imprenta
(< lat imprimĕre ‘facerpresión, marcar unha pegada’)
-
s
f
[GRÁF]
Arte de reproducir sobre papel ou calquera outra superficie a marca en tinta dun escrito ou dun debuxo gravado sobre unha prancha metálica ou composto xuntando pezas de metal ou madeira, sobre as que se gravou unha letra ou unha figura. Os testemuños máis antigos de reproducións de escritura constitúeno uns ladrillos de arxila cocida localizados nunhas escavacións preto de Nínive (s VIII). En China, a xilografía xa se coñecía moitos anos antes de Xesús Cristo, e no s XI comezaron a substituírse as pranchas gravadas por caracteres independentes. O sistema xilográfico foi empregado en Europa no s XIV por fabricantes de cartas de xogo e, seguidamente, adoptado para a realización de estampas relixiosas e de libros. Atribúeselle ao neerlandés Laurens Coster a invención dos caracteres móbiles ou tipos; cara a 1440 el mesmo imprimiu así o Horarium. Gutenberg introduciu o tipo metálico (1450) e realizou un conxunto de procedementos de impresión tipográfica (confección de matrices, fundición dos caracteres, composición de textos e impresión en prensa). O invento estendeuse rapidamente por toda Europa, e en 1639 estableceuse en Cambridge (Massachusetts) a primeira imprenta en América do Norte. Cara á segunda metade do s XIX apareceron as primeiras máquinas de fundición mecánica, as primeiras prensas completamente metálicas, as prensas con cilindro de presión e, inmediatamente, con rolete de incrustación. As técnicas de impresión evolucionaron con rapidez: a augaforte, a litografía, o fotogravado, o offset e o rotogravado. As máquinas de imprimir efectúan principalmente catro operacións: o tintado da matriz (forma) en cada impresión, a compresión da folla contra a matriz tintada, a alimentación de papel e a recolla das follas impresas. Modernamente, o sistema de offset imprime sen necesidade de establecer contacto entre a matriz e o papel. A chegada da imprenta a Galicia tivo lugar en 1490, case que vinte anos despois de que fixera a súa aparición na Península Ibérica. Os primeiros obradoiros instaláronse en Monterrei e Ourense, dirixidos por Gonzalo Rodríguez de la Pasera e Rodrigo de Lavandeira, respectivamente. A primeira obra realizada integramente en Galicia corresponde ao Breviario Auriense, que se pode datar ao redor de 1490.
-
s
f
[GRÁF]
Obradoiro onde se realizan traballos de impresión.