impresionismo
(< fr impressionisme)
Corrente estética iniciada e desenvolvida, sobre todo, en Francia no derradeiro cuarto do s XIX. Os impresionistas agudizaron a busca da realidade e pintaron os mesmos temas cotiás do realismo, pero in situ, e moi a miúdo nunha soa e rápida sesión. Ademais, non buscaban, como os realistas, a mellora social nin mostrar a fealdade e a vulgaridade. Interesados en captar a impresión visual inmediata, conseguiron visións fugaces, desfacendo a diferenciación convencional entre o esbozo e a obra definitiva, revolucionaron os encadres e romperon a simetría tradicional. Inspirados nas teorías científicas de Chevreul, intentaban representar a luz actuando sobre as cores, con pinceladas breves de cores puras que se mesturaban no ollo do espectador. O inicio oficial do impresionismo tivo lugar o 15 de abril de 1874 coa inauguración da primeira exposición da Société Anonyme Coopérative des Artistes Peintres, Sculpteurs, Graveurs, da que formaban parte E. Degas, J. B. A. Guillaumin, C. Monet, B. Morisot, P. A. Renoir, C. Pissarro, A. Sisley e outros, realizada no estudo do fotógrafo Nadar; non formaba parte neste momento o considerado o seu abandeirado, E. Manet, que preferiu non se poñer a mal co Salon oficial e non participou en ningunha das mostras posteriores. A exposición foi un fracaso de público e crítica, o xornalista de Charivari, Louis Leroy, chamoulles aos participantes impresionistas, tomando o nome da tea de Monet Impression, soleil levant. Houbo outras exposicións (1876, 1877, 1879, 1880, 1886 e 1886) das que só tiveron éxito as dúas últimas; na de 1883 participaron tamén os neoimpresionistas, como G. Seurat e P. Signac, e os simbolistas, como P. Gauguin e O. Redon. O único que participou en todas as mostras foi Camille Pissarro. O termo impresionismo aplicouse máis tarde, por extensión, á escultura, na que Rodin conseguiu formas dinámicas; a certas composicións musicais do período 1880?-1920? de autores como Debussy, Ravel e, ata un certo punto, Pucini, Falla e F. Schmitt, que se caracterizaron por unha liberdade formal, pola importancia dada ás sensacións e ao timbre dos instrumentos, polo uso de escalas modais e pola xustaposición de acordes sen encadear; e a unha determinada escola de cine francés que, aglutinada por Louis Delluc, agrupaba a A. Gance, Germaine Dulac e Marcel L’Herbier. A adaptación do impresionismo pictórico na literatura deu lugar ao sistema que describe sensacións producidas polas cousas máis que polas cousas nelas mesmas, a base de frases curtas, xeralmente substantivas. Estudiado por Bally, foi cultivado por Azorín ou Verlaine. A partir do impresionismo desenvolvéronse, na pintura, o neoimpresionismo e o postimpresionismo.