industrialización

industrialización
s f

Acción e efecto de industrializar ou industrializarse. O proceso de desenvolvemento das actividades industriais comezou coa Revolución Neolítica, coa preparación de utensilios para a actividade agrícola. As grandes civilizacións da Antigüidade incorporaron elementos que favorecían a transformación da materia prima en produtos elaborados. Nesta primeira etapa as tarefas eran predominantemente manuais, as ferramentas e as maquinarias existentes precisaban a forza do home ou a tracción animal. Posteriormente empezáronse a aproveitar as forzas hidráulicas e eólicas como fontes de enerxía. A partir do s XVIII un forte investimento capitalista favoreceu que os avances técnicos fosen aproveitados para producir a grande escala. Este proceso inciouse en Reino Unido e baseouse no emprego do carbón mineral na máquina de vapor, que permitiu a progresiva substitución do traballo manual. A industria téxtil foi pioneira na introdución de maquinaria no seu proceso produtivo, aproveitando unha conxuntura de forte demanda dos seus produtos. Introducíronse máquinas de fiar e tecer movidas por enerxía hidráulica. Outro elemento fundamental desta primeira Revolución foi a implantación da fábrica como lugar onde se concentran os traballadores que participan na produción e que se somenten a unha división do traballo. Estes primeiros avances conseguiron un crecemento moi forte da produción, especialmente na industria téxtil e no sector siderúrxico, que acompañados do desenvolvemento do ferrocarril favoreceron o arranque da industria en Reino Unido. Posteriormente Francia, Alemaña, Bélxica e EE UU incorporáronse a este arranque fabril. A creación de imperios coloniais favoreceu o comercio internacional e a necesidade de máis produción. Para satisfacer estas necesidades os países centrais importaron os recursos naturais das colonias e exportaron a estas gran parte da produción industrial. A finais do s XIX, Reino Unido sufriu unha crise de superprodución industrial (1870-1879). En España, Catalunya comezou a industrializarse lixeiramente no s XVIII, grazas aos capitais obtidos da produción agrícola, aos avances do mercado e á súa tradición preindustrial. En Galicia houbo algunhas iniciativas, como a do marqués de Sargadelos, pero quedaron truncadas. Desde o último terzo do s XIX, principios do XX, produciuse na actividade industrial unha serie de transformacións organizativas e produtivas que provocaron a aparición dunha nova etapa, denominada Segunda Revolución Industrial, que se caracterizou por unha importante renovación tecnolóxica: o centro económico desprazouse cara á costa oriental de EE UU. Un dos principais elementos que contribuíron a esta revolución foi a incorporación aos procesos produtivos de novas fontes de enerxía máis abundantes e máis baratas (hidrocarburos e electricidade), que non só diversificaron as áreas de aprovisionamento, senón que permitiron suprimir moitas das restricións na localización industrial. Un avance técnico moi relevante desta etapa foi o motor de combustión, que aplicado ao automóbil, á navegación, ao ferrocarril ou á aviación, revolucionou o sistema de transporte, xunto coa utilización da enerxía eléctrica e do teléfono. Os cambios propiciados na localización tradicional da industria responderon á posibilidade de separación da situación das materias primas da dos centros de transformación. Isto reflectiuse, no ámbito mundial, nun modelo onde a distribución espacial xa non presentaba tanto unha concentración, senón que se apoiaba en países subindustrializados para a localización das fases de produción que precisaban máis man de obra. Os procesos máis modernizados e o seu control seguiron concentrados nas principais potencias mundiais (EE UU, Xapón e Europa Occidental), que reunían a maior parte do capital e de progresos tecnolóxicos. En España o proteccionismo que se implantou durante esta etapa favoreceu un crecemento industrial, sobre todo na década de 1960. Desde entón outros sectores, ademais dos tradicionais téxtil e siderúrxico, foron os motores da actividade industrial, como o químico ou o metalúrxico. Pero sobre todo foi a industria electrónica a que deu un novo pulo, coa introdución do control automático do proceso produtivo. Esta mecanización permitiulles ás empresas producir en serie e a grande escala, feito que provocou un crecemento exponencial da produción. Tamén se xeneralizou nesta etapa a aplicación dos principios tayloristas e fordistas (deseñados por Taylor e Ford) á industria, como formas de organizar a produción en serie de grandes volumes, unha progresiva mecanización, estandarización de tarefas, xeneralización do traballo en cadea e a separación do traballo manual e intelectual. A finais da década de 1960 comezou a manifestarse unha crise no sistema industrial, cunha forte diminución do seu ritmo de crecemento económico e unha espectacular perda de postos de traballo. Foi unha etapa onde o encarecemento de factores, a saturación da demanda xunto co aumento dos salarios orixinou un descenso na relación beneficios-capital. Esta crise supuxo unha ruptura no anterior modelo de industrialización, que levou á denominada Terceira Revolución Industrial, onde se pasou do capitalismo monopolista ao transnacional ou global, cun certo desprazamento do centro mundial cara ao Océano Pacífico (Costa occidental de EE UU e Xapón). A diferenza coas outras etapas é que non hai un centro claro, senón que podemos falar da multipolaridade. Foi unha etapa de masiva incorporación de innovacións que non só afectaron aos produtos senón tamén aos procesos produtivos e organizativos grazas á incorporación de novas tecnoloxías (revolución tecnolóxica). Os sectores motrices pasaron a ser a microelectrónica, a telemática, a biotecnoloxía e a aeronáutica. Reduciuse o número de postos de traballo e aumentou a cualificación dos mesmos. As novas tecnoloxías permitiron segmentar as fases no proceso de fabricación, que poden realizarse en establecementos distintos, feito que contribúe a flexibilizar a produción, polo que proliferaron as pequenas e medianas empresas (PEMES). Observouse, especialmente, unha desconcentración espacial, aínda que selectiva, que supón a difusión cara a espacios periféricos das actividades menos dinámicas (países ou rexións desindustrializados, cidades medias, áreas rurais ou periurbanas), fronte aos espacios centrais que seguen atopando os procesos máis anovadores e evolucionados. Durante todo o s XIX e as primeiras décadas do XX dominaron en Galicia as formas de produción de carácter preindustrial. Así, ata finais do s XVIII, a industria limitábase a sistemas de tipo doméstico na elaboración de panos de liño ou en actividades tradicionais como as ferrerías. Como avances no proceso industrializador destacan as experiencias do marqués de Sargadelos, que construíu o primeiro alto forno moderno de España nas proximidades de Ribadeo (1791) e posteriormente (1804) creou en Sargadelos unha fábrica de louza, aproveitando o caolín da bisbarra, que supuxo unha revolución no panorama industrial por introducir a decoración mecánica. Xunto con estas iniciativas cabe destacar as decisións rexias de instalar arsenais e estaleiros en Ferrol, ou a fábrica de tapices e posteriormente a de tabacos na Coruña. Outra iniciativa importante foi a dunha serie de familias catalanas que instalaron nas Rías Baixas empresas de salgadura de peixe, xermolo das primeiras conserveiras modernas xurdidas a mediados do s XIX e comezos do s XX. Durante todo o s XX este tipo de actividade favoreceu a expansión doutros sectores complementarios como os estaleiros, a metalurxia ou a química. Entre 1940 e 1965 fundáronse unha serie de empresas do sector agroalimentario, como COREN, FEIRACO, LARSA ou Calvo. Nesta etapa outras decisións importantes son as da multinacional do automóbil Citroën, que instalou en Vigo unha das súas plantas de montaxe de automóbiles a finais da década de 1950, ou a posta en marcha da refinería de petróleo da Coruña en 1960. A partir deste ano obsérvase en Galicia a consolidación dun tecido industrial, cunha concentración moi importante nuns poucos focos de crecemento. Esta polarización motivou un intenso desprazamento da poboación cara aos centros máis industrializados. Dos factores propiciatorios deste fenómeno destacan a política gobernamental de creación de polos de desenvolvemento, potenciación de grandes espacios industriais en municipios de tradición industrial anterior: Vigo-O Porriño e A Coruña-Arteixo. Deste xeito consolidouse un espazo industrial apoiado nas dúas grandes cidades de Galicia e con escasas iniciativas fóra destes espacios en pequenos núcleos urbanos como Carballo, Lalín ou Sarria, onde se desenvolveron sectores como as conservas, o téxtil ou a madeira, ou enclaves illados onde se localizan grandes empresas, como Alúmina-Aluminio en San Cibrao, a finais da década de 1970. Vigo e A Coruña, nós polarizadores da actividade industrial, concentran o 27% do emprego total en Galicia. Considerados os núcleos da súa periferia inmediata, nos que o crecemento está relacionado coa difusión da actividade industrial da cidade central, estas dúas aglomeracións acadan case o 50%; e o conxunto do Eixo Atlántico (desde a área de influencia de Ferrol cara á fronteira portuguesa) supera o 75% do emprego. Dentro deste espazo pódese apreciar a maior densidade industrial ao redor dás áreas estendidas entre A Coruña e Ferrol e entre Vilagarcía de Arousa e Vigo. Polo que respecta á dimensión das empresas galegas, existe un amplo tecido de establecementos de pequenas dimensións: o 98% dos establecementos xeradores do 62% do emprego teñen menos de 50 traballadores. As grandes empresas só supoñen un 2% do total de establecementos, aínda que no emprego supoñen máis do 38%. Polo que respecta á estrutura sectorial, Galicia destaca pola diversificación, xa que todos os sectores industriais están presentes no seu territorio, aínda que hai algúns sectores onde se constata unha forte concentración de empregos e establecementos, como no caso das ramas de fabricación de material de transporte (20% do emprego e 3% dos establecementos), alimentación (18% do emprego e 22,5% dos establecementos), téxtil e calzado (10% do emprego e 6% dos establecementos) ou de madeira e cortiza (8% do emprego e 22% dos establecementos). Entre estas cinco ramas xuntan o 68% dos empregos industriais e o 70% dos establecementos. As cifras anteriores tamén demostran as diferencias internas entre unhas ramas e outras. Así, mentres na de madeira e cortiza presenta unha media de 3 traballadores por empresa, no de material de transporte (automoción e naval) supérase a media de 57 traballadores por empresa, debido á presenza de establecementos de grandes dimensións como son os estaleiros e a fabricación de automóbiles. Tamén cabe sinalar a forza que ten adquirido a industria téxtil, apoiada nunha gran presenza de PEMES, e a rama agroalimentaria.