Indonesia

Indonesia
Nome científico: [nome oficial: República Indonesia; Bahasa Indonesia: Republik Indonesia]

Estado de Asia sudoriental, situado entre o Océano Índico, o Océano Pacífico e o mar da China Meridional, formado polas Grandes Illas da Sonda (Sumatra, Xava, Célebes e a zona meridional de Borneo), as Pequenas Illas da Sonda (Bali, Lombok, Sumbawa, Sumba, Flores e o sector occidental de Timor), a metade occidental de Nova Guinea, As Molucas e un gran número de illas menores (1.904.443 km2; 209.565.000 h [estim 2001]). A súa capital é Xacarta.
Xeografía física
Indonesia é unha prolongación do continente asiático, ao que o une a plataforma da Sonda, que chega ata Sumatra, Xava e Borneo e que se prolonga ao S en moitas outras illas de orixe volcánica, no que constitúe a unión do sistema alpino e o xeosinclinal circumpacífico. Está rodeada por fondas fosas mariñas: o mar de Célebes (8.547 m) ao N, o mar de Banda (7.360 m) ao L, e a fosa de Xava (7.450 m) ao S. O clima é ecuatorial, cálido e húmido. O factor climático máis importante que inflúe sobre o territorio indonesio son os ventos alisios do Pacífico, predominantes de xuño a setembro, e o monzón do Índico, de novembro a maio. As precipitacións son moi abundantes, cunha media anual que oscila entre 2.000 mm e 6.000 mm anuais en función fundamentalmente da altitude. Debido á reducida superficie e configuración das illas, a rede fluvial articúlase en cursos curtos e caudalosos. A selva tropical cobre toda a superficie non cultivada. No litoral presenta mangleirais.
Xeografía económica
As actividades agropecuarias ocupan o 12% da superficie do país e ao 43% da poboación activa. O principal cultivo é o arroz, do que é o terceiro produtor mundial, fundamental na dieta alimenticia, xunto co millo, a mandioca, a pataca doce, a soia, os cacahuetes, os legumes, as patacas, as froitas e as hortalizas. Pero á parte dos cultivos alimentarios existe outra agricultura con vocación comercial, practicada tanto en grandes explotacións estatais como en pequenas explotacións campesiñas. Nestas explotacións cultívase cana de azucre, té (especialmente en Xava), café (cuarto produtor mundial), tabaco (en Xava e Sumatra), algodón, especias, cacao e cocoteiros. Tamén nestas plantacións hai cultivos forestais, como o das heveas, que proporcionan caucho. O bosque tamén constitúe un importantísimo recurso, pois proporciona madeiras preciosas como a teca ou o sándalo, ademais de resinas e bambú. Indonesia é o sétimo produtor mundial de madeira e o primeiro exportador de contrachapados, do que abastece os dous tercios do comercio internacional. A gandería ten unha escasa importancia e só destacan os armentíos bovino e dos búfalos. A carne proporciónana as aves de curral e o bovino, mentres que os búfalos serven de forza de tiro. A pesca é moi importante para a alimentación. Tense desenvolvido a acuicultura da carpa, en estanques e nos arrozais. A pesca de auga doce representa case un cuarto da total e a do Océano Pacífico máis dos dous tercios. O subsolo proporciona abundantes recursos minerais: estaño (segundo produtor mundial), petróleo en Xava, Sumatra e Borneo, gas natural (sexto produtor mundial), bauxita, carbón, cobre, ferro, manganeso, níquel, fosfatos, sal, diamantes, ouro e prata. A minería achega o 14% do PNB. A industria, pouco desenvolvida, é principalmente petroquímica, metalúrxica, de transformación de produtos agrícolas (fariña de millo, azucre, cervexa, aceite de palma, cigarros) e téxtil (algodón). Neste sector foi decisiva a intervención de capital e técnicos surcoreanos. As comunicacións son un dos problemas máis graves de Indonesia, debido á súa fragmentación insular en máis de 13.000 illas, nunha gran parte poboadas. Fixéronse fortes investimentos para mellorar o sistema de transporte marítimo e aéreo. O ferrocarril tan só se emprega nas illas de Xava, Madura e Sumatra. Polo que respecta ao comercio exterior, ten un balance moi favorable (as exportacións duplican o valor das importacións) grazas ás vendas de maquinaria e vehículos, petróleo e gas natural. O turismo diríxese principalmente ás illas de Xava e Bali.
Xeografía humana

Demografía e poboamento
A poboación indonesia experimentou no s XX un gran crecemeno demográfico, grazas a que mantivo constante unha elevada taxa de natalidade ata 1970, cando o goberno principiou campañas de planificación familiar que favoreceron unha sensible redución da natalidade e, xa que logo, do crecemento. Aínda así, a taxa de natalidade continúa a ser elevada (21,9‰ en 1999). O crecemento natural (14,5‰ en 1999) mantén un elevado crecemento real da poboación (1,6% entre 1995 e 2000). Os homes teñen unha esperanza de vida de 64 anos e as mulleres de 68. O 40,9% da poboación vive en núcleos urbanos. A distribución da poboación é moi irregular, e as grandes áreas urbanas concéntranse na illa de Xava (Xacarta, Surabaya, Semaran e Bandung superan o millón de habitantes).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Etnicamente a poboación é moi heteroxénea. Os xavaneses constitúen a primeira minoría, co 39% da poboación, os sudaneses son o 16%, os maleses o 12%, os madureses o 4% e outras etnias suman o 29% da poboación. O 87,2% da poboación é musulmana, o 6,1% protestante, o 3,6% católica, o 1,8% hindús e o 1% budistas. O 0,3% constitúeno o resto de filiacións relixiosas. A lingua oficial é o bahasa indonesia, pero tamén se falan unhas 25 linguas locais (principalmente o xavanés) e máis de 250 dialectos. O índice de alfabetización de adultos en 2000 era do 86,9% e o índice bruto de escolaridade, do 65%. A educación é obrigatoria ata os sete anos.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano de Indonesia en 1996 era dun 0,677, que situaba o país nun posto 102º, encadrado nos países cun desenvolvemento humano medio. En 1999, a esperanza de vida ao nacer era de 64 anos para os homes e de 68 para as mulleres. O PNB por habitante nese mesmo ano era de 600 $ EE UU.
Goberno e política
Trala súa indepencia dos Países Baixos en 1945, Indonesia proclamouse República independente. Segundo a constitución dese mesmo ano, o presidente da república exerce o poder executivo, co auxilio do Consello de Ministros e da Majelis Permusyawaratan Rakyat (Asemblea Consultiva do Pobo), formada por 700 membros entre os integrantes da Dewan Perwakilan Rakyat, os delegados das rexións, os membros das organizacions políticas e das Forzas Armadas. O período de goberno do presidente da república esténdese durante cinco anos. O poder lexislativo reside na Dewan Perwakilan Rakyat (Cámara de Representantes), integrada por 500 membros, 462 elixidos por sufraxio popular e 38 designados como representantes do exército, por un período de 5 anos. O sistema legal baséase no dereito holandés, influído por conceptos legais indíxenas. Permanece en vigor a pena de morte. O sistema xudicial está presidido pola Mahkamah Agung (Corte Suprema). Os partidos políticos máis importantes son: Partai Demokrasi Indonesia Perjuangan (PDIP, Partido Democrático de Indonesia pola Loita) presidido por Megawati Sukarnoputri; Partai Golongan Karya (Golkar, Partido dos Grupos de Funcionarios), autoritario liderado por Akbar Tandjung; Partai Kebangkitan Bangsa (PKB, Partido do Espertar Nacional) presidido por Alwi Shihab e Partai Persatuan Pembangunan (PPP, Partido do Desenvolvemento Unido), islamista moderado presidido por Hamzah Haz. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Banco Mundial (BM), Organización Mundial do Comercio (OMC), FMI, Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN) e Conferencia de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC).
Historia

Desde as orixes do poboamento ao dominio colonial
Os primeiros testemuños de ocupación humana no territorio indonesio remóntanse aos restos descubertos de Homo erectus (Pithecanthropus erectus, Home de Xava). Cara ao ano 3000 a C os malaios do S de China e Indochina estendéronse polo arquipélago e posteriormente, nos primeiros séculos da era cristiá, chegaron as influencias culturais e políticas de India. Constituíronse dous grandes imperios indonesios: o budista Srīvijaya, con centro en Sumatra e que acadou o control do estreito de Malacca (s VIII-s XII); e o Majapahit, fundado a finais do s XIII e que dominou o arquipélago ata mediados do s XV. O seu momento de maior esplendor foi durante o reinado de Hajan Wuruk (1350-1389). A expansión do Islam polo arquipélago durante o s XIV, partindo dos reinos islámicos de Malacca, Atjeh e Demak, provocou o retroceso do Imperio de Majapahit durante o s XV.
A colonización europea: portugueses e holandeses
En 1511 Malacca caeu baixo o dominio dos portugueses, que tentaron facerse co control do comercio coas illas das especias e estableceron bases comerciais, aínda que se tiveron que enfrontar cos casteláns, holandeses e ingleses. En 1602 a Compañía Holandesa das Indias Orientais, organización comercial armada e dotada de dereito de soberanía, rematou por impoñerse sobre os seus competidores e desde mediados do s XVIII fixéronse co dominio de Xava. O goberno holandés apoderouse da Compañía (1798) e substituíuna por unha estrutura estatal. Ocupada polos ingleses durante a anexión de Holanda polos franceses, volveu ás mans neerdanlesas a partir de 1816, que someteron ao seu dominio todo o arquipélago entre 1870 e 1910. O novo conxunto territorial denominouse Indias Orientais Holandesas.
A aparición do nacionalismo indonesio
Nos primeiros decenios do s XX o movemento nacionalista fortaleceuse, ao tempo que os progresistas neerlandesas forzaron ao goberno a creación dun consello popular mixto neerlandés e indonesio, o Volksraad (1916). Esta medida non satisfixo os nacionalistas e en 1926 o partido comunista indonesio tentou dar un golpe de estado que foi reprimido con dureza. En 1939 constituíuse o Gabungan Politik Indonesia (GAPI), unha coalición de oito organizacións nacionalistas que reclamaba a democracia, a autonomía e a unidade nacional. A ocupación xaponesa durante a Segunda Guerra Mundial (1942-1945) provocou nos indonesios o choque psicolóxico da súbita desaparición do réxime colonial, ao tempo que liberaron os líderes nacionalistas presos como A. Sukarno e M. Hatta. Tralo colapso dos xaponeses, os indonesios proclamaron a independencia o 17 de agosto de 1945, e A. Sukarno e M. Hatta organizaron o goberno local. Os neerlandeses non a recoñeceron e tentaron apoiar a formación de diversos estados autónomos baixo o seu control. En 1949, ante a presión de EE UU e a imposibilidade de reconquistar o territorio,   recoñeceron a independencia do Estado Federal de Indonesia.
A independencia
A República Unida de Indonesia constituíuse en agosto de 1950 presidida por A. Sukarno, un dos líderes da independencia, e foi admitida na ONU. A federación cos Paises Baixos prolongouse ata 1954, mentres Indonesia sufriu diversos conflitos internos e o intento de secesión das Molucas. Fronte á negativa dos Paises Baixos de ceder ao novo goberno a Nova Guinea Occidental, as propiedades dos Paises Baixos pasaron ao dominio do goberno indonesio (1957). A presión internacional obrigou os neerlandeses a cederlle o control á ONU (1962) e integrouse en Indonesia en 1963 co nome de Irian Occidental. O presidente A. Sukarno, que disolvera o Parlamento en 1957, declarou a lei marcial (1959), iniciou un goberno autoritario e socializou a economía. Enfrontouse ás rebelións en Sumatra, nas Célebes e Malaisia, mentres que a inestabilidade interna se foi incrementando. Despois de anunciar a nacionalización do petróleo (1965) produciuse un intento de golpe de estado e o presidente A. Sukarno foi derrocado polo xeneral M. Suharto, coa axuda de EEUU (1966).
Os gobernos de Suharto
O réxime de Suharto, personalista, autoritario e centralista, apoiouse no exército e no desenvolvemento da economía, baseada nunha explotación incontrolada do medio natural. O exército, que se converteu no instrumento represor de Suharto, desempeñou tamén unha función social, participando no goberno nacional e local. En 1975 ordenou a invasión da parte oriental da illa de Timor, que se independizara de Portugal, e anexionouna en 1976 tralo asasinato dunhas 200.000 persoas. Malia a súa política internacional de non-aliñamento, o goberno de Suharto mantivo estreitas relacións cos países occidentais. En 1984 tentou impoñer a todas as organizacións políticas, sociais e relixiosas a Pancasalia, un conxunto de normas e filosofía oficial, que suscitou unha forte resistencia por parte dos musulmáns. A política de asimilación das poboacións autóctonas melanesias de Nova Guinea e Timor polo establecemento masivo de colonos indonesios estableceu as bases para posteriores conflitos étnicos. A finais da década de 1980 Suharto iniciou unha tímida liberalización económica e política, ao tempo que se produciron manifestacións de estudiantes que reclamaban a fin do réxime e a clarificación do sistema de sucesión do presidente. A comezos da década de 1990 empezou a actuar en Atjeh unha guerrilla separatista de inspiración musulmana, que sufriu unha durísima represión do exército. Nas eleccións de novembro de 1992 o partido gobernamental Golkar mantívose no poder, pero experimentou un descenso. En novembro de 1992 foi detido Xanana Gusmao, o comandante do independentista FRETILIN (Frente Revolucionária do Timor-Leste Independente) e condenárono a 20 anos de prisión. Confirmado como presidente en 1993, Suharto enfrontouse desde 1997 cun período marcado polo colapso económico que se estendeu por Asia.
A caída de Suharto e a transición política
A crise prolongouse no sétimo mandato de Suharto, que se iniciou en marzo de 1998, e a situación política, económica e social empeorou, polo que dimitiu en maio dese ano e foi substituído polo vicepresidente B. J. Habibie, que emprendeu reformas xurídicas, políticas e nas Forzas Armadas. En maio de 1999 Indonesia e Portugal asinaron un acordo para que Timor Oriental decidise o seu futuro nun referendo celebrado baixo a supervisión da ONU. En xuño de 1999, trala reforma da lei electoral e de partidos políticos, celebráronse novas eleccións, das que xurdiu a Majelis Permusyawaratan Rakyat, que designou como presidente a Abdurrahman Wahid en outubro de 1999. En setembro de 1999 produciuse un referendo en Timor Oriental en que a independencia acadou o 78,5% dos votos. Como resposta, as milicias proindonesias iniciaron unha revolta que provocou máis de 2.000 mortos. O novo goberno de A. Wahid, que incluíu como vicepresidente a Megawati Sukarnoputri, filla do ex-presidente A. Sukarno, recoñeceu a independencia de Timor Oriental. A crise financeira asiática afectou a Indonesia e provocou un incremento nos niveis de pobreza, mentres o número de desempregados chegaban aos 60 millóns. En xullo de 2001 a Majelis Permusyawaratan Rakyat votou de xeito unánime pola destitución do presidente A. Wahid, acusado de corrupción e nomeou para o seu cargo á vicepresidenta Megawati Sukarnoputri. O líder musulmán do Partai Persatuan Pembangunan (PPP), Hamzah Haz, foi elixido novo vicepresidente. A inestabilidade do país viuse incrementada tralo atentado terrorista provocado en Bali en outubro de 2002 en que morreron máis de 200 persoas e atribuído á organización Al-Qaeda.