Irán

Irán
Nome científico: [Nome oficial: República Islámica de Irán; persa: Jomhūrī-ye Eslamī-ye Irān]

Estado de Asia occidental, limitado por Armenia, Acerbaixán, o Mar Caspio e Turkmenistán ao N, Afganistán e Paquistán ao L, Iraq e Turquía ao O e os golfos Pérsico e de Omán ao S (1.645.258 km2; 64.528.000 h [estim 2001]). A súa capital é Teherán.
Xeografía física
As cordilleiras de Irán divídense, a partir do núcleo montañoso de Armenia, en dous sistemas de dirección NO-SL e cunhas altitudes que superan os 3.000 m: o que bordea a costa do Mar Caspio de O a L cos montes Elburz (Demāvand, 5.760 m), que se prolonga cara ao L polas montañas do Khorāsān, e o que parte do L da depresión do lago Urmia e forma unha serie de cordilleiras, o Zagros, que a través de Kurdistán se dirixen cara ao altiplano interior. Este altiplano central, duns 1.000 m de altitude media, é practicamente desértico, formado por concas afundidas de marismas salinas (kevir) e chairas pedregosas (dascht), interrompidas por extensións dunares. As únicas chairas de orixe aluvial son a estreita pero fértil banda costeira do Mar Caspio, do golfo de Omán e do Golfo Pérsico. Afastado polas elevadas montañas da influencia dos ventos húmidos mariños, as precipitacións son escasas, agás na costa do Caspio. O clima está condicionado polos ventos secos do N. Os ríos carecen, polo xeral, de acceso directo ao mar e abundan as concas endorreicas. O río máis importante é o Kārūn, tributario do Sha ṭṭ al-’Arab. A estepa, practicamente subdesértica, cobre a maior parte do país. O bosque limítase ás vertentes setentrionais dos Elburz e ás occidentais dos Zagros.
Xeografía económica
A agricultura produce basicamente trigo (en Khorāsān e na costa do Caspio), arroz (á beira do Caspio), legumes, patacas, oleaxinosas (soia), hortalizas (sandías e melóns), algodón, cana de azucre, tabaco, té, remolacha azucreira, vide, dátiles, oliveiras e froiteiras (mazás, cítricos e améndoas). Destaca a gandería ovina, en que posúe o cuarto maior armentío mundial, cunha notable produción de la destinada á elaboración de alfombras. Tamén hai cabras, cabalos, reses bovinas e aves de curral. A pesca é pouco significativa, aínda que resulta moi produtiva a do esturión no Mar Caspio, do que se extrae o caviar máis prezado do mundo. En conxunto, as actividades agropecuarias dan traballo ao 23% da poboación. A extracción petrolífera constitúe o principal recurso económico do país: cuarto produtor mundial, representa o 86% do valor das súas exportacións. Os xacementos máis importantes atópanse entre os montes Zagros e a beira do Golfo Pérsico. Tamén é un importante produtor de gas natural, así como de carbón, ferro, chumbo, cromo, cinc, cobre, manganeso, sal e magnesita. A industria limítase aos sectores téxtil (lanar en E ṣ fahān, Teherán, Tabrīz e Yadz; e algodoeiro en Teherán, Qazvīn, Shīrāz, E ṣ fahān, Shāhī), azucreiro (en Kahrizak, Karaj, Veramin e Mervdasht), tabaqueiro (Teherán), de montaxe de automóbiles (Teherán), siderúrxico (E ṣ fahān), ademais da petroquímica, que ten unha produción que supera o conxunto de todas as demais coa súa produción derivada: abonos nitroxenados, caucho sintético, pneumáticos e plásticos. As comunicacións son inadecuadas para a extensión do país. O Kārūn, que ten saída ao mar compartida con Iraq, permite a navegación fluvial. Tamén se navega polo lago Urmia e polo Mar Caspio. A navegación oceánica (polo Golfo Pérsico e o golfo de Omán) ten os seus principais portos en Khark (para o petróleo) e Bandar ‘Abbās como porto xeral. Irán ten unha balanza comercial negativa: importa vehículos de motor e maquinaria, ferro e aceiro, alimentos e medicinas; exporta fundamentalmente petróleo, ademais de produtos suntuarios, como alfombras e caviar.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A composición étnica de Irán está conformada por un 51% de persas, un 24% de acerbaixanos, un 7% de kurdos, un 3% de árabes, un 2% de baluchis e un 0,5% de armenios, mentres que o conxunto das demais etnias que integran a poboación iraniana representan o 12,5% restante. O persa é a lingua maioritaria e oficial, pero tamén se falan o acerbaixano, o kurdo e o luri, entre outras.   Con respecto á filiación relixiosa, a poboación divídese entre os musulmáns xiítas, que representan un 93,9% e os musulmáns sunnitas, representados no 5,7% restante. O índice de alfabetización de adultos en 2000 era do 76,3%, mentres que o índice de escolaridade bruto para o mesmo ano foi do 73%. A educación é obligatoria ata os 11 anos.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano de Irán é dun 0,714, o que o sitúa no 90º posto, entre os países cun desenvolvemento humano medio. Este indicador, desagregado, ofrece como balance que a esperanza de vida ao nacer é de 68 anos para os homes e de 71 anos para as mulleres. O PNB por persoa é de 1.810 $ EE UU.
Goberno e política
Polo referendo de marzo de 1979, Irán   converteuse nunha república islámica, que aplicou ríxidos principios relixiosos a cada un dos aspectos da vida civil. A Constitución de decembro de 1979, emendada en xullo de 1989, sancionou a subordinación do estado á guía do clero xiíta. O goberno descansa sobre un sistema bicéfalo, en que existen un Wali Faghih (líder relixioso ou guía da revolución), nomeado pola Majlis Khobregan (Asemblea de Expertos), e un líder político, o presidente da república, elixido polos cidadáns por sufraxio universal para un período de catro anos. O Wali Faghih nomea directamente o xefe do poder xudicial, é tamén o xefe do exército, polo que xoga un papel importante no aparato do estado. O Wali Faghih, xunto co Shurâ-yé négâhbân (Consello dos Gardiáns), teñen a posibilidade de veto e control no sistema constitucional. O poder lexislativo reside no Majles Shoraye Eslami (Parlamento), formado por 290 membros elixidos por sufraxio universal para un período de catro anos, mentres que as minorías relixiosas teñen reservado un total de cinco escanos. O sistema xudicial baséase na šarī’a (lei islámica) e están recollidos diversos castigos corporais para crimes. A pena de morte permanece en vigor. Despois da elección do presidente Khatami (1997), permitiuse o establecemento de diversos partidos políticos: Jame’e Rouhaniyate Mobarez (JRM, Asociación de Clérigos Militantes), grupo político relixioso islamista fundado trala vitoria da revolución islámica en 1979; Nehzate Azadie Iran (NAI, Movemento de Liberación do Irán) constituído en 1962, converteuse nun partido oficial desde 1987; Hezbe Kargozarane Sazandegi Iran (HKSI, Partido dos Executivos da Construción); Jamiate Moutalefeye Eslami (JME, Coalición de Asociacións Islámicas), formada pola unión de diversos grupos relixiosos do bazar de Teherán. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU e OPEP.
Historia

As orixes dos persas
Cara ao s XVIII a C pobos de orixe indoeuropea establecéronse nas mesetas iranianas e someteron os grupos que habitaban na rexión. Posteriormente, sumáronse novos grupos indoeuropeos ata o s X a C. Estes pobos foron coñecidos como medos, persas, iranios ou partos, segundo a época e a fonte. No reinado de Ciaxares conquistaron a chaira mesopotámica e baixo Ciro II de Persia chegaron a Asia Menor polo O e ata o actual Afganistán polo L. Os seus sucesores estendéronse ata Grecia, Exipto, Turkestán e India. Este imperio foi conquistado por Alexandre o Grande a finais do s IV a C, pero os seus sucesores non puideron conservar a integridade territorial. Os persas acadaron a independencia coa dinastía arsácida (ss II a C - III d C) e mantivérona baixo os sasánidas, con constantes enfrontamentos cos romanos e bizantinos.
A integración no Islam
Despois da conquista árabe (641), o país foi islamizado, pero conservou a súa lingua. A crise do Califato de Bagdad permitiulles aos persas adquirir unha independencia virtual baixo as dinastías persas ou turcas selxúcidas. A invasión dos mongois de Kublai Khan (1258) marcou unha nova etapa. As loitas dinásticas entre os descendentes de Timur Lāng e os otomanos permitiron que a dinastía safávida (1500-1736), fundada polo xa Ismā’īl I de Persia (1501-1524), restaurase a orde e establecese o xiísmo como relixión estatal. No reinado do xa ‘Abbās I de Persia (1567-1629) acadouse a unificación do país, expulsáronse os turcos da zona occidental e estendéronse por Afganistán.
A dinastía dos Qajar
A inestabilidade e a anarquía que marcaron o s XVIII rematou coa chegada ao trono da dinastía dos Qajar (1794-1924), que iniciou a modernización do país e tivo que enfrontrase coas ambicións expansionistas de rusos e ingleses. Os rusos obrigaron a Irán a renunciar á área caucásica polos tratados de Gulistán (1813) e Turkamanchai (1828). Mentres, os británicos achegáronse desde o Golfo Pérsico e Afganistán. O estado iraniano estableceuse no s XX baixo unha constante intervención estranxeira estimulada polos descubrimentos de petróleo en Masjed Soleymān (1908). A consecuente reacción nacionalista conseguiu do xa Mu ẓ affar al-Din a promulgación da I Constitución Imperial (1907), que foi abolida polo seu sucesor, Mu ḥ ammad ‘Alī. Este dimitiu en favor do seu fillo A ḥ mad Shāh (1909), que foi desposuído do poder polo golpe de estado de Savvid Zia e o xeneral Ri ḋ a Ḳ hān (1921). Ri ḋ a Ḳ hān foi nomeado primeiro ministro (1923) e ocupou o trono de Persia, co nome de Reza I de Irán (1925). Tentou instaurar un estado moderno con medidas como a reforma dos sistemas de educación e saúde e a creación do Banco Nacional (1927). Ademais buscou limitar a influencia anglo-rusa cun achegamento a Alemaña. En 1935 adoptou oficialmente o nome de Irán. Durante a Segunda Guerra Mundial tentou manter a neutralidade, pero foi invadido e derrotado polos Aliados en setembro de 1941.
O goberno de Muammad Reza
O xa foi deposto e obrigado a abdicar no seu fillo, Mu ḥ ammad Reza, que gobernou baixo a tutela anglo-soviética ata o fin da guerra. M. Reza loitou xunto aos Aliados, que se comprometeron a garantir a integridade do territorio, ameazado pola revolta kurda (1946) e pola forte influencia comunista en Acerbaixán. A constitución, redactada en 1949, recortou os poderes imperiais e permitiu que as forzas nacionalistas e progresistas incrementaran o seu poder no Parlamento. O primeiro ministro Mosaddeq emprendeu unha política de nacionalización da industria do petróleo (1951), o que forzou o abandono do país da British Oil Company. Comenzou unha loita polo poder entre o xa e Mosaddeq, que fracasou e foi derrocado polo golpe de estado organizado polo xa e dirixido polo xeneral Fazlollah Zahedi (1953). Despois da destitución de Mosaddeq un consorcio internacional fíxose cargo da produción de petróleo, mentres que o estado permaneceu como propietario dos xacementos e recibiu o 50 % dos beneficios. A partir da década de 1960 o xa iniciou un proxecto para modernizar e occidentalizar o país, a denominada Revolución Branca (1963), programa que incluía a reforma agraria e transformacións sociais e económicas, que pretendían converter o país nunha potencia. Cara a finais da década de 1960, o goberno do xa volveuse máis dependente da Savak (policía secreta) para controlar os movementos políticos contrarios ás reformas. En 1975 impuxo un réxime de partido único e puxo fin á vella disputa fronteiriza con Iraq. O incremento da represión, a inflación e a corrupción, xunto coa modernización e occidentalización crecentes do país, traduciuse en diversas sublevacións, folgas e disturbios, e na unión da oposición ao xa. En setembro de 1978 impúxose a lei marcial, pero a degradación da situación levou á fuxida do xa e da súa familia en xaneiro de 1979.
A república islámica e a guerra con Iraq
En febreiro de 1979 chegou do seu exilio o ayatollah Khomeynī, que instituíu a república islámica. No mes de xuño nacionalizouse a banca, as compañías de seguros e as principais empresas industriais do país. En decembro un referendo aprobou a constitución do réxime islámico, que lle outorgou poderes ditatoriais a Khomeynī. A república emprendeu unha violenta campaña antiestadounidense que culminou coa ocupación da embaixada de EE UU en Teherán. As diversas minorías nacionais do estado iraniano aproveitaron a inestabilidade política para reivindicar os seus dereitos, e produciuse a sublevación dos kurdos en 1979, que foron duramente reprimidos. En 1980 sufriu o ataque de Iraq por problemas nos seus límites fronteirizos e a cuestión da saída ao mar e iniciouse a Guerra Irán-Iraq (1980-1988). Malia que as forzas iraquís acadaron incialmente importantes vitorias, Irán reorganizou as forzas e iniciou unha contraofensiva que en 1982 lle permitiu recuperar a maior parte dos territorios invadidos. Entre 1982 e 1987 as forzas de Irán organizaron unha infrutuosa ofensiva ao longo da fronteira S. A pesar do illamento internacional a que foi sometido oficialmente Irán, especialmente por parte dos países do bloque occidental, produciuse un incremento do tráfico ilegal de armamento con moitos destes países. A implicación de EE UU no tráfico de armas provocou o escándalo do Irangate (1986). O desgaste da poboación e a crise da economía de Irán e Iraq levou aos gobernos a un acordo de cesamento do fogo (1988) e o comezo das negociacións para solucionar o conflito territorial. En 1989 Khomeynī ordenou que Salman Rushdie fose condenado a morte pola publicación da novela The satanic verses (1989). Despois da morte de Khomeynī (1989), Alī Khamenei converteuse en novo ayatollah, e Alī Rafsanjani asumiu o cargo de xefe do estado co apoio dos sectores eclesiásticos máis moderados do réxime. Irán condenou a invasión iraquí de Kuwait e aproveitou a situación internacional para recuperar parte do seu territorio ocupado polos iraquíes e repartiron a soberanía sobre Shatt-al Arab. Durante a Guerra do Golfo (1991) mantivo as distancias e non se involucrou no conflito, feito que favoreceu o restablecemento das relacións con Occidente. Durante o mandato de Alī Rafsanjani (1989-1997), apoiado nos koragozan de ideología centrista, adoptouse un programa de liberalización da economía, que fracasou pola falta de liberdadades do réxime, que limitou os investimentos no sector privado. En xullo de 1996 os EE UU endureceron as sancións contra Irán, como participante nas accións terroristas.
Os gobernos de Muammad Khatami
O movemento reformista dos ruhaniyoun, considerados a esquerda socialista inserida na revolución, acadaron o seu primeiro éxito coa vitoria de M. Khatami nos comicios presidenciais de maio de 1997, apoiado masivamente polos estudiantes e as mulleres. O goberno de Khatami, sen cuestionar as bases do sistema, permitiu a apertura cara a Occidente iniciada coas declaracións efectuadas en setembro de 1998, en que asegurou que non seguiría atentando contra a vida do escritor Salman Rushdie. A fortísima reacción conservadora, que levou á suspensión xudicial dunha ducia de periódicos liberales, levou á revolta estudantil en xullo do 1999 como mostra de rexeitamento á lentitude das reformas, e provocou graves disturbios en Teherán e nas principais cidades do país. A enérxica represión dos estudiantes prolongouse durante varias semanas. Nas eleccións parlamentarias de febreiro de 2000 os seguidores de Khatami acadaron o 56,7% dos votos e 189 escanos sobre 290. Malia que conseguiron o control dos poderes executivo e lexislativo, o goberno reformista sufriu fortes limitacións, pois o clero e os conservadores mantiveron o seu dominio sobre as forzas de seguridade, o exército, o sistema xudicial, o Shurâ-yé négâhbân e a Majlis Khobregan. A reelección do presidente Khatami en xuño de 2001 polo 78,3% dos votos permitiulle continuar coa política de apertura moderada. Tralos acontecementos do 11 de setembro de 2001, e a guerra contra Afganistán desencadeada por EE UU, produciuse un achegamento entre Irán e EE UU.