iguana

iguana

(

s f [ANIMAL]

Nome que se dá a diversos saurios da familia dos iguánidos especialmente os do xénero Iguana. De tamaño considerable, teñen un aspecto semellante ao dos dragóns, dos que se diferencian pola lingua, grosa e inmóbil, e polo feito de presentar os dedos aguzados, as pálpebras móbiles, os dentes inseridos na cara interna das enxivas e a cola longa e resistente. Posúen tamén espiñas correosas que van desde o pescozo á cola, gorxa con saco dilatable e cinco dedos en cada pata que rematan en garras. Viven nas árbores e a alimentación é variada: brotes, follas, froitos, insectos ou ovos de aves. Habitan en toda América, sobre todo nas rexións tépedas e cálidas. As máis importantes son a iguana vulgar (Iguana iguana), que habita nas selvas do centro e S de América, a iguana cornuda (Cyclura cornuta), que habita nas zonas rochosas e áridas das Antillas, a iguana xigante das Galápagos (Conolophus subcristatus), a iguana mariña (Amblyrhyncus cristatus), que habitan nas illas Galápagos, e a iguana negra (Ctenosaura hemilopha), no S de EE UU e no N de México.