Iglesias
-
[ONOM]
Forma castelá correspondente ao apelido galego Igrexa e ás súas variantes, como Da Eirexa, Da Airexa ou Da Irexa, que se empregaron como apelidos toponímicos ata o s XVII. A súa orixe está nos abondosos topónimos espallados polo territorio galego. Esta forma castelanizada en plural atéstase por primeira vez no s XIX, usada como apelido administrativo. Actualmente é un dos apelidos máis frecuentes en Galicia.
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe que trae, en campo de azul, unha igrexa acaroada a unha torre, todo de prata, acompañada no cantón destro do xefe dunha cuncha de vieira de ouro, resaltada a porta dun guerreiro armado e cunha alabarda na man destra, todo de prata. Outra variante leva, en campo de goles, unha igrexa de prata, resaltada a porta dun guerreiro armado, levando na súa man dereita unha alabarda coa pica de prata e a vara de azul e bordo de azul co lema de ouro: “A pesar de todo venceremos a los moros”.