Indiana
Estado de EE UU, situado entre o lago Michigan ao N e o río Ohio ao S (93.719 km2; 6.080.485 h [2000]). A súa capital é Indianapolis. Situado nunha área chaira, o seu relevo tan só se ve perturbado por acumulacións de depósitos glaciarios. Os seus principais ríos son o Wabash e o White. O clima é continental húmido e a vexetación predominante é a pradería e o bosque caducifolio no N. A poboación é maioritariamente urbana (83%) e o seu crecemento viuse favorecido polo seu propio desenvolvemento endóxeno (baseado na explotación dos recursos minerais, fundamentalmente carbón, gas natural e petróleo, que permitiu a instalación de industria siderúrxica), así como pola proximidade dos núcleos urbanos da beira dos Grandes Lagos, que expandiron a súa influencia cara á zona setentrional do estado. O francés Robert Cavallier de la Salle explorou o territorio entre 1679 e 1680, e polo Tratado de París (1763) pasou ao poder do Reino Unido, que o cedeu a EE UU (1783). Estado federal desde 1816, durante a Guerra de Secesión formou parte da Unión.