Internet
-
[INFORM]
Interconexión mundial de redes informáticas que permite a ordenadores de todo o mundo estar conectados entre si por varios medios de comunicación, e que cumpren as normas establecidas pola serie de protocolos TCP/IP.
Mensaxes
Dous ordenadores comunícanse por Internet enviándose mensaxes que poden conter moitos tipos de información, como por unha mensaxe de correo electrónico (e-mail), imaxes dixitais, arquivos electrónicos, sons dixitalizados, parte dunha conversa telefónica ou imaxes de video. Antes de envialos, o ordenador ten que incluír a mensaxe nun ou máis paquetes IP (Internet Protocol) e engadir, entre outras, dúas cousas fundamentais: o destinatario e o remitente. Todo paquete (ou datagrama) IP enviado por Internet ten que levar o enderezo IP do ordenador destinatario do paquete e o enderezo IP do remitente onde se orixinou este. Para isto é necesario que cada ordenador ou equipo conectado a Internet teña una dirección IP, composta por catro números entre 0 e 255. Así, 10.25.1.100 sería a dirección IP dun servidor de correo. As mensaxes quedan almacenadas no servidor ata que o destinatario real se conecte e lea o correo. A maior parte dos intercambios de mensaxes son, como neste caso, entre cliente e servidor, onde o cliente é o que require o servicio proporcionado polo servidor.
Nomes no dominio
Os usuarios normalmente non ven as direccións IP deste xeito numérico. A dirección IP do servidor do exemplo é 10.25.1.100, mais a dirección simbólica (concretamente o nome no dominio) é “irindo.com”. O usuario escribe o nome do dominio e o programa cliente emprega os servicios DNS para obter a dirección IP. Os servicios DNS (Domain Name Service) son algo semellante a unha guía telefónica distribuída por Internet. Este método ten a vantaxe de que o cliente pode obter do DNS a dirección IP aínda que esta cambie, só con saber o nome do dominio.
Elementos básicos
Internet está composta de catro elementos básicos: o cliente, que é o que quere obter un servicio de Internet; o encamiñador, que é o que envía os diferentes datagramas que compoñen a mensaxe para que cheguen ao seu destinatario; o servidor, que é o ordenador que pode dar servicios, incluíndo o subministro de información; e as conexións, que son asociacións entre dous ordenadores para intercambiar mensaxes. O mecanismo para que un cliente obteña un servicio dun servidor conectado a Internet é o seguinte: 1) O cliente solicítalle ao servidor permiso para facer unha conexión. 2) O servidor acepta a conexión e respóndelle ao cliente. 3) O cliente envía mensaxes correspondentes ao servicio concreto solicitado. 4) O servidor devolve as mensaxes de resposta. 5) O cliente pecha a conexión. 6) O servidor pecha a conexión. Isto presupón que o ordenador do cliente está xa fisicamente conectado a Internet por módem ou banda ancha (xDSL, cable, satélite) a través da súa compañía de acceso a Internet. Os servicios de Internet máis usados empregan conexións para o intercambio dos paquetes (datagramas) que conteñen as mensaxes dos servicios, aínda que hai outros servicios que non necesitan conexións. Para identificar os ordenadores, ademais de pola dirección IP, utilízase o concepto de porto. Así, unha conexión emprega o porto para identificar a aplicación unha vez que a mensaxe chegou ao ordenador destinatario. O porto é un número de 0 a 65.535. Como exemplo, cómpre mencionar que o porto do servidor dunha Web é normalmente o 80.
Servicios do protocolo TCP/IP
Os servidores conectados a Internet proporcionan diferentes servicios aos clientes, dos que os máis coñecidos son o correo electrónico (e-mail), a WWW ou Web, os grupos de novas, os FTP e Telnet. O WWW ou Web é o servicio dos servidores de información en formato HTML/XML. O FTP (File Transfer Protocol) é un servicio de transferencia de arquivos. Os servicios de Internet non forman parte propiamente da serie de protocolos TCP/IP, senón que os empregan e os executan a nivel de aplicacións como programas independentes. Os servicios TCP/IP son as funcións que lles proporcionan a serie de protocolos TCP/IP ás aplicacións. As aplicacións poden empregar, basicamente, dous tipos de transporte: TCP e UDP. O protocolo TCP (Transmission Control Protocol) emprega conexións e garántelle ás aplicacións que as mensaxes chegarán ao destinatario con fiabilidade e na mesma orde de envío. Se a entrega da mensaxe non é posible, a aplicación que a mandou recibe unha notificación do erro. O protocolo TCP divide a mensaxe da aplicación en anacos (datagramas ou paquetes), e ponos en varios sobres certificados e ordenados que son enviados ao destinatario. Pola súa banda, o UDP (User Datagram Protocol) é un protocolo sinxelo que implementa un nivel de transporte orientado a datagramas.
Servicios de Internet
WWW (World-Wide Web/Web ou arañeira mundial)
A Web é unha rede de servidores de información escrita en formato HTML (Hyper-Text Markup Language). Os compoñentes básicos deste servicio son: o programa cliente ou browser, o programa servidor da información, a base de datos, que ás veces contén a información, o protocolo HTTP e a Internet que transporta as mensaxes. A norma HTTP (Hypertext Transfer Protocol) define as mensaxes intercambiadas polo servidor e o cliente. Cando un usuario quere ler a información da Web da Enciclopedia Galega Universal escribe a dirección simbólica “http://www.irindo.com/egu” na ventá do cliente. Esta dirección chámase URI (Uniform Resource Identifier) e sinala unha páxina única en Internet chamada “egu” que reside no servidor “www.irindo.com”. Este é o nome no dominio do servidor Web da EGU e é único en Internet. A primeira parte, “http:”, indícalle ao cliente que ten que empregar o protocolo HTTP. O programa obtén a dirección IP do servidor “www.irindo.com” empregando o servicio DNS. Este xeito de traballar ten a vantaxe de que o cliente, sabendo o nome no dominio, poderá sempre obter do DNS a dirección IP, aínda que esta cambie. O servicio DNS é outro dos protocolos da serie TCP/IP. Estes servicios están distribuídos en toda Internet, mesmo no ordenador do usuario, e é algo semellante a unha guía telefónica. Despois de obter esta información, o cliente fai unha conexión TCP co porto 80 do servidor, e unha vez aceptada a conexión, pide que se lle envíe o arquivo “egu”, que contén unha páxina Web escrita en linguaxe HTML. Esta linguaxe creouse para mostrar texto e imaxes, e foi especialmente deseñada para hipertextos, xa que cos hiperenlaces o usuario pode moverse dunha paxina Web a calquera outra. Tamén se pode usar para escribir información nas ventás das páxinas Web e enviala do cliente ao servidor. Outras posibilidades máis complexas permítenlle aos servidores preparar páxinas no momento con información das bases de datos. Os navegadores son practicamente unha interface entre o usuario e outros servicios de Internet, como o FTP, Telnet, o correo electrónico ou os grupos de novas. Tamén empregan programas especiais (plug-ins) para outros tipos de informacións, como sons ou imaxes de televisión, e tamén guións (scripts) ou programas escritos na linguaxe de programación Java. Os navegadores máis coñecidos son Internet Explorer, Netscape, Mosaic e Opera. Un dos servicios máis usados de Internet son os portais de busca de información (search engines). Estes servicios percorren continuamente os documentos HTML de toda Internet e clasifican a información en grandes bases de datos. O usuario destes servicios pode localizar calquera páxina Web empregando as listas das páxinas creadas por estes servicios. Google, Yahoo e Lycos, son algúns dos buscadores máis populares.
Correo electrónico (e-mail)
Os servicios de correo electrónico permítenlle aos usuarios de Internet intercambiar mensaxes. Os compoñentes básicos deste servicio son: o programa cliente ou lector do correo, o programa servidor do correo, o protocolo SMTP, o protocolo POP e Internet, que se emprega para transportar as mensaxes. A norma SMTP (Simple Mail Transport Protocol) define as mensaxes para intercambiar correo. A norma POP (Post Office Protocol) pódese empregar para ler o correo desde ordenadores que non teñen SMTP. Para intercambiar mensaxes o usuario ten que ter unha dirección de correo electrónico nun servidor de correo de Internet. A dirección de correo contén o nome da conta do usuario e o nome no dominio do servidor. Así, “mcarmepatiño@irindo.com”e “arauxoooh@irindo.com”, son contas de correo no dominio “irindo.com”. Neste caso o dominio ten que ter un servidor do correo SMTP. Os servicios de correo pódense usar para intercambiar textos, imaxes, arquivos e tamén programas e guións.
Historia de Internet
Os alicerces de Internet foron iniciativa do Departamento da Defensa de EE UU, que a través da axencia ARPA (Advanced Research Projects Agency) desenvolveu en 1968 a rede ARPANET, que empregaba conexión de cable a 50 Kpbs para conectar os ordenadores. En 1972 ARPANET presentou a primeira aplicación de correo electrónico. En 1973 Kahn e Cerf desenvolveron o protocolo TCP/IP para a ARPANET. Entre outras ideas novas, este protocolo permitiu que redes diferentes puidesen comunicarse entre si. Isto representou o comezo de Internet. En 1979 creouse a rede USENET, que empregando o protocolo UUCP, servía para distribuír grupos de novas (USENET News). En 1986 a USENET empezou a distribuír os grupos de novas usando o protocolo NNTP (Network News Transfer Protocol) sobre TCP/IP na Internet. Os grupos de novas permitíanlle aos usuarios escribir mensaxes que podían ser lidas por calquera outro usuario da rede USENET. A partir de entón, USENET medrou espectacularmente contribuíndo, xunto co servicio de correo electrónico, ao crecemento de Internet. En 1983 creouse o IAB (Internet Activities Board). O mesmo ano TCP/IP adoptouse como o protocolo normalizado de Internet e creouse o DNS (Domain Name System). En 1986 formouse o IETF (Internet Engineering Task Force) para a discusión das cuestións técnicas de Internet. En 1990 apareceu no CERN de Xenebra o primeiro sistema de hipertexto, e en 1992 a mesma organización fixo pública a primeira versión da Web, creada por Tim Berners-Lee. Nese mesmo ano creouse a Internet Society, unha institución privada que controla as normas técnicas e a evolución de Internet. En 1993 apareceu Mosaic, o primeiro navegador gráfico para a Web. En 1995 comezou a etapa comercial de Internet e o seu crecemento exponencial.
Cambios en Internet
Internet ten cambiado rapidamente desde que en 1995 comezou a etapa comercial. As liñas de comunicacións da espiña dorsal de Internet que no principio eran de cobre e poucos Mbits/s, substituíronse por fibra óptica 1.000 veces máis capaces, da orde de Gbits/s. Os encamiñadores da espiña dorsal (Internet Backbone), que dirixen o tráfico no núcleo de Internet, poden hoxe en día enviar ata 1 millón de paquetes por segundo. O número de equipos conectados a Internet é descoñecido, aínda que se estiman en 200 millóns. É de esperar que os equipos sen cable, coches, equipos de control e recolla de datos e tamén electrodomésticos acaben representando a maior parte dos equipos conectados a Internet. Calquera rede que cumpra coas normas adoptadas pola IETF pode formar parte dela. Un dos cambios progresivos é o paso do protocolo IPv4 (versión 4 do protocolo IP) á versión IPv6 (versión 6). Coa versión 6 o número de direccións IP, que é limitado na versión 4, pasa a ser prácticamente ilimitado. Co IPv6 cambia a organización das direccións IP para dar servicio a equipos nómades (teléfonos celulares ou ordenadores portátiles), mellorar a seguridade e privacidade da información e favorecer o encamiñamento dos paquetes IP. Por último, a versión IPv6 simplifica a configuración requirida polos equipos para conectarse a Internet. Outros cambios fundamentais para os servicios telefónicos, de teleconferencia ou de video a través de Internet, son a introducción de calidades do servicio nas conexións. Estes cambios requiren novas tecnoloxías de conmutación de paquetes e encamiñamento, tales como o MPLS, que facilita o envío de paquetes IP por hardware e define un camiño fixo dos mesmos a través de Internet. A calidade do servicio permite darlle prioridade a certas particularidades, como o límite de tempo necesario para que chegue unha mensaxe do remitente ao destinatario, algo custoso e difícil sen as novas tecnoloxías. Tamén permite priorizar un tipo de tráfico sobre outro e crea novas formas de cobro baseándose na calidade do servicio. A normalización das Redes Privadas Virtuais ou VPN (Virtual Private Networks) é outro avance debido á aprobación da norma IPSec. Unha VPN permite o establecemento dun “túnel” de datos, seguro e privado, entre redes privadas a través de Internet.
A seguridade en Internet
O tema da seguridade é un dos máis complexos, xa que é difícil predicir os buratos na seguridade do software que fai posible Internet. A protección dos datos implica que non sexan roubados, modificados ou lidos por persoal non autorizado. Os recursos de Internet, incluíndo o software dos ordenadores, están sometidos a ataques, como virus (programas alleos que danan o sistema) e vermes (programas non autorizados que abusan do sistema). Os equipos poden estar sometidos a ataques continuados (Denial of Service) con paquetes IP que bloquean o acceso aos usuarios lexítimos. Outros problemas de seguridade proveñen da recolla de datos non autorizados nos servicios Web. A execución de programas e guións descargados de Internet e de orixe descoñecida é tamén unha fonte de problemas de seguridade. Estes programas poder vir pegados a mensaxes do correo electrónico ou páxinas Web. -
[INFORM]
Comunidade de xente de todo o mundo conectada á Internet.
-
Información ou servicios residentes nos servidores conectados a Internet e a disposición desta comunidade.