insubmisión

insubmisión

(< 1 in- + submisión)

  1. s f

    Estado ou calidade de insubmiso.

    Sinónimos: rebeldía. Antónimos: submisión.
  2. Forma de desobediencia civil, entendida como un instrumento de participación política, que consistía na negativa a realizar tanto o servizo militar (SM) como a prestación social substitutoria (PSS), alegando razóns de conciencia ou íntimas convicións, contrarias ao militarismo e ao armamentismo. A resposta gobernamental aos insubmisos, apoiada na Lei Orgánica 8/1984, do 26 de decembro, e na reforma da mesma pola Lei Orgánica de 1985, adoitaba concluír cunha condena de dous anos, catro meses e un día de prisión. A proliferación de casos de insubmisión, procedentes tanto de militantes e simpatizantes da esquerda e dos ambientes nacionalistas, como de movementos sociais e relixiosos, incrementou o apoio social a esta opción. O Código Penal de 1995 introduciu reformas ao respecto: elimináronse as penas de prisión, substituídas por outras sancións (suspensión dalgúns dereitos civís e, principalmente, de acceso á función pública). Como resposta, o movemento antimilitarista deseñou unha nova estratexia, a da insubmisión nos cuarteis, que consistía en incorporarse a filas para logo desertar e, deste xeito, seren xulgados polos tribunais castrenses e cumprir pena de prisión en cadeas militares. O delito de insubmisión suprimiuse oficialmente en febreiro de 2002, meses despois de que se eliminara o servizo militar obrigatorio.

Formas incorrectas

insumisión