interruptor -ra
(< lat interruptōre)
-
adx e s
Aplícase ao que ou a quen interrompe.
-
[FÍS]
-
s
m
Aparato para interromper (abrir e pechar) un circuíto eléctrico. Esencialmente consta de dous contactos que poden conectarse e desconectarse mediante un dispositivo mecánico, manual ou automático, axeitado. Cando se pon un interruptor en funcionamento xorde unha chispa que pode transformarse nun arco que destrúa os contactos. Para evitalo recórrese a diversos procedementos, como aumentar a distancia entre os contactos, realizar a interrupción a unha gran velocidade ou en diferentes puntos a un tempo, ou ben dispor de elementos auxiliares que faciliten a extinción do arco, de xeito que a chispa teña lugar dentro dunha cheminea de tiro ou mediante un campo magnético (sopro magnético). Tamén é frecuente somerxer, en certos casos, o interruptor nun gas non ionizable e de forte rixidez eléctrica ou nun baño de aceite. Un interruptor debe estar preparado para poder soportar con seguridade e permanentemente unha tensión e unha intensidade nominal determinadas e, ademais, caracterízase por unha certa capacidade de ruptura. Hainos de diversos tipos: de coitelas, de flotador, de panca, multipolar ou térmico. O interruptor industrial clásico foi o de panca con coitelos móbiles entre contactos prensores fixos ao aire para correntes pequenas, e metido nun baño de aceite para correntes elevadas. Nas instalacións domésticas de baixa tensión empréganse interruptores de parede, de accionamento manual.
-
interruptor automático
Interruptor que abre un circuíto nunhas condicións predeterminadas, por exemplo tomando unha corrente un valor máximo ou mínimo. O restablecemento do servizo pode ser automático, unha vez desapareza a causa da interrupción, ou ben mediante un dispositivo manual. Chamados tamén disxuntores, empréganse para a protección de motores, de circuítos e nas instalacións domésticas e industriais.
-
interruptor de boia
Interruptor que se acciona mediante un mecanismo asociado a un flotador posto sobre a superficie dun líquido de tal xeito que, segundo o nivel deste, abre ou pecha o contacto.
-
interruptor de mercurio
Interruptor en que os contactos, fixos, son postos en comunicación eléctrica mediante unha gota ou unha masa de mercurio. O conxunto disponse nun tubo ou nunha ampola de vidro, montados ou incorporados nun órgano basculante en que a posición determina o estado de condución ou de bloqueo. Emprégase especialmente en ambientes explosivos ou corrosivos.
-
interruptor diferencial
Interruptor automático que funciona ao producirse unha diferenza de intensidade determinada entre dúas ramas dun circuíto. Emprégase nas instalacións domésticas como elemento de protección contra o paso de correntes perigosas polo corpo humano, e actúa cunha corrente diferencial de 30 mA.
-
interruptor electrónico
Calquera dispositivo electrónico, como un transistor ou un tiristor, que poida ser utilizado como interruptor. Empréganse cando é necesaria unha gran velocidade de resposta. Os de tipo optoelectrónico actívanse por medio dun láser ou dun raio de luz.
-
interruptor horario
Interruptor que se abre e pecha a unhas horas determinadas, establecidas a vontade. Combínase habitualmente cun temporizador regulable.
-
interruptor magnetotérmico
Interruptor automático con dous sistemas de desconexión: un térmico, que actúa no caso de sobreintensidades pequenas nun período longo de tempo, e outro magnético, que reacciona con correntes grandes nun período curto de tempo.
-
s
m