insecto -ta
(< lat insectu)
-
-
adx
Relativo ou pertencente aos insectos.
-
s
m
[ANIMAL/ENTOM]
Artrópodo da clase dos insectos.
-
s
m pl
[ANIMAL/ENTOM]
Clase de artrópodos que se caracterizan por ter o corpo segmentado dividido en tres rexións (cabeza, tórax e abdome), tres pares de patas, dous pares de ás e metamorfose durante o seu desenvolvemento. A cabeza está formada por seis segmentos soldados cubertos pola cápsula cefálica (constituída por escleritos, como o clípeo), un par de antenas e o aparato bucal (dúas mandíbulas, dous maxilares e un labio), variable segundo a alimentación; tamén posúen un par de ollos compostos (debaixo das antenas), e certas ordes poden ter ademais un par de ocelos. O tórax está dividido en tres segmentos (protórax, mesotórax e metatórax), e en cada un deles está inserido un par de patas (cada unha con coxa, trocánter, fémur, tibia e tarso); ademais, nos dous últimos segmentos insírense unha parella de ás nerviadas, que poden ser membranosas ou non (élitros, hemiélitros). Algúns insectos carecen de ás debido ao parasitismo (pulgas), ao seu primitivismo (colémbolos e demais apterigotos), ou por vivir en hábitats especiais (formigas), aínda que nestes últimos existen temporalmente individuos alados; e outros posúen só un par de ás (moscas). O abdome é longo, flexible, móbil e con 11 segmentos; no noveno e oitavo segmento xeralmente están os apéndices xenitais, e no último uns cercos. As tráqueas respiratorias ábrense por espiráculos nos segmentos torácicos e abdominais. O desenvolvemento pode ser por metamorfose hemimetábola (pequena transformación, como nos ortópteros) ou holometábola (transformacion completa, como nos lepidópteros), ou sen metamorfose (ametábolos). O grupo dos insectos son os máis abundantes do reino animal (máis dun millón de especies). Son cosmopolitas, exceptuando as rexións moi frías. Aparecen no Devónico, hai trescentos millóns de anos, e a súa maior explosión é no Carbonífero. Teñen unha grande importancia biolóxica e económica, como fonte de pragas agrícolas e forestais, como produtores de substancias útiles para o home, como vectores de enfermidades ou como depredadores.
-
adx
-
insecto folla
[ANIMAL/ENTOM]
Nome que se dá a insectos fásmidos do xénero Phyllium caracterizados polo feito de teren o corpo achaiado, de cor verde, forma de folla e con expansións laminares. Viven nas fragas da rexión indomalaia e nas illas de Sri Lanka e as Seychelles.
-
insecto pao
[ANIMAL/ENTOM]
Nome que se dá a insectos da orde dos fásmidos, co corpo áptero, delgado, alongado e cilíndrico, e que presenta homocromía. Esencialmente nocturnos, quedan completamente inmóbiles durante o día. Hai numerosas especies que habitan as rexións tropicais e subtropicais.