-Jumhūrīya al-Yamanīya]

Estado do SO de Arabia. Limita ao N con Arabia Saudí, ao O co Mar Vermello, ao S co golfo de Adén e ao L con Omán (527.968 km2; 18.710.000 h [estim 2001]). A capital é San’ā.
Xeografía

Xeografía física<BR > O núcleo do territorio constitúeno os afloramentos do zócolo cristalino arábigo que acadan en Iemen a súa máxima altitude ( Ḥ a ḋ ur Šu’ayb, 3.760 m). O altiplano, situado baixo a influencia dos ventos monzóns, rexistra abundantes chuvias e destaca pola prosperidade das poboacións agrícolas. Cara ao O e o S as montañas caen bruscamente sobre o Mar Vermello e deixan só unha estreita banda costeira, areosa, de entre 40 e 70 km de largo. Esta chaira litoral é unha rexión árida e nalgún treito incluso desértica, con invernos caracterizados por temperaturas suaves e veráns moi húmidos. No sector oriental os altiplanos, que acadan altitudes máximas de 2.000 m, descenden progresivamente cara ao deserto de Rab’ al Ḥ ālī’, que se estende polo N do país.
Xeografía económica
O sector agropecuario dá emprego a case a metade dos traballadores iemenís (49%) pero só achega o 18% da produción nacional. A agricultura está bastante diversificada, malia que só ocupa unha parte mínima do territorio (2,9%). Os principais cultivos son o sorgo, os tomates, as patacas, as laranxas, o trigo e a vide, e en toda a área costeira, cálida e húmida, cultívase arroz, cana de azucre, café, algodón e bananas. A gandería ten unha gran relevancia, especialmente a ovina e caprina. O sector secundario, que acolle o 15% do emprego e proporciona o 41% da renda, baséase na extracción de petróleo. O país conta, ademais, con xacementos de gas natural, sal e canteiras de mármore como recursos mineiros máis destacados, así como pequenas reservas de cobre, chumbo, cinc, molibdeno, ouro e xeso. A industria téxtil, agroalimentaria e as refinerías de petróleo constitúen o tecido industrial. Os servicios achegan outro 41% do PNB e son o segundo sector en importancia polo volume de emprego que xeran (36%). Polo que respecta ao comercio exterior, a balanza comercial é deficitaria. Os principais socios comerciais son EE UU, Arabia Saudí, Xapón, China, Emiratos Árabes Unidos, Reino Unido e Francia. Adén é, ademais do seu maior porto (un dos máis destacados de Arabia), o motor económico do país. O seu desenvolvemento viuse moi favorecido a partir da apertura do canal de Suez polo feito de ser unha escala de paso obrigada para o comercio británico que procedía de India. Non obstante , o peche do canal entre 1967 e 1975 desviou cara a Cidade do Cabo as grandes rutas, feito que lle provocou unha fonda recesión. A unidade monetaria é o rial iemení.
Xeografía humana
O crecemento demográfico de Iemen é moi elevado, e tanto o crecemento real como o vexetativo indican a mesma taxa: 3,3% no período 1995-2000 o primeiro, e 33,3‰ en 1999 o segundo. Este elevado crecemento vexetativo é consecuencia dunha natalidade moi alta (43,5‰ en 1999) e unha baixa mortalidade (10,2‰ en 1999), consecuencia da xuventude da poboación (case a metade é menor de 15 anos e os maiores de 60 non representan nin o 5%). A esperanza de vida ao nacer é de 57 anos para os homes e 61 para as mulleres. A poboación concéntrase en núcleos rurais do altiplano, e tan só o 24,7% reside en centros urbanos. A maior cidade do país é a capital, San’ā (1.284.000 h [1998]) e séguenlle na xerarquía urbana Adén (398.399 h [1995]), Ta’izz (317.753 h [1993]) e Al- Ḥ udaydah (298.452 h [1993]).<BR> Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Os iemenís constitúen o 95% da poboación. A principal minoría constitúena os paquistanís, que, asentados fundamentalmente en Adén e vinculados ás actividades comerciais, forman o 3% dos habitantes. Tamén ten certa importancia a colonia somalí (1%). O Islam é a relixión do 99,9% da poboación e o árabe a lingua oficial e de uso.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano situaba a Iemen entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 133° posto cun índice do 0,468). Este indicador desagredado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 57 anos para os homes e de 61 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 46,3% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 51%; e o PNB por habitante (PPA) é de 360 $ EE UU.
Goberno e política
A República do Iemen xurdiu o 22 de maio de 1990 trala fusión de Iemen do N e Iemen do S. Segundo a Constitución de 1991, emendada en 1994, o presidente, que ocupa a xefatura do estado, é elixido por sufraxio universal directo por un período de sete anos. O poder lexislativo reside nun sistema bicameral formado polo Consello de Representantes (301 membros) e o Consello Consultivo (111 membros) elixidos por un período de cinco anos. O sistema xudicial é independente e a súa lexislación baséase na lei islámica (sharia) e no dereito consuetudinario, ás que se engadiron elementos da tradición lexislativa turca e da commom law inglesa. Non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza. Os principais partidos políticos son: al-Mu’tamar al-Sha’bi al-’Amm (Congreso Xeral Popular); al-Tayammu’ al-Yamani li-l-Islah (Islah, Agrupación Yemení Reformista) liderado por Shaykh Abdallah bin Husayn al-Ahmar; e al-Hizb al-Ishtiraki al-Yamani (Partido Socialista Yemení) encabezado por Ali Salih Ubayd. Forma parte da Liga Árabe, a OCI e a ONU. A lingua oficial é o árabe.
Historia

As orixes
Na Antigüidade o Iemen dividíase en catro reinos: Saba no centro, Ma’in no N, Qataban no SO e Hadramaut no S. A partir do s I os sabeos absorberon os outros reinos e posteriormente foi sometido pola nova dinastía himiarita. Ocupado polo reino cristián axumita de Abisinia (521-575) e despois polos persas sasánidas, converteuse en 628 nunha provincia do novo estado musulmán.
A integración no Islam e o Imperio Otomano
A progresiva decadencia da dinastía abbásida a partir do s IX, permitiu a aparición no S de Arabia de pequenos estados independentes: na zona costeira do N de Iemen estableceuse a dinastía zaidita (819), mentres que na rexión montañosa se formou un pequeno reino con capital en San’ā’ (861). Trala creación dun novo estado ao redor de Adén (1083), o territorio quedou dividido en varias zonas relativamente estables, ata que os exércitos enviados por Salāh al-Dīn ibn Ayyūb os conquistaron e unificaron (1173). Permaneceu sometido aos aiúbidas exipcios ata mediados do s XIII, cando apareceu unha nova dinastía local, os rasulitas, que se fixo co poder e gobernou ata 1442, cando os sucederon os tahiritas (1442-1516). A expansión comercial dos portugueses para controlar a ruta das especias levounos a conquistar Adén (1516-1538), pero foron expulsados polo sultán turco Solimán I e formou parte do Imperio Otomano, ata que cara a 1635 foron derrotados e se restableceron as dinastías locais. Malia que os turcos, dirixidos por Mu ḥ ammad ‘Alī, recuperaron o dominio territorial desde 1814, os británicos impuxeron o seu control sobre a cidade de Adén (1839) e estendéronse sobre o S de Iemen. Trala apertura do canal de Suez (1869), a ruta marítima do Mar Vermello revalorizouse e os exipcios ocuparon Iemen (1872-1875).
A loita pola independencia e os enfrontamentos con Arabia Saudí
En 1892 iniciouse unha insurrección no S, que levou á reinstauración da monarquía local na figura do imán Ya ḥ yā (1904). Mentres, a rexión N, dominada por tribos que se liberaron do dominio turco trala Primeira Guerra Mundial (1918), tentaron acadar un goberno independente e aliáronse con Arabia Saudí, que conquistou a rexión iemení de ‘Asīr , sendo definitivamente integrada en Arabia Saudí polo Tratado de Al- Ṭ ā’if (1934). Na década de 1950 Iemen mantivo diversos conflitos fronteirizos co protectorado británico de Adén, polo que solicitou axuda a Exipto e, posteriormente, integrouse con este e Siria na República Árabe Unida (RAU). Trala morte do imán (1962), un grupo de oficiais deu un golpe de estado e instaurou a República Árabe de Iemen. Posteriormente estoupou a guerra civil entre os republicanos, apoiados por Exipto e a URSS, e os partidarios do imán, co respaldo de Arabia Saudí e o Reino Unido.
Os dous estados
En 1967 os exipcios abandonaron o territorio, pero os monárquicos foron incapaces de derrotar os republicanos e, despois do abandono de Adén polos británicos, chegaron a un acordo e proclamáronse dous estados, no N a República Árabe de Iemen, con capital en San’ā’, e no S a República Popular de Iemen, con capital en Adén. O goberno do S buscou o apoio dos países comunistas, nacionalizou gran parte da economía e declarouse marxista, mentres que no N o tenente coronel ‘Alī Abdallā al- Ṣ ali ḥ se converteu en presidente (1978) e proporcionoulle certa estabilidade ao goberno na década de 1980. Os enfrontamentos fronteirizos entre ambos os dous prolongáronse na década de 1970 e a situación en Iemen do S empeorou ata desembocar nunha guerra civil en 1986.
A unificación
En 1990 ambas as dúas repúblicas optaron pola unificación e constituíuse a República de Iemen. Un acordo entre as partes garantiu a distribución ao 50 % dos postos da administración entre as estruturas políticas do N e do S. A nova constitución aprobouse por referendo en maio de 1991 e despois das eleccións democráticas de 1993 o presidente ‘Alī Abdallā al- Ṣ ali ḥ viuse confirmado no seu posto e o seu partido, al-Mu’tamar al-Sha’bi al-’Amm, acadou 121 escanos do Parlamento. A unificación non resolveu os conflitos e un intento de secesión do territorio do S en maio de 1994 levou a unha cruenta guerra civil na que se impuxeron as forzas do N. Despois do conflito, o goberno adoptou unha política de privatizacions, ao tempo que aboliu os aranceis para os produtos estranxeiros, seguindo as directrices do FMI e do Banco Mundial. A mellora dos índices macroeconómicos veu acompañada dun empobrecemento progresivo da maior parte da sociedade e agraváronse as diferencias sociais, ao tempo que xurdiu unha próspera elite económica e política vinculada ao poder. As tensións con Arabia Saudí, motivadas pola democracia en Iemen e os límites entre ambos os dous estados, iniciaron a distensión tralo acordo asinado en xuño de 2000 no que establecían o trazado das fronteiras e tentaban rematar co contrabando entre os dous países. Os enfrontamentos e as rivalidades entre as confederacións tribais e o ascenso das correntes islamistas, moderadas e radicais, evidenciaron a incapacidade do goberno central para impoñer a súa autoridade. Nas eleccións do 20 de febreiro de 2001 o al-Mu’tamar al-Sha’bi al-’Amm conseguiu a maioría dos escanos nas asembleas rexionais e provinciais, seguido da Islah e do al-Hizb al-Ishtiraki al-Yamani, e Abdul Qader Begammal foi elixido primeiro ministro.